Os médicos da cidade iraquí rexistran un elevado número de defectos nos naipelos que atribúen ó sofisticado armamento usado por EEUU na invasión en 2003
E. P. . Galicia-Hoxe 5-3-2010
Os médicos da cidade iraquí de Faluya están rexistrando un alto nivel de naipelos con diferentes defectos, e algúns deles culpan o sofisticado armamento que empregou o Exército estadounidense logo da invasión deste país no ano 2003. A cidade presenciou un grande enfrontamento en 2004, cando as forzas estadounidenses realizaron unha grande ofensiva contra os insurxentes. Agora, o nivel de defectos cardíacos entre os neonatos é trece veces maior que o nivel de Europa.
Mentres, o Exército estadounidense afirma que non é consciente de que haxa ningún informe oficial que mostre un incremento nos defectos ó nacer na zona, informa a BBC, que recolle o testemuño da pediatra Samira al Anithat, que manifestou que ve de dous a tres casos ó día de defectos nos naipelos, principalmente cardíacos.
Segundo a BBC, o seu correspondente tamén viu cativos na cidade que sufrían parálise ou dano cerebral, e puido fotografar un bebé que naceu con tres cabezas. Asegurou igualmente que escoitou en numerosas ocasións que as autoridades de Faluya lles aconsellaban ás mulleres que non tivesen fillos.
Os médicos e pais cren que o problema ten a súa orixe no armamento sofisticado que as tropas utilizaron en Faluya hai seis anos. Un investigador iraquí, Malik Hamdan, declarou que os médicos da cidade están presenciando un "número masivo sen precedentes" de defectos cardíacos, ademais dun aumento no número de defectos no sistema nervioso.
Hamdan engadiu que un médico da cidade comparara os datos sobre os defectos dos naipelos antes de 2003 -cando só se vía un destes casos cada dous meses- coa situación actual, na que se ven casos diarios. Así, indicou que, segundo os datos de xaneiro deste ano, o índice de defectos conxénitos cardíacos é de 95 por cada 1.000 nacementos, trece veces máis que o índice de Europa. "Vin imaxes de bebés nacidos cun ollo no medio da fronte, ou co nariz na fronte", asegurou. Un voceiro do Exército estadounidense, Michael Kilpatrick, indicou que se toman as preocupacións de saúde pública "moi en serio". "Ningún estudo realizado ata a data indica cuestións ambientais que desemboquen en preocupacións de temas de saúde", asegurou, aínda que recoñeceu que persisten "os riscos dos explosivos sen detonar".
Unha ducia de mortos no primeiro día das votacións anticipadas
Unha serie de atentados sementou onte o pánico en Bagdad, con doce mortos e medio centenar de feridos, durante a votación de policías, soldados e pacientes de hospitais nun anticipo das eleccións parlamentarias do próximo domingo.Foi o estalido de violencia máis grave que vive a capital iraquí nas datas previas dos comicios, a pesar dos numerosos controis de seguridade e detectores de bombas que se atopan en todos os puntos da cidade. As tres explosións en distintos puntos de Bagdad, preto do mediodía, estaban dirixidas contra os axentes e soldados que esperaban votar ou se dirixían a emitir o seu sufraxio. Onte votaban en 450 centros electorais especiais preto de 850.000 persoas, a maioría axentes e soldados.
Pacifistas entregaranlle a Brown un cheque manchado de sangue
A coalición pacifista británica Stop The War entregaralle hoxe, en sinal de protesta un cheque xigante "manchado de sangue" ó primeiro ministro británico, Gordon Brown, cando este compareza ante a comisión que investiga as circunstancias que rodean a invasión de Iraq. O grupo sinalou que a intención do mencionado cheque simbólico, por valor ficticio de 9.300 millóns de euros, é pór de manifesto o papel "ilegal e inxustificado" que desempeñou o xefe do Executivo británico no conflito. "Gordon Brown ten as mans tan manchadas de sangue como as ten Tony Blair pola guerra ilegal con Iraq. Como titular de economía desde o 2003 ata o 2009, el foi o encargado do financiamento da guerra", sinalou Lindsey German.
Ningún comentario:
Publicar un comentario