Diversas formas de resistencia civil abrollaron nos anos 40 e 50 no rural galego como a outra cara da moeda da adaptación e o consentimento cara ao franquismo, segundo Ana Cabana
MONTSE DOPICO .Galicia-Hoxe 3-3-2010
A declaración do Ano da Memoria e a Lei da Memoria Histórica, trasladaron ao espazo público como nunca antes o debate sobre o franquismo, que avivan iniciativas políticas como a retirada no Concello da Coruña dos títulos concedidos a Franco. A comprensión do réxime non deixa de enriquecerse coas novas ópticas achegadas polos historiadores nos últimos anos. A profesora Ana Cabana acaba de publicar Xente de orde. O consentimento cara ao franquismo en Galicia, editado por tresCtres. Un ensaio no que se afasta tanto do mito da "Galicia leal" fabricado pola historiografía oficial franquista, como dos discursos que tenden a magnificar o alcance da resistencia antifranquista, como se a represión fose o único alicerce dunha ditadura que se prolongou durante 40 anos. Houbo pasividade, conformismo e mesmo adhesión entusiasta ao rexime en parte da sociedade, reflexiona Cabana. Nos anos 40 e 50 non se desenvolveu no país un movemento de oposición organizado, alén da guerrilla. Pero xunto á adaptación maioritaria, alicerzada na necesidade de primeiro, sobrevivir, abrollaron formas de resistencia civil que non deben ser desprezadas.
O libro xorde da túa tese doutoral. A adaptación é, para ti, a outra cara da moeda da resistencia civil.
A miña investigación xorde dun programa organizado de investigación do Departamento de Historia Contemporánea polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto. O traballo levado a cabo polos compañeiros deste programa puxo a historiografía galega sobre a represión franquista a uns niveis practicamente sen paragón no Estado. Coido que a Historiografía española levou a cabo importantísimos avances sobre o estudo desa etapa histórica nos últimos dez anos. Ademais, a historiografía sobre o nazismo alemán, a Francia de Vichy e sobre o fascismo italiano foi moi importante para o meu estudo.
Afástaste tanto da perspectiva que exculpa a maioría e atribúe a responsabilidade dos fascismos a unha elite que tería causado unha excepción na marcha histórica do país, como da que asume a tese da "culpa colectiva", que é na que se escudou o franquismo. O teu enfoque parte da vida cotiá...
A Historia da Vida Cotiá é unha escola historiográfica alemá, liderada por A. Ludtke, que propuxo toda unha renovación sobre os estudos de nazismo. O seu anceio estaba en estudar o réxime dende o punto de vista dos cidadáns correntes e da vida diaria destes. A Historia da Vida cotiá pon o acento no groso da sociedade, e non en figuras senlleiras nin dirixentes. Coido que o día a día foi o que marcou as actitudes tanto de adhesión como de adaptación e resistencia.
Que fontes utilizaches?
Optamos por darlle á fonte oral un espazo privilexiado. Boa parte das entrevistas empregadas pertencen aos fondos do Arquivo de Historia Oral de Galicia (Historga). Unha fonte complementaria resultou o recurso ás memorias de vida. Ademais, procuramos no Archivo General de la Administración (Alcalá de Henares), os Arquivos Históricos Provinciais de Lugo e Pontevedra e o Arquivo Histórico do Reino de Galicia (A Coruña) a documentación xerada polos diferentes niveis da administración -por exemplo, os fondos dos Gobernos civís- e pola Falanxe. Favorecemos tamén a consulta dos fondos da xudicatura militar, consultados nos antigos depósitos do Cuartel de San Fernando (Lugo). Á documentación xerada por entidades sindicais accedemos no Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra e na sede da vella Hermandade de Labradores e Gandeiros do concello de Castro de Rei (Lugo). A das corporacións municipais e outras autoridades locais tamén foi útil. Complementaria destas fontes foi a consulta da prensa sindical. O recurso a prensa escrita xeralista non foi igualmente prolífico, dado o alto nivel de censura existente.
Prefires falar de consentimento, máis que de consenso. Por que?
Como ferramenta analítica prestada da Ciencia Política "consenso" ten o problema de ter nacido para dar conta de actitudes de identificación e integración cos fins e organizacións estatais en sistemas democráticos onde existen sociedades plurais e marxes previstos para a demostración de disenso e protesta. Así, a súa adopción para un sistema como o franquista é criticable. Non se trata dunha actitude activa, positiva, nin voluntaria, senón que pode ser obtida por unha combinación de represión e control social e adoita ser mostra da efectividade da decisión de sobrevivir. Eu considero máis acertado falar de "consentimento". Consentimento non remite a harmonía entre os dous nin denota un grao de cohesión importante como si o fai o concepto de consenso. Tampouco imprime un carácter horizontal ao acordo pola estabilidade, reducindo a incidencia dun conflito ou disenso, nin se amosa contínuo no tempo.
