"Non estou obrigado a os manter no meu país", declarou o primeiro ministro Erdogan nunha entrevista á BBC.
Redacción - 12:00 18/03/2010
Unha semana despois de que os parlamentos dos Estados Unidos de América e de Suecia recoñecesen o xenocidio armenio (1915-1917) durante a Primeira Guerra Mundial por parte do Imperio Otomano, o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, ameazou con expulsar do país ducias de miles de armenios que carecen de documentación en regra.
Nunha entrevista concedida á canle BBC, Erdogan asegurou que a presenza de perto de 100 mil armenios traballando en Turquía sen permiso non será tolerada por máis tempo. "No meu país viven uns 170 mil armenios, dos que 70 mil son concidadáns meus, os outros 100 mil están en situación irregular", afirmou o dirixente turco.
"Que vou facer mañá? Se é necesario direilles que marchen. Non estou obrigado a os manter no meu país", engadiu, e advertiu que a recente decisión dos parlamentarios de Suecia e dos EUA pode ter un efecto adverso nas relacións de Turquía con Armenia.
Conflito diplomático
Ambos os dous casos provocaron movementos diplomáticos, con chamadas a consultas de embaixadores e a cancelación de viaxes oficiais a Washington e a Estocolmo. No caso estadounidense, o presidente Barack Obama comprometérase a evitar este ditame.
Armenia asegura que máis de 1,5 millóns dos seus cidadáns foron asasinados durante a Primeira Guerra Mundial. Turquía, pola súa banda, afirma que o número de fusilados foi sensibelmente inferior e nega con rotundidade que se tratase dun xenocidio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario