A central,
que chegara a ter 30.000 afiliados en Galicia, conta con sete sindicatos e unha
militancia estemuñal, pero en aumento
NATALIA
ARIAS 14/11/2010
A CNT-AIT
cumpre cen anos fiel aos principios que viron nacer a segunda central en activo
máis lonxeva de España, logo da UGT. Os seus militantes seguen sen participar
en comités de empresa, sen recibir subvencións do Estado e practicando unha
forma de sindicalismo desvencellada dos partidos políticos. Desde a xornada
laboral de oito horas á revolución de 1936, o sindicato atesoura a memoria do
movemento obreiro e resiste cunha representación moi afastada dos 70.000
militantes que chegara a ter en España a comezos da Guerra Civil. A represión
franquista, o afastamento do anarcosindicalismo dos Pactos da Moncloa, as
escisións da Transición, o rexeitamento ás eleccións sindicais e o chamado caso
Scala –un incendio desatado nunha sala de festas de Barcelona en 1978 do que se
tentara inculpar a organizacións anarquistas–, explican como chegou a ser hoxe
unha central “cunha actividade máis testemuñal”, como sinala Eliseo Fernández,
coautor xunto a Dionisio Pereira do libro O movemento libertario en Galicia
(1936-1976). Porén, segundo aseguran na Galaica, o anarcosindicalismo aínda
respira. Desde hai tres anos xurdiron os sindicatos de Ferrol e Betanzos e aínda
hoxe a central, con sete agrupacións, conta con varios centos de militantes.
“En Galicia,
ao anarquismo faltoulle unha xeración intermedia; logo do franquismo, a CNT
rexurdiu con antigos militantes e xente nova e produciuse un conflito
xeracional entre a vella tradición anarcosindicalista e unha militancia obreira
máis influída polo Maio do 68, moi vinculado ao Partido Comunista; a partir de
aí, o individualismo que se foi implantando nos traballadores fixo que se
perdese a cultura obreira que a fixera ascender desde 1880 a 1936”, di o
investigador a respecto do seu esmorecemento.
Os inicios
foron moi distintos. A CNT logrou en España unha ampla adhesión cun contexto
internacional pouco favorable. Prendeu desde Barcelona no conxunto do Estado
cando o anarquismo desaparecía en todo o mundo, salvo na Arxentina, ata
“converterse no único movemento de masas de Europa”, segundo Julián Casanova,
catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Zaragoza e coordinador
do libro Terra e liberdade, que repasa a historia da central
anarcosindicalista. “A súa presenza en Barcelona e no seu cinto industrial,
onde o socialismo tiña unha escasa representación, fixo do anarquismo un
movemento peculiar e foi o que lle deu as masas e o impacto cultural”, explica
o historiador, que desmente a visión negativa do sindicato que alimentou “a
memoria contruída polo franquismo e os vencedores” e que fixo que se reforzasen
“reiteradamente” aspectos negativos da CNT como o anticlericalismo ou o terror
anarquista do verán de 1936.
Casanova
destaca a este respecto que en España “houbo moitos anarquismos” e que sempre
existiu “xente que considerou que a loita contra o Estado e explotación debía
facerse a través do enfrontamento directo contra eles”, un feito que provocou
que “o anarquismo vivise nunha tensión constante entre os que crían que a
revolución había que traela pola forza e quen a vía como o resultado dun
proceso gradual e de educación popular”. Porén, opina, “sen o segundo aspecto,
o primeiro tería quedado illado e reprimido”. “Foi a natureza do Estado español,
centralizador, ineficaz e represor a que explicaría un movemento que se baseaba
na crítica ao Estado e ao sistema electoral corrupto”.
O PRIMEIRO
CONGRESO
A CNT naceu
en Cataluña. A central constituíuse en Barcelona en 1910 no seo dun congreso do
sindicato catalán Solidaridad Obrera, que tiña por obxectivo organizar o anarquismo
para constituír unha forza que fixese fronte á UGT. Conseguírono porque, a
principios da II República, as dúas centrais contaban cunha afiliación similar:
unhas 70.000 persoas. Os anarquistas eran predominantes en Cataluña e tiñan
presenza en Biscaia –o outro gran centro industrial–, onde a UGT era dominante.
No campo andaluz, repartíanse a presenza e, en Madrid –onde os socialistas
contaban con moitos afiliados–, a CNT foi crecendo coa mobilización fronte á
República e a crise de xeito que cara a 1933 tiña xa moitos adeptos. Nas zonas
rurais de Aragón o apoio estaba repartido, pero en Zaragoza o
anarcosindicalismo era tamén maioritario e, en Galicia, A Coruña, con 10.000
militantes no 36, levaba a voz cantante. De feito, os obreiros desta cidade, onde
o anarquismo chegou a ser claramente maioritario, foron pioneiros en conseguir
a xornada de oito horas, que acadaron antes que a propia estrutura da CNT e
moito antes que ao resto do Estado, onde se implantou mediante un decreto en
1919 trala axitación autonomista de Cataluña.
Con todo e a
pesar de que xa había arraigo das ideas anarquistas en Galicia desde 1919, non
foi ata 1923 cando se forma a Confederación Galaica. “Desde A Coruña a CNT
foise estendendo a outras zonas industrias como Vigo e as vilas. En Vilagarcía
e Ferrol fíxose forte polos sindicatos pesqueiros e, “aínda que ao principio a
UGT tiña máis intervención no mundo agrario, a final da II República o
anarcosindicalismo estaba estendido no campo”, sinala Fernández, que di que,
antes da Guerra, contaba con 30.000 afiliados e 121 sindicatos.
Os afiliados
pertencían sobre todo aos gremios da construción e ao sector pesqueiro, explica
o investigador, que indica que o anarquismo galego sempre foi peculiar porque
“non había grandes terratenentes con xornaleiros como en Andalucía, senón
pequenos traballadores con algún empregado e sempre houbo certa tolerancia a
iso” e porque “os grandes teóricos tampouco eran titulados”. Fernández destaca,
entre outros, a Jaime Quintanilla; Manuel Fandiño, irmán das Marías de
Compostela; ou José Villaverde, que impulsou Solidaridad Obrera.
Cabeceiras
como Corsario, Unidade Labrega e Despertar saíron regularmente á rúa e, na Coruña,
a CNT fixo un taller colectivo, Tipográfica Obrera Coruñesa, que publicaba a
prensa libertaria e que foi incautado polo franquismo para o sindicato
vertical. Folgas no 33 pola xornada de seis horas, cooperativas de
traballadores e experiencias autoxestionarias de ensino, forman parte do legado
en Galicia da CNT, que aínda hoxe é quen de mobilizar os traballadores, como no
caso dos axentes forestais. A Galaica, cambiou, como di Alberte, os
linotipistas por informáticos, pero segue empregando a “acción directa” para
defendelos. Unha mensaxe que prende nos mozos, “máis co desprestixo das grandes
centrais” porque, puntualiza Rosa, “son como empresas financiadas con diñeiro público
e esa dependencia viuse na folga xeral”.
A CNT incrementou a militancia desde a aparición de Nunca Máis
porque a xente entendeu o modo de traballo e, segundo Alberte, “segue tendo
relevo xeracional, cando o sindicalismo non o ten”. É o que demostrou Suso García
cando puxo en marcha a organización de Betanzos. “Algúns quererían ver o cadáver
da CNT, pero sen un can das administracións, sen liberados, mercando nós os
locais e organizándonos en asembleas aínda estamos aí, e, desde hai un
tempo,volvendo a crecer”, di Pancho.
Ningún comentario:
Publicar un comentario