Distingues tres formas de adaptación: colaboración-realismo; colaboración-providencia e colaboración-conveniencia. A primeira denota a pegada da fame, do desexo de volver á "normalidade" tras o caos da guerra, o terror que causou a represión... Como actuou o terror como factor desmobilizador?
O medo, o terror, a vixilancia extrema foron un factor destacadísimo. Pero, igualmente, moitas formas de resistencia cara ao réxime artelláronse a consecuencia dese medo. Así, axudando a guerrilla, na "guerrilla do chao" temos viúvas e orfos de represaliados, familiares de presos, etc.
O concepto de colaboración-conveniencia recolle aspectos como as persoas que se beneficiaban co estraperlo e as redes clientelares... ¿De que xeito a "política social" e a política agraria do rexime serviu para favorecer o consentimento?
Cada medida tomada polo franquismo, xa de políticas puramente agrarias ou aquelas netamente "sociais" era quen de crear capas beneficiadas grazas á exclusión doutras. Ao franquismo, ao contrario que aos outros fascismos, non lle interesaba crear unha "comunidade nacional", senón identificar adeptos ao réxime aos que favorecer e "perdedores" da guerra a quen facer sentir o rigor de non adherirse. Co mercado negro e políticas sociais é o mesmo. Houbo moita xente no rural galego que conseguiu facer verdadeiras fortunas co mercado negro coa cooperación das autoridades locais, mentres homes e mulleres que só pretendían mellorar o seu día a día eran multados unha e outra vez.
Na colaboración-providencia, relacionada coa socialización no discurso oficial do réxime, ¿que papel xogaron os medios, a Igrexa e a Falanxe? Dis que tivo moito peso o discurso ruralista e o costume de respectar a orde e a xerarquía.
Escola, igrexa, discursos oficiais das distintas institucións (Fronte de Xuventudes, Sec. Feminina, Falanxe, etc), os medios totalmente censurados, etc. crearon un marco de referencias de pensamento único, que ninguén contradicía. Un papel moi destacado tívoo a decisión xeneralizada de non falar de política nas casas.
Podes resumir as formas de resistencia civil?
Se tivera que tipificalas distinguiría a resistencia aberta (negativa a facer pagos a diferentes institucións -caso das Hermandades-, os motíns, os boicots, o absentismo e a pasividade cara actividades cando o Estado pedía adhesión entusiasta, espallar rumores malintencionados para minar determinadas autoridades, etc.); a resistencia instucionalizada, que é aquela que facía partícipe ao Estado (recursos ós tribunais de xustiza, queixas e peticións as autoridades, aproveitar os resquicios da legalidade para minar nalgún aspecto ao Estado, ect); e a resistencia simbólica, que é aquela que axudaba a sobrelevar a vixilancia e o medo que insuflaba o franquismo por diferentes vías, dende facer copliñas en contra do réxime ata crear relatos idealizados sobre determinado guerrilleiro.
FACTORES
"Non se culpou ao réxime"
Dis que non houbo unha correcta atribución de responsabilidades: -a xente non culpaba ao réxime, senón á guerra, a uns tolos-... Tivo máis peso isto ou outros factores, como a falta de oportunidades para a oposición, sancionada polo feito de que os aliados decidesen non intervir despois da Segunda Guerra Mundial....?
A non intervención cercenou moitas expectativas tanto de antifranquistas como de xente corrente que entendía que o final do franquismo só viría da man do apoio exterior. Con respecto Á atribución de responsabilidades, a conclusión que saquei é que a xente acostumaba culpar ao individuo (un falanxista concreto, o presidente da Hermandade, o alcalde, etc.) e non ao sistema ou ao réxime dos males que se padecían, xa fora fame, miseria ou represión e isto beneficiou moitísimo o réxime.
De que xeito estas formas de resistencia deron paso despois á resistencia antifranquista organizada?
A moitos niveis foron mundos alleos, pero nalgún caso coido que é interesante ver a interrelación. A relación que tiveron as formas de resistencia do primeiro franquismo con respecto á resistencia antifranquista organizada, isto é casi exclusivamente en Galicia a guerrilla, e non se entende a pervivencia desta sen as "guerrillas do chao", por tanto neste caso a relación sería de apoio. O segundo nivel son as actuacións de resistencia levadas a cabo nos anos corenta-sesenta, como levar a cabo un motín, litigar pola devolución dun monte comunal aos veciños ou teimar en non pagar a cuota a Hermandade, que puideron servir de "espazo de aprendizaxe" para o que no setenta xa foron movementos antifranquistas en toda regra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario