luns, 1 de marzo de 2010

Desde a orde interna


O Marco exhibe unha restrospectiva sobre a fotógrafa Candida Höfer, unha das máis destacadas representantes da Escola de Düsseldorf

REDACCIÓN- Galicia-Hoxe. 27-2-2010

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o Marco, exhibe desde onte a exposición Projects done de Candida Höfer, unha das máis destacadas representantes da Escola de Düsseldorf. A mostra, de carácter individual, ofrece unha selección dos seus traballos dos últimos corenta anos nunha montaxe realizada en colaboración co estudo de arquitectura Kuehn Malvezzi.

Projects done inclúe obras de proxectos realizados entre 1968 e 2008 e dalgunhas das series como Türken in Deutschland [Turcos en Alemaña] e 80 Pictures [80 imaxes], realizadas nos anos setenta e oitenta, preséntanse en proxección de diapositivas (1979) e dobre proxección de diapositivas (1996), respectivamente. Ademais, a mostra do Marco presenta un filme do catálogo, concibido tamén como proxecto no contexto desta exposición. A artista, os arquitectos Kuehn Malvezzi e os comisarios Markus Heinzelmann e Doreen Mende fixeron da relación entre fotografía, arquitectura e presentación das obras o eixe central deste proxecto.

O termo project (proxecto) enténdese na exposición como unha forma de traballo que se desenvolve durante un período de tempo previamente establecido, e que se completa -done- unha vez conseguido o obxectivo formulado. Así, as obras seleccionadas para esta mostra ofrecen este risco distintivo respecto a outros traballos que poderiamos definir como actividade artística habitual.

Imaxes do espazo e dos seus contidos

Esta diferenza non ten por que ser recoñecible nas temáticas dos proxectos. Á primeira vista, algúns deles poderían supoñer un contraste cos temas habituais de Candida Höfer, por exemplo as obras de Flipper (Pinball) -unha obra temperá concibida como un proxecto editorial-, ou de Liverpool, coas súas numerosas imaxes de rúa. Pero tamén estes traballos teñen relación co tema central de Candida Höfer de crear imaxes do espazo: dos seus diferentes contidos, do seu uso, do que mostra un espazo e de como o mostra.

A distinción reside máis ben nas limitacións establecidas por cada proxecto, e na asignación de imaxes a cada proxecto en particular. De modo que a exposición é tamén un convite para investigar os proxectos a través do obxectivo desta especie de orde interna.

Outro proxecto é a presentación da exposición en si, que Höfer desenvolveu conxuntamente co estudio de arquitectura Kuehn Malvezzi. Este proxecto baséase nunha colaboración entre a artista e os arquitectos, que comezou en 2002, cando Kuehn Malvezzi transformou os espazos de The Binding Brewery para a Documenta 11, na que Candida Höfer mostrou o seu traballo sobre os Burgueses de Calais.

Un proxecto cun límite temporal preestablecido

O feito de concibir a exposición como un proxecto implica renunciar ao concepto de división entre proxectos e produción artística habitual que antes se sinalaba: os proxectos -claramente- están "feitos" (done) só no momento en que son exhibidos, e cada exposición realizada a partir do traballo habitual dun artista é en último termo un proxecto cun límite temporal preestablecido e cunha temática; neste caso, un proxecto que exhibe os espazos como imaxes, e ao mesmo tempo o xeito en que os espazos exhiben as imaxes.

Esta exhibición pode ter lugar en espazos privados, posiblemente semipúblicos, como as obras (Date Paintings) de On Kawara en coleccións privadas, ou ser un acto arquitectónico consciente, como as imaxes que mostran a arquitectura de Kuehn Malvezzi, e en ambos os dous casos se trata tamén de proxectos expositivos. Así, nesta mostra a práctica da artista combínase coa práctica dos arquitectos, o que require entender comparativamente o diferente.

"Aínda que os meus obxectos", asegura a artista, "non poden moverse -se ben poden ser destruídos ocasionalmente- sempre traballo baixo a presión do tempo. Como prefiro fotografar espazos sen xente, na medida do posible, debo traballar durante determinadas horas. Antes das horas de apertura, pero cando aínda hai luz do día. Tras as horas de apertura, pero tamén cando aínda hai luz do día, na medida do posible. Ou en calquera outro momento que me permitan traballar". Con motivo da exposición de Candida Höfer, a Biblioteca-Centro de documentación do Marco presenta unha selección de catálogos individuais dos fotógrafos máis importantes da Escola de Düsseldorf, dirixida a usuarios e visitantes en xeral. A exposición permanecerá a disposición do público no horario habitual da Biblioteca durante todo o período de apertura da exposición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario