xoves, 4 de marzo de 2010

Franco queda sen títulos


O Concello da Coruña aprobou onte –cos votos a favor de socialistas e nacionalistas e a abstención do PP– retirarlles todos os títulos concedidos a Franco e mais aos políticos e militares durante a ditadura. Pola súa parte, o concelleiro ‘popular’ Juan de Dios Ruano explicou a postura do seu partido por non se sentir “concernido co modo excluínte, sectario e antirregulamentario co que se está a actuar” no Concello herculino que aplica a Lei da memoria histórica

REDACCIÓN/EFE. Galicia-Hoxe. 2/3/2010

A Corporación municipal da Coruña aprobou onte, cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e a abstención do PP, revogar todos os nomeamentos de títulos concedidos a Francisco Franco e a outros políticos e militares durante a ditadura, en aplicación da Lei da memoria histórica.

En total, acordouse a retirada de 21 títulos, entre eles o de fillo adoptivo e predilectísimo da Coruña, alcalde honorario e medalla de ouro da cidade concedido a Francisco Franco, así como títulos de fillo predilecto outorgados, entre outros, a José Millán Astray, o nomeamento de fillos adoptivos a políticos e militares da ditadura; as medallas de ouro concedidas durante a etapa franquista a Fermín Gutiérrez Soto e Luis Carrero Blanco e a concesión de título de concelleiro honorario da cidade a Juan Canalejo.

O concelleiro de Educación do Concello da Coruña, Carlos González Garcés, atribuíu esta decisión ao cumprimento da Lei da memoria histórica e argumentou que carecían de "xustificación" os recursos presentados polos familiares e descendentes dos afectados por esta medida. Así, subliñou que o mantemento destas distincións non podía estar "por enriba da aplicación de lei".

Pola súa banda, o concelleiro do PP, Juan de Dios Ruano, sostivo que o seu partido se abstiña por non se sentir "concernido co modo excluínte, sectario e antirregulamentario co que se está a actuar", engadiu. Respecto disto, acusou o Goberno coruñés de gobernar mirando "ao pasado", indicou.

Mentres, a concelleira do BNG Margarida Vázquez afirmou que coa súa abstención, o grupo municipal popular "deixa ben clara a súa ideoloxía" e cualificou de "covarde" a súa postura respecto dun asunto co que, na súa opinión, "se fai Xustiza con represaliados", afirmou en alusión ás vítimas durante a etapa franquista.

Porén, os tres grupos políticos si avalaron comparecer no recurso promovido pola Asociación Cultural e Deportiva de Veteranos "20 de setembro" en relación co cambio da denominación da praza do Xeneral Millán Astray e a retirada da súa estatua.

1 comentario: