domingo, 11 de outubro de 2009

As augas que quenta o demo


Marcos Sueiro- Xornal- 11/10/09

As obras públicas teñen que convivir as veces con espazos protexidos ou con pegadas dun pasado que florece cando se trata de ocultar. No caso do encoro das Conchas, no concello de Muíños, a súas augas tropezan cunha antiga vila romana e cunha zona de pozas de augas termais. Os dous agasallos, un da historia e outro da natureza, permanecen escondidos nun bosque, non domesticado, pero xa descuberto.O enclave está situado no trazado da Via Nova, unha das principais arterias de comunicación romanas na península, que unía Braga con Astorga, e sobre a que o xenio humano contemporáneo decidiu construír un encoro. Hoxe trátase de rescatar a vila romana do asolagamento mentres que as pozas seguen vivas porque teñen auga quente que brota das entrañas da terra e faise espazo.

As bañeiras naturais parecen charcos pero o líquido elemento parece ferver e está limpo. Teñen forma redonda e algunhas xa están delimitadas por muros de pedra. Os veciños, os poucos que van tomar os baños, din que son moi boas e que incluso “ven un rapaz de Santiago operado unha vez a semana e non encontrou tratamento igual”.

Os turistas nacionais non as frecuentan porque non están nas guías turísticas ben identificadas pero un usuario afirma: “veñen moitos ingleses porque deixan mensaxes nos foros de internet e así e como as descobren”.

Tamén hai hippies que aparcan as furgonetas e baixan os cans. Os veciños contan que de lonxe ven como aínda practican os seus rituais: “Achéganse, acenden velas e logo colócanas ao redor da poza e pola noite métense porque a auga sae quente”.

A comprobación sobre a temperatura non deixa lugar a dúbidas e como asegura Félix, un dos veciños: “A man no a escaldas pero frío non pasas”. Incluso no outono e no inverno os máis convencidos pasan horas de charca en charca na procura do elixir da eterna mocidade.

A intención das autoridades competentes é poñer estas pozas en valor, din que van conservar a paisaxe e non teñen intención de encher os arredores de baldosas. Pero algúns non o cren de todo e chaman a atención dos que mandan para que non levanten muros e non derramen o que xa está feito.

A carón das “augas que quenta o demo”, como se coñecen na zona, e preto do encoro das Conchas, está a vila romana. Unha familia senatorial adoitaba pasar temporadas no lugar.

Aínda quedan os cimentos e restos de mosaicos, incluso o forno. Ten unha planta irregular pero conformada con estancias regulares que dan a imaxe dunha residencia ampla e confortable propia do rango dos seus moradores. Máis abaixo, pode verse unha reconstrución que como di Félix : “Ben se ve que no foi feita polos romanos”. Agora tamén está en proceso de conservación e os que son da zona só din: “Aquí nunca houbo rañaceos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario