martes, 23 de marzo de 2010

X. Amancio Liñares Giraut: “O emigrante adoita idealizar o tempo que estivo fóra”


21.03.2010 Despois da publicación de ‘Ciudadanos españoles en el mundo’ e ‘El protagonismo de la mujer en las corrientes migratorias españolas’, o Grupo España Exterior acaba de sacar outros dous libros que afondan na temática migratoria. Trátase de ‘La emigración española a Europa en el siglo XX’ e de ‘Hijos y nietos de la emigración española’, novamente coordinados por X. Amancio Liñares Giraut e no que se inclúen case unha trintena de textos elaborados por diferentes expertos na materia

ROSABEL CANDAL BOUZAS. Galicia-Hoxe


Estamos ante dous novos libros nos que se aborda o tema da emigración española, aínda que Galicia volve ser a protagonista...

Si. Esta serie de libros de España Exterior, aínda que teñen ese ámbito español, están feitos desde Galicia e calquera deles ten un plus de galeguidade, pola nosa propia historia, por todo o que significa a emigración de Galicia, onde é un tema moi relevante. Aínda que buscamos as voces de especialistas de universidades españolas ou incluso estranxeiras, hai xente aquí, en calquera das tres universidades pero principalmente hai máis colaboradores da de Santiago, que tamén teñen investigado moito o tema. A atalaia que usamos para facer ou ver a panorámica do mundo emigratorio está situada en Galicia. Ademais, na propia empresa España Exterior, o semanario que fai e todo este grupo de comunicación é de Vigo e os libros está feitos alí.

Como se seleccionaron os expertos para o libro?

Estes son o terceiro e cuarto libro que coordino no período de dous anos e xa vou tendo un pouco de experiencia. A temática de emigración sempre me resultou interesante, atractiva, e pola miña propia condición de profesor de Historia e de especialista en Historia Contemporánea, é algo ó que sempre estiven atento. Pero por outro lado tamén teño que agradecer as achegas, os consellos e as recomendacións de especialistas na materia cos que teño unha relación de amizade, por exemplo Ramón Villares, Pilar Cagiao e Xosé Manuel Núñez Seixas. Esas son un pouco as miñas referencias.

No libro fálase de que chegou a haber anos con 100.000 galegos emigrando a Europa. Non obstante, a emigración a América aínda foi máis importante...

En canto a dilatada no tempo foi máis importante a emigración a América e incluso os continxentes de poboación que emigraron son máis numerosos nos americanos, porque foi xa no século XIX e boa parte do XX. A emigración a Europa ten unhas características distintas. Vaise a Europa despois da II Guerra Mundial, cando se necesita man de obra para reconstruír Europa e para a industria europea e para os servizos e para todo, e vaise a Europa tamén estimulados polos anos do franquismo, en que aquí sobraba man de obra e o Réxime necesitaba esas divisas e diñeiro do exterior e colocar fóra a man de obra excedentaria. Por outra parte, hai que ter en conta que nos situamos a partir de 1960 e pola súa proximidade no tempo é unha parte da emigración galega e española que está menos estudada e menos analizada que a americana.

Por que se estudou menos?

Porque a emigración a América durou moito máis tempo. Son países ós que nos unen vínculos como o idioma castelán ou o portugués, pero a emigración a Europa é máis recente, incluso a maneira é distinta, son emigracións menos extensas no tempo, cunha problemática distinta, trabállase moito máis no sector industrial e de servizos, con dificultades específicas como os idiomas, máis difíciles para a poboación que aló vai, e incluso porque o de América tamén ten bastante o sentido de chegada a un novo mundo, case como de explorador, nunha nova versión contemporánea do que foi toda a conquista e colonización de América. O de Europa é completamente distinto. Incluso a transcendencia que tivo unha
e outra emigración no retorno é diferente. A América debémoslle moitísimas cousas desde comezos do século XX, unha chea de obras públicas, de escolas, de sociedades, de instrución, de apoio ás institucións culturais galegas, etc. O de Europa é máis difuso. Non ten esa pegada tan recoñecible sobre todo en cuestións sociais á volta. Serviu moito máis para a prosperidade propia de quen emigrou e das súas familias, para renovar as vivendas, mercar coches, darlles estudos ós fillos, pero ten menor transcendencia social en conxunto da que tivo a emigración americana.

MOI PERSOAL

Xosé Amancio Liñares Giraut (Negreira, 1961), é catedrático de Xeografía e Historia no Instituto de Ensino Secundario da súa vila natal. Membro da Xunta reitora da Fundación Castelao, é tamén socio de Mérito da Unión Barcalesa de La Habana, membro da Asociación de Historia Contemporánea e da Asociación Galