Comezan os traballos de exhumación de cinco corpos de vítimas do franquismo no cemiterio de San Pedro de Grandal, no concello de Vilarmaior. Entre eles podería estar o avó do líder da UPG, Francisco Rodríguez.
Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/10/2011
Desde o día sete de outubro está en marcha o proceso de escavación no cemiterio de San Pedro de Grandal, no concello de Vilarmaior (A Coruña), para identificar cinco cadáveres de fusilados logo do golpe militar fascista de 1936. Entre os cinco, están os restos de Manuel Varela, veciño da mesma parroquia, e de Xosé Rodríguez Braxe, veciño de Cabanas, asasinados o 11 e o 15 de setembro de 1936, respectivamente, e alí enterrados xunto coas outras tres persoas.
Do fusilamento destas cinco persoas queda constancia oral, no caso de catro, pois está desaparecida a acta de defunción; no caso de Xosé Rodríguez Braxe, existe certificación do rexistro civil, se ben na actualidade está desaparecido o libro parroquial de defuncións, correspondente aos meses de xullo a decembro de 1936, e non hai documentación algunha desta época no Xulgado de Paz do Concello de Vilarmaior por ter ardido as súas dependencias a fins da década dos corenta.
O proceso estase realizando seguindo as directrices dos protocolos de exhumación recentemente aprobados e que rexen a nivel internacional: primeiro, intervención arqueolóxica ( realizada polo Instituto de Estudos Miñoranos, arqueólogo responsábel Xosé Lois Vilar Pedreira); segundo, o estudo anatómico forense dos restos achados (a cargo de Fernando Serrulla, forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia); terceiro, identificación a través do ADN dos familiares de Rodríguez Braxe e Manuel Varela, proba que realizará Ángel Carracedo, Director do Instituto de Medina Legal de Galicia).
Os traballos arqueolóxicos e forenses continuarán os días 13 e 14 deste mes de outubro no cemiterio parroquial de San Pedro de Grandal, Vilarmaior.
A Comisión pola Memoria Histórica da Coruña (CRMH da Coruña) é a impulsora destas escavacións que teñen coma fin restaurar a memoria histórica de Galicia. "apoiamos a iniciativa de recuperar do silencio os nomes destas persoas que sufriron persecución e morte pola represión franquista e expresa o agradecemento aos veciños e veciñas da parroquia de San Pedro de Grandal pola súa colaboración e axuda", apunta nun comunicado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario