sábado, 6 de marzo de 2010

Un mal que cen anos dura


O Día Internacional da Muller, promovido pola socialista alemá Clara Zetkin para visibilizar a desigualdade, é centenario ·· A Marcha Mundial reúnese o domingo en seis cidades galegas

MARGA TOJO .Galicia Hoxe. 5-3-2010

  1. Rotundo "non" á violencia cos textos e ilustracións de 21 autoras do país
  2. “Ao denunciar a violencia de xénero, ameazábanche: os trapos sucios lávanse na casa”

As operarias da fábrica de tabacos da Coruña protagonizaron un soado motín a principios do século XX, un primeiro e pouco coñecido chanzo da loita feminista galega. O Día Internacional da Muller cumpre este domingo día oito cen anos, unha efeméride de orixes confusas "na que o máis importante é o seu significado e a unión reivindicativa que supón", tal como recoñece a feminista Nanina Santos.

Tradicionalmente, vincúlase o oito de marzo a unha folga que rematou no incendio dunha fábrica téxtil de Nova York onde protestaban as traballadoras, en 1857 ou en 1908. Mais a investigadora canadiense Renée Coté, autora do Día Internacional das Mulleres ou feitos reais e datas reais das misteriosas orixes do 8 de marzo, ofrécenos unha nova versión. Foi en 1910, en Copenhaguen, Dinamarca, durante a II Conferencia Internacional Socialista de Mulleres, onde Clara Zetkin -feminista socialista alemá- quen propuxo a creación desta celebración anual, seguindo o exemplo das mulleres socialistas estadou- nidenses quen, desde 1908, organizaban un Día anual Nacional das Mulleres, unha data para faceren visíbel a demanda do sufraxio e da igualdade económica e política.A principal referencia ao 8 de marzo é a folga xeral encabezada polas traballadoras rusas contra a fame, a guerra e o tsarismo do 23 de febreiro de 1917, segundo o calendario ruso (8 de marzo no calendario gregoriano).

En Galiza, os actos da Marcha Mundial das Mulleres "queren unir a sociedade galega á acción internacional reivindicativa", explica a súa voceira, Charo Fernández Velho. Realizaranse seis concentracións: en Santiago, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ourense e Ferrol, que se desenvolverán entre as 18.00 e as 20.30 horas, co obxectivo de condenar a "situación de violencia cara á muller e reclamar a fin dun sistema global perverso para moitas mulleres do mundo, pois non é igual a situación dunha muller en Europa que en África". Baixo o lema "100 anos loitando, 100 anos creando", a campaña chama a atención sobre o feito de que despois de todos estes anos, as mulleres "teñen que reivindicar o evidente".

A CERNA

Primeiro foron Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Juana de Vega, as vangardistas. E logo, desde que Salvador Parga Torreiro defendeu o sufraxio feminino no discurso de inauguración do curso 1870-1871 da USC choveu abondo e non todos foron avances. A situación das galegas de hoxe é froito dunha difícil historia de luces e sombras. No 1901 licenciouse a primeira dona na USC. No proxecto de Constitución para o Estado galego da Asemblea Federalista de Lugo en 1887 recollíase o dereito ao voto das mulleres, aínda que con limitacións. As mulleres procuraron tamén o seu espazo no movemento obreiro e o agrarista. Concepción Miranda chamou publicamente á loita obreira. Sofía Casanova, escritora e xornalista, abordou nalgúns dos seus artigos a problemática das traballadoras asalariadas. A principios do s. XX xurdiron as primeiras asociacións de mulleres vinculadas aos partidos políticos e sindicatos. Nos anos 60 comezaron a organizarse colectivos de mulleres como o Movimiento Democrático de la Mujer, xurdido en Barcelona e vinculado ao PC, que chegaría a Galiza. As integrantes galegas chegaron a publicar o boletín "A muller e a loita". En 1977 formáronse a Asociación Democrática da Muller Galega e a Coordinadora Galega de Asociacións Legais da Muller. En 1978, froito dunha escisión no seo da AGM, fúndase a agrupación Feministas Independentes Galegas (FIGA), arredor da cal naceron as publicacións A Saia e A Festa da Palabra Silenciada. Nese mesmo ano creáronse colectivos como a Asamblea Feminista de Lugo ou a Coordinadora Feminista Galega. Un ano despois xorde a Coordinadora Feminista de Vigo. Nos anos 80 naceron novas agrupacións feministas, como as Mulleres Nacionalistas Galegas ou Mulleres Progresistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario