domingo, 9 de outubro de 2011

75.000 ourensáns malviven por baixo do limiar da pobreza


05.10.2011  Cáritas Diocesana destinou en 2010 un total de 1,5 millóns na súa acción social e atendeu a 2.081 familias con dificultades
OURENSE. EP
Uns 75.000 ourensáns viven baixo o limiar da pobreza, o que supón o 28 por cento da poboación que precisa de axudas. A cifra sitúase 7 puntos por encima da media nacional, segundo afirmou este mércores o director de Cáritas Diocesana de Ourense, Miguel Pérez de Juan. 
A institución atendeu a un total de 2.081 familias durante o pasado ano 2010, no que Cáritas destinou á acción social 1,5 millóns de euros, o que supuxo un 25 por cento máis que no ano 2009. 
Son datos que se desprenden da Memoria Anual de Cáritas Diocesana de Ourense, que foi presentada este mércores nunha rolda de prensa que tivo lugar no Centro Cultural da Deputación.
 Na súa intervención, o director de Cáritas Diocesana, Miguel Pérez de Juan, asegurou que na época de crise económica e o paro que sofre a provincia de Ourense provocaron estas cifras, pero os donativos á institución durante o pasado ano mantivéronse "estables e crecendo" aínda que en "menor medida" que en 2009.
 A cifra global dos destinatarios dos programas postos en marcha por Cáritas en 2010 ascendeu a 10.733 persoas, que dunha ou outra forma participaron nun total de 7 cursos de formación para o emprego (256 participantes), catro talleres formativos transversais (146 persoas) unha aula permanente de alfabetización, un Obradoiro de Emprego (24 alumnos), 45 insercións laborais e atendéronse a un centenar de persoas sen fogar.
ACOLLIDA 
Unha boa parte dos recursos investidos durante o pasado ano de destinaron ao capítulo de acollida e atención primaria, chegando á cifra de 308.000 euros, o que supón un aumento dun 44,9 por cento que a cifra do ano 2009.
 Neste sentido, o número de persoas beneficiarias pasou de 4.223 en 2009 a 7.541 en 2010, que se distribúen en 7.541 familias e 402 persoas que vivían soas (40 delas con máis de 65 anos).PERFIL 
O director de Cáritas Diocesana puxo de manifesto o perfil dos demandantes de axuda en Ourense que responden a parados que como consecuencia da crise comezaron a ser desempregados "recentes" e pasaron a ser "de longa duración". 
Tamén destacou que outro perfil se sitúa en familias novas de entre 25 e 40 anos con dous fillos máis ou menos e mulleres que se atopan "soas" e con cargas familiares "non compartidas" e que teñen "problemas para conciliar a súa vida laboral e familiar".
EMPREGO 
Dentro da bolsa de emprego de Cáritas Diocesana, en 2010 acudiron un total de 871 persoas, das 177 incorporáronse á vida laboral (117 en traballos individuais e o resto en catro empresas da provincia). 
Pérez de Juan destacou que na actualidade teñen "constancia" que desas persoas que lograron emprego "45 persoas" contan con "contratos indefinidos".
RENDEMENTO DA INVERSION 
A Memoria tamén reflicte que de cada 100 euros que Cáritas investiu o ano pasado, 65 procedentes de subvencións públicas, mentres que 35 teñen a súa orixe en axudas privadas.
 Na actualidade, conta con maior apoio das institucións e "menos fondos propios da institución". Neste sentido, Pérez de Juan significou que o obxecto da institución é ter "cada vez menos dependencia da administración e procurar que sexan o resto das persoas as que colaboren coas máis necesitadas". 
No plan de austeridade, de cada euros investido por Cáritas en programas de loita contra a pobreza e de exclusión social"unicamente destináronse 18 céntimos" a "administración e servizos".
DOAZÓNS E COLECTAS 
Pérez de Juan sinalou que as doazóns en 2010 continuaron destacando pola súa "xenerosidade" e alcanzaron os 161.000 euros, mentres que as colectas realizadas durante o Día Nacional de Caridade e Día do Corpus roldaron os 32.000 euros. 
Así mesmo, este ano, o primeiros domingo de cada mes e "debido á crise" realízase unha colecta especial destinada a Cáritas co obxectivo de "dinamizar e potenciar a institución". 
O director de Cáritas destacou tamén o incremento dun "16,7 por cento" das achegas dos socios da institución así como o aumento do número de voluntarios, que creceu en 2010 un 4 por cento respecto ao ano anterior. "Temos 34 voluntarios o cal é unha cifra moi importante", concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario