xoves, 25 de marzo de 2010

Diálogo transoceánico

Un congreso recupera a Luís Seoane, "a figura máis importante de Galicia do século XX xunto a Castelao", asegura Villares

MARÉ . SANTIAGO

Luís Seoane xunto a unha das súas obras nunha imaxe de xuventude FOTO: AXENCIAS
Luís Seoane xunto a unha das súas obras nunha imaxe de xuventude
FOTO: AXENCIAS

"Luís Seoane é, con Castelao, a figura máis importante da Galicia do século XX pola súa capacidade de diálogo coa cultura galega e a súa integración na cultura universal". Esa é a definición que deu onte o presidente da Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, do creador que engastou Galicia á vangarda plástica e que levantou, entre outras iniciativas, o Laboratorio de Formas de Galicia, semente das Cerámicas de Sargadelos. O Consello da Cultura e Fundación Luís Seoane lembrarán o centenario do nacemento do pintor cun congreso que se desenvolverá en Compostela e na Coruña do 6 ao 9 de abril.

O director da fundación, Alberto Ruiz de Samaniego, e Xosé Díaz, secretario da entidade e membro do comité organizador, acompañaron a Villares na presentación de Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía, título dun congreso no que se analizará a "poliédrica" figura de Seoane e a súa relación con Galicia -onde están as súas orixes- e Arxentina, país no que naceu e onde se exiliou. O encontro pretende analizar a "completa" figura de Luis Seoane desde o punto de vista das "súas dúas raíces", a galega e a arxentina, a modo de "diálogo" entre "a súa educación galega e a súa instalación en Arxentina".

Esta "aproximación completa e especializada" incluirá ademais unha análise do "retorno" do patrimonio de Seoane a Galicia, así como as implicacións históricas e culturais. Un dos aspectos novidosos do congreso é analizar como mudou a obra de Seoane a imaxe estética de Galicia", indicou Villares. Entre os relatores convidados figuran profesores universitarios, profesionais da xestión cultural e artistas tanto de Galicia como de Arxentina. Poden consultar o programa detallado na web do Consello da Cultura (www.consellodacultura.org).

O día 6 de abril, o encontro dará comezo coa conferencia inaugural de Beatriz Sarlo, da Universidade de Bos Aires, baixo o título As arxentinas de Luis Seoane; e continuará coa conferencia O fardel galego de Seoane ata 1936, a cargo da María Luisa Sobrino. Xa pola tarde, a quenda será para Hernán M. Díaz, da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, coa conferencia Galicia en Bos Aires. Institucións e redes culturais da emigración galega e para Política dos exiliados e política dos emigrados, de Xosé Núñez Seixas.

O día 7 de abril, os asistentes poderán asistir á conferencia Cultura política entre dous mundos: debates intelectuais e tramas de sociabilidade (1936-1966), a cargo de Fernando Devoto, da Universidade de Bos Aires; e Os exiliados galegos na política arxentina" por Luis Alberto Romeiro, da Universidade de San Martín. Pola tarde, Diana Weschler falará sobre Luis Seoane nas redes da cultura antifascista e Rodrigo Gutiérrez fará o propio sobre Seoane na arte arxentina.

A sesión do día 8 de abril será dedicada ós diferentes aspectos da obra de Seoane, con conferencias sobre a influencia da arte medieval e de Galicia, así como o nexo entre a cultura e o compromiso na obra do pintor galego con conferencias de Manuel Castiñeiras, Rosario Portela, Xosé Luis Axeitos, Arturo Casas e Xosé Luis Méndez Ferrín.

VISUAL

Unha exposición para visibilizar os fondos da fundación na Coruña

Alberto Ruiz de Samaniego presentou os contidos da exposición que se inaugurará na sede da Fundación Luís Seoane, na Coruña, o último día do congreso (9 de abril) e que permanecerá aberta ata xullo. Unha retrospectiva pensada como unha "relectura das moitas posibles" orientada a dar visibilidade a "uns fondos propios, os da fundación, realmente complexos", asegurou Samaniego.

A exposición terá un eixe condutor a través das preocupacións estéticas e intelectuais de Seoane, artellados ao redor de sete bloques: a paisaxe, as fantasías, o bestiario, a literatura, trazos e figuras, guerra e capitalismo e autorretratos.

A fundación, que realizará ademais un documental, rescatou" unha "moi ampla colección de fotografías" para esta exposición, que estará na sede ata mediados de xullo e concluirá coa edición dun catálogo baixo o nome Dicionario de Luis Seoane.

Ese mesmo día nove, Xusto Beramendi analizará os Acordos e disidencias do exilio e os galeguistas do interior, Antón Patiño impartirá unha conferencia sobre o Laboratorio de Formas e Ramón Villares pechará o encontro con As Galicias de Luis Seoane.

Ningún comentario:

Publicar un comentario