domingo, 7 de novembro de 2010

Os pupitres que viñeron de América


Indianos e sociedades de emigrantes en Bos Aires, A Habana e Montevideo financiaron preto de 400 escolas no medio rural ata o estalido da Guerra Civil

DIANA MANDIÁ
EL PAÍS - 05-11-2010
Escola de indianos de Santa Xusta, Moraña
Todos os mozos reclutados nos anos 30 nos concellos do partido xudicial de Viveiro para facer o servizo militar sabían ler, escribir e contar. Non era o más frecuente na Galicia de comezos do século XX, que arrastraba taxas de analfabetismo superiores ao 50% da poboación aínda en 1920. Boa parte dos novos soldados estudara nalgunhas das 25 escolas creadas por Vivero y su comarca, unha sociedade de mariñanos emigrados na Habana.
O que non saiu das arcas municipais saíu do peto dos galegos do outro lado do océano. Entre finais do século XIX e 1936, indianos e emigrantes organizados en sociedades construíron cerca de 400 escolas en toda Galicia, a maioría nas comarcas de Ortigueira, A Mariña, O Deza e o Baixo Miño. Dende finais de 2008, un grupo de investigadores tutelado polo Consello da Cultura e presidido por Vicente Peña Saavedra, historiador da educación, identifica e cataloga cada un deste centros, a maioría reconvertidos en centros socioculturais. O obxectivo de Escolas da Emigración, título do proxecto, é o de recuperar a maior información posible -regulamentos internos, fotografías, programas didáctico e mesmo fichas arquitectónicas- duns centros que non sempre funcionaron baixo réximes democráticos e que, sen excepción, cambiaron de rumbo co estalido da Guerra Civil.

"Nunca se lles recoñeceu o seu valor simbólico e arquitectónico", subliña Peña Saavedra. Rematada a catalogación nas provincias de Lugo e Ourense, e en pleno estudo das de A Coruña e Pontevedra, pódense tirar algunhas conclusións sobre o devir da obra máis palpable dos que fixeron fortuna en América -indianos como Pedro Murias ou García Barbón - e os que lograron outro tanto alimentando con mensualidades algunha das 525 sociedades de instrución en Bos Aires, A Habana e Montevideo. Malia ser unha das provincias con máis emigrantes, Ourense era a mellor dotada en escola pública: favorecíaa unha norma de 1856, a lei Menayo, que obrigaba a crear unha escola por cada 500 habitantes. A dispersión e o tamaño reducido dos núcleos lugueses, pola contra, deixaba boa parte da provincia sen lugares estables nos que aprender. Por iso, antes de que se materializasen os proxectos de Cuba e Arxentina, algúns pais pagábanlles aos cativos escolas de ferrado, itinerantes, instaladas en casas particulares e mandadas polo veciño máis culto. "Podía ser o cura, o sacristán ou outro calquera", describe Peña. Por iso a dos americanos, que esixiron mestres formados para impartir docencia, foi a primeira iniciativa de escolarización exitosa que coñeceron moitos fogares encomendados á emigración.

Tanta era a esperanza que as familias depositaban na diáspora, que as escolas nadas á sombra do éxodo impuxeron algunhas asignaturas nunca antes vistas, pero esenciais ao entender dos emigrados. Historia de Arxentina estúdabase na Escola do Val Miñor, a máis adiantada de cantas existiron e paradigma galego do espíritu insuflado pola Institución Libre de Enseñanza. Fora creada en 1914 pola sociedade de Instrucción Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor, de filiación arxentina, e contaba con biblioteca propia, obradoiros de carpintería e agricultura, clases nocturnas para adultos, imprenta, comedor e mesmo un proxecto de transporte escolar que nunca chegou a materializarse.

Ningún destes servizos existía nas escasas escolas públicas de comezos do século XX, ubicadas sempre nas cabeceiras dos municipios. "Estas escolas xorden da simbiose entre os movementos renovadores españois, como o da Institución Libre de Enseñanza, e os chegados do outro lado do mar, que os emigrantes amoldan ás súas necesidades", explica Peña. Esas necesidades impoñían, ademais, clases de comercio para os futuros traballadores de Bos Aires e A Habana e de labranza para os que quedaban, leccións prácticas, sempre utilitarias, para aprender a sobrevivir ás veces moi lonxe da casa. En 1919 estréase unha escola para nenas, que comezaban a emigrar. É entón cando os ausentes se sensibilizan coa educación feminina. Malia que dende o nacente nacionalismo se criticaron estes programas de estudo por ser berce de emigrantes, segundo Peña este era o problema menor porque "a emigración non se podía cortar do día para mañá". Bos coñecedores da experiencia migratoria, Antón Alonso Ríos e Ignacio Ares de Parga exerceron de inspectores e defensores das escolas dos emigrantes.

A maioría dos centros foron gratuítos, progresistas e aconfesionais nunha época de poucas liberdades. A escola de San Adrián da Veiga, en Ortigueira -a primeira, ademais, en publicar unha revista propia-, pechou durante a ditadura de Primo de Rivera pola súa defensa acérrima do laicismo. A da Liga Santaballesa, en Vilalba, nunca puido facer realidade o seu proxecto de levar ás escolas unha asignatura de historia, xeografía e lingua galega, porque a lexislación da época non o permitía. "O idioma oficial foi sempre o castelán. E máis aínda neste caso, porque preparaban emigrantes", apunta Peña. A escola de Senra, en Bergondo, nin tan sequera abriu. Tivo a pouca fortuna de ser inaugurada seis días antes do estalido da Guerra Civil. Ao comezo do conflito foi incautada e convertida en sede dos campamentos de verán da Falanxe e cando os veciños lograron recuperar a súa titularidade, nos anos oitenta, só puideron tirar o inmoble e construír no seu lugar un parecido. Algo semellante aconteceu co centro da Unión Mugardesa, que vén de recibir unha homenaxe no colexio de primaria construído sobre as ruínas da outrora obra emigrante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario