martes, 23 de marzo de 2010

Jim Sheridan e a inutilidade da guerra


21.03.2010 Brothers (Irmáns) é un remake do filme danés ‘Brodre’ que está por riba das segundas versións. Destaca, sobre todo, a actuación de Tobey Maguire que elimina a súa imaxe de neno bo e dá mostras de que é capaz de moito máis no seu dramático papel de soldado norteamericano en Afganistán

ALICIA GARCÍA/EFE/ Galicia-Hoxe

Título: ‘Brothers’
Director: Jim Sheridan
Ano: 2010
País: EEUU
Fotografía: Frederick Elmes.
Música: Thomas Newman. Elenco: Natalie Portman, Jake Gyllenhaal, Tobey Maguire, Bailee Madison, Mare Winningham, Sam Shepard, Taylor Geare, Patrick Flueger, Carey Mulligan.

Brothers-Irmáns é un remake do excelente filme danésBrodre (2004), que está por enriba da media de segundas versións e que destaca pola actuación de Tobey Maguire, que elimina dunha vez por todas a súa eterna imaxe de neno bo.

Maguire é Sam, un soldado estadounidense que debe realizar unha nova misión en Afganistán e que antes de irse recibe o seu irmán Tommy (Jake Gyllenhall), recentemente saído do cárcere por un atraco a man armada.

Sam é o exemplo da familia. Bo fillo, soldado e home de Grace (Natalie Portman), leva unha vida perfecta que só se embaza pola presenza da ovella negra da familia, o seu irmán Tommy.

En Afganistán, o helicóptero no que viaxa Sam é derrubado e el dado por morto. Pero en realidade está vivo e capturado polas guerrillas afgás. Ao seu regreso, a vida da súa muller cambiou, coa presenza moi próxima de Tommy, pero da súa propia non queda nada.

Maguire comeza o filme cun papel que parece unha repetición dos seus personaxes habituais, de boa persoa raiando na simpleza. Pero é durante o seu período en Afganistán e, sobre todo, ó seu regreso, cando o actor dá mostras de que é capaz de moito máis.

A desolación de Sam vese no físico e na psicoloxía

A desolación de Sam pódese ver tanto na súa transformación física como psicolóxica e a dor e o rancor contra si mesmo, e a súa forma de actuar é un claro exemplo da inutilidade das guerras.

O realizador irlandés Jim Sheridan (O meu pé esquerdo, 1989, ou No nome do pai, 1993) dá mostras unha vez máis de saber dirixir os actores (só hai que recordar as interpretacións de Daniel Day Lewis baixo as súas ordes) e de contar unha historia con sensibilidade.

Unha historia claramente antibelicista, que medra cando a situación se complica e que se perde un pouco nas escenas máis domésticas.

Pero que en termos xerais é unha máis que sólida película, na que o resto dos actores arroupan con corrección a MaGuire, aínda que non cheguen ó seu nivel.

Brothers-Irmáns, que estivo nomeada a dous Globos de Ouro e que incomprensiblemente non foi candidata a ningún Óscar, estréase esta semana en España e Brasil e en data indeterminada no resto de Latinoamérica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario