venres, 26 de marzo de 2010

Oitenta anos cun pano de fondo

Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal inauguran hoxe no Centro Cultural de Caixanova en Vigo unha exposición sobre a evolución do retrato de estudio en Galicia entre 1880 e 1960

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

Esta fotografía de familia cos trece fillos en fila, é mostra do papel simbólico do pano de fondo, aínda que neste caso non haxa suficiente pano para unha familia tan numerosa FOTO: AXENCIAS
Esta fotografía de familia cos trece fillos en fila, é mostra do papel simbólico do pano de fondo, aínda que neste caso non haxa suficiente pano para unha familia tan numerosa
FOTO: AXENCIAS

"Só un espírito frívolo pode encontrar ridículas estas figuras serias, hieráticas, cheas de vida tensa; afumadas pola néboa, o vento e o sol; tatuadas polo tempo; en contacto apertado coa terra, onde, con voluptuosidade e angustia, amasan o seu pan". Así se situaba Carlos Maside en 1951, diante do que denominou "fotografía popular", aqueles vellos retratos que inmortalizaron a imaxe dos galegos no século pasado.

Dende a chegada do primeiro ferrocarril que facía a ruta de Compostela a Carril (1880) até que o seiscentos comezou a pisar as pistas galegas (1960), pasaron oitenta anos nos que a fotografía de retrato feito en estudio acadou unha extraordinaria riqueza. Ese é o punto de partida de Pano de fondo. Achegamento á fotografía de estudio de 1880 a 1960, a exposición comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, que hoxe se inau- gura ás 20.00 horas no Centro Cultural Caixanova de Vigo e que se poderá visitar até o 23 de maio.

Os estudios das cidades e os fotógrafos dos pobos tiñan en común o gusto por empregar panos de fondo para facer os retratos. "É o símbolo dos estudios, nun sentido máis amplo, xa que ás veces, as fotos non se facían nun estudio pechado senón ao aire libre, pero non te decatas de que están feitas na horta porque cubrían a terra e o fondo cun pano", comenta Sendón.

Malia o realismo do acto fotográfico, o retrato de estudio era un acto solemne no que os seus protagonistas se vestían coa súas mellores roupas e os panos de fondo utilizábanse para "idealizar"a escena, para presentar as persoas "como se pertencesen a outro mundo", explica Sendón. "Tratábase de aparentar un status, para dar a ilusión do triunfo", apunta.

A exposición divídese en dúas partes; unha dedicada á fotografía feita para pendurar e outra, ás copias fotográficas. No primeiro caso, seleccionaron dez imaxes de dez autores diferentes, que proceden de toda a xeografía galega e expóñense en marcos de 30x40. A segunda parte da mostra, a dedicada aos negativos fotográficos, exponse en 11 vitrinas, sete delas de fotógrafos históricos e outras catro divididas polas temáticas de "Pano de feiras", "Fotografías de escolas dos anos 40 e 60", "Bodas e primeiras comuñóns", e "Fotomontaxes". Xunto aos orixinais da época, diferenciados na montaxe, atópanse copias actuais, obtidas coas tecnoloxías para captar os matices do negativo orixinal.

As fotografías expostas pertencen a diferentes institucións como a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Real de Galicia, o Arquivo Municipal da Coruña, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) ou o Arquivo Pacheco. Ademais, algúns particulares cederon imaxes conservadas nos albums familiares. Na mostra recóllense imaxes dos estudios máis relevantes das cidades, como o Pacheco, Ksado ou Pintos así como outros procedentes do mundo rural como Ramón Caamaño ou Pedro Rey.

Os panos de fondo foron evolucionando co paso dos anos, aínda que "hai algúns que se usaban nos anos 40 e que tamén atopamos a finais do século XIX, porque algúns fotógrafos, cando se retiraban, vendíanllelos a outros que comezaban". Panos que tiñan debuxados "interiores de pazos, fermosos xardíns, bosques idílicos, mariñas" e até "fondos con debuxos xeométricos" que finalmente evolucionaron até "panos de cor uniforme". Na variedade de panos para elexir para o retrato influía o nivel económico do fotógrafo. "Algúns usan unha parede de fondo, aínda que o máis normal era poñer algo detrás, aínda que non fose máis que un simple pano. O fotógrafo de Muxía, Ramón Caamaño utilizaba nas súas primeiras fotos un único pano porque non tiña outra cousa, pero cando os fotógrafos tiñan máis cartos, como o estudio Pacheco, tiñan máis panos para poder elixir", explica.

Ás veces, aos panos de fondo engadíanse outros elementos decorativos como bancos, maceteiros ou os afamados Haiga mercados polos emigrantes, "un símbolo do seu triunfo".

A actitude dos representados é, na maioría dos casos, como di Maside, hierática, frontal, ríxida e seria, pero non sempre. "Dentro dos pobos, atopamos fotos con actitudes máis distendidas, de sorriso e sen rixidez. Isto varía segundo sexa a clase social do fotografado. Xeralmente, a burguesía prefería adoptar outras poses", apunta Sendón.

"A fotografía de emigración servía de cohesión familiar"

O impacto da emigración, a dispersión xeográfica da poboación e unha modernización en cernes moldearon a imaxe que se transmitía a través destes retratos. Entre finais do século XIX e a primeira metade do século XX, "gran parte da poboación galega segue á marxe da modernización. Así, mentres ás cidades ían chegando as lavadoras, as mulleres seguían indo a lavar ó río nas vilas", explica Manuel Sendón.

Ademais, a maioría dos fotógrafos estaban nas zonas costeiras, porque era onde se concentraba a actividade económica e industrial da época. "Como di Xan Carmona, a industria galega chegou polo mar, e deu un gran pulo durante os anos 70, que tivo un punto de arranque nas conserveiras e nos estaleiros. Polo tanto, a industria aparece ao longo de toda a costa. Pero iso non quere dicir que non haxa fotografías de vilas do interior como Monforte, Lugo, Ribadavia, Ourense, A Estrada ou Gondomar. No interior, temos unha testemuña que nos contaba que unha persoa se ía fotografar antes de emigrar", afirma Sendón.

Ademais, son os anos nos que a emigración a América acada o seu máximo nivel, un feito que está "detrás do motivo de moitas das fotografías de estudio". Os retratos que se facían para enviarlle á persoa que emigraba servían de "elemento de cohesión familiar", apunta Sendón.

De feito, se as familias divididas polo océano non tiñan ocasión de coincidir, adoitábanse facer "fotomontaxes" nas que se incorporaba a imaxe do "ausente" a unha fotografía colectiva. "Un día falando con Joan Fontcuberta, comentábame que un fotógrafo alemán mesturaba a foto de kurdos que vivían fóra para as imaxes familiares. E eu xa lle dicía que iso non era nada novo senón que era habitual en Galicia, cando a xente casaba por poderes, facíase unha composición para a foto de boda", comenta Sendón.

En relación coas montaxes, os comisarios da mostra atopáronse con "elementos curiosos" como o emprego dunha "máscara á hora de positivar a fotografía". Neste caso, para recrear unha imaxe que non estaba de fondo, "deixábase unha parte do negativo cun fondo negro, que quedaba traslúcido e por exemplo, parecía que ao lado do retratado había unha árbore cando non era así", asegura.

Ademais, Sendón e Suárez Canal que dirixen o Centro de Estudos Fotográficos (www.cefvigo.com) tamén abordan a escenificación das "fotografías de defuntos" que, malia non facerse en estudio, supoñían unha composición dos elementos da imaxe tales como un pano negro, as velas, os símbolos relixiosos..." Fundadores da Fotobienal de Vigo que desapareceu no ano 2000, Suárez Canal e Sendón cren que en Galicia non se "creou ningunha alternativa que estudase a fotografía histórica, así que decidimos presentarlle este proxecto a Caixanova, un proxecto complexo xa que tivemos que fotografar as placas e restauralas para facer copias ou dixitalizar arquivos".

Os comisarios da mostra constataron ademais que os fotógrafos, con maior ou menor formación, conseguían compoñer a escena segundo o concepto expresivo que querían transmitir. Como dicía Maside, "o fotógrafo quere apresar na súa máquina non a grotesca parodia do diario devir senón a tensión latente na imaxe, o seu calado misterio". Porén, este acto solemne acabará desaparecendo debido á irrupción da cámara fotográfica nos fogares "case como un electrodoméstico máis" a partir dos anos 70 do século pasado.

A exposición, patrocinada polo Xacobeo, poderase visitar en Vigo até o 23 de maio, viaxará ao longo deste ano polos centros culturais que Caixanova ten en Ourense, Santiago, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario