luns, 22 de marzo de 2010

"Se España recoñecese o Sáhara independente, non sería necesario facer o programa Vacacións en Paz"



MAITE ISLA, PTA. DE SOLIDARIEDADE CO POBO SAHARAUÍ

O BNG solicita ao goberno español que interveña para que os nenos saharauís poidan seguir vindo, ante á nova norma da UE sobre pasaportes no espazo Schengen.


Fernando Arrizado - 18:50 17/03/2010

"Tanto desde a delegación saharauí en Madrid como desde o movemento solidario co Sáhara xa se realizaron consultas con xuristas para coñecer a situación polo miúdo", afirma Maite Isla. A presidenta deSolidariedade Galega co Pobo Saharauí asegura que son moitas as familias que están a chamar "moi preocupadas" logo de escoitar a intervención da semana pasada do ministro español de Asuntos Exteriores.
Miguel Ángel Moratinos advertía, nunha súa comparecencia na Comisión de Exteriores do Congreso, de que este ano podería haber problemas para que viaxen ao Estado os miles de nenos saharauís que anualmente pasan o verán lonxe do conflito que se vive no seu país. A razón, a nova normativa da UE que exixe un pasaporte individual para circular pola zona Schengen.

Até o de agora, os perto de nove mil nenos que son acollidos cada ano por familias de todo o Estado ao abeiro do programa Vacacións en Paz obtiñan un pasaporte colectivo do goberno de Alxeria -que non os emite individuais- para saíren dos campamentos de refuxiados de Tinduf. Todos os estados da UE agás o Reino Unido, Irlanda, Romanía, Bulgaria e Chipre pertencen á zona Schengen.

Maite Isla informou de que xa foi solicitada unha reunión no Ministerio, e que polo momento están en "compás de espera", tratando de "tranquilizar as familias". "Non imos permitir que o Sáhara sexa de novo unha moeda de cambio para España, menos aínda tratándose de nenos", asegurou.


Iniciativa no Congreso dos Deputados

A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, presentou este martes unha iniciativa ao respecto, solicitándolle ao goberno español que realice as actuacións e negociacións necesarias para que se garanta a continuidade do programa Vacacións en Paz.

O BNG ínstao a "realizar todas as accións políticas e diplomáticas necesarias tanto ante a UE como ante Alxeria" para garantir que os nenos e nenas saharauís poidan seguir viaxando ao Estado, "xa que está demostrado que o programa Vacacións en Paz resulta moi beneficioso para a súa saúde e para a súa formación".

Vacacións en Paz púxose en marcha hai máis de 20 anos e permite que os nenos non teñan que pasar o verán nos campamentos do deserto alxerino, a onde foi expulsado o pobo saharauí desde que Marrocos ocupou o seu país, o Sáhara Occidental.

A presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que organiza o programa, asegura que a mellor solución de todas e definitiva sería "que España recoñecese a independencia do Sáhara, e xa non habería necesidade de facer Vacacións en Paz".

Ningún comentario:

Publicar un comentario