Unha exposición en Vigo e
un libro editado por Galaxia tratan de recuperar a figura e o labor de Fermín
Penzol, o home que atesourou a maior biblioteca privada do galeguismo
A.R. LÓPEZ . SANTIAGO
Naceu accidentalmente en
Sahagún, pasou a infancia en Mondoñedo, descubriu en Madrid o nacionalismo
galego e en Vigo forxou a máis importante biblioteca privada do galeguismo en
Galicia. Ese é o mapa vital de Fermín Penzol (1901-1981), unha figura que estes
días se reencarna no máis prezado dos seus obxectos, o libro, para que as
"novas xeracións coñezan o seu legado", asegura María Dolores
Cabrera, encargada de coordinar xunto a Henrique Monteagudo o volume.
O libro, titulado Unha
obra para un país (Galaxia), serve de complemento á exposición que, até o
30 de novembro se exhibe na Fundación Penzol de Vigo, onde se revisa a vida e
as cirunstancias históricas do fundador da institución e, mesmo, se reconstrúe
o seu espazo de lectura, un recanto no que tamén seleccionaba as adquisicións
da súa lendaria biblioteca.
Fillo dunha familia
acaudalada, con raíces en Asturias e no Bierzo, Fermín Penzol empezou desde moi
novo a mercar "todo o que había sobre Galicia e en escrito en
galego", asegura Cabrera. O tempo non minguou esta paixón bibliográfica,
acrecentada por unha folgada situación económica -foi rexistrador da
propiedade- e un matrimonio -aos 48 anos con Blanca Jiménez- que non tivo
fillos. "O seu mundo", engade Cabrera, "quedou centrado
exclusivamente no libro".
O encontro máis
transcendental da vida tívoo con Ramón Piñeiro en 1941, na tertulia madrileña
de La Granja del Henar. Alí inician unha relación de admiración mútua que se
prolongará atá a fin das súas vidas, cunha colaboración intensa no campo político:
en 1946, cando Piñeiro é detido, el pasa a ser o secretario político na
clandestinidade do Partido Galeguista, ao que se afiliara no 1931. Para Penzol
foi a culminación dun proceso que se iniciara nos primeiros vinte do século
pasado coa fundación da Mocedade Céltiga, un grupo nacionalista que servía como
unha especie de embaixada das Irmandades da Fala en Madrid.
"Piñeiro", subliña
Cabrera, "era como o seu irmán" e como irmáns camiñan xuntos na vía
culturalista que Piñeiro abre nos anos cincuenta como alternativa á acción política
clandestina. A editorial Galaxia será o buque insignia dun proxecto no que
Penzol terá unha misión moi especial: no 1956, fai a doazón dos seus fondos a
Galaxia para que queden á disposición dos investigadores e estudosos mozos. A
estratexia amósase clara, explica Cabrera: "En Compostela, estaba a
biblioteca da Universidade ou a do Instituto Padre Sarmiento; na Coruña estaba
a da Real Academia e Pontevedra tiña a do museo. Pero Vigo, que se convertera
con Galaxia nun novo referente do galeguismo, sufría a falta dun centro destas
características".
A Fundación e a editorial
complementábanse: a editorial publicando e a fundación asentándose como
"centro onde os rapaces con inquedanzas galeguistas que pasaban pola mesa
braseiro de Piñeiro comezan a investigar. A súa actividade nos anos sesenta foi
grande e polas súas salas pasaron intelectuais como Xosé Manuel Beiras
Torrado", apunta a investigadora.
O centro inaugurouse o
cinco de maio de 1963 -o mesmo ano no que Academia instituíu o Día das Letras-
cunha conferencia do portugués Rodríguez Lapa, símbolo da vontade de contar con
Portugal como aliado, Ao acto, asistiron, entre outros, escritores e
intelectuais emerxentes da época como Carlos Casares, Xosé Luís Méndez Ferrín,
María Xosé Queizán, Antón Santamarina ou Arcadio López Casanova.
A
volume non só revisa a biografía do bibliófilo, senón que tamén ofrece unha
ampla documentación -recadada por Benito Ramírez e Marián Vidal- e unha serie
de artigos nos que non podía faltar a sinatura de Francisco Fernández del
Riego, director da fundación até o pasado cinco de xaneiro. A remuda de Del
Riego marcou tamén o inicio dunha remuda xeracional que busca reintegrar a
institución na primeira liña da acción cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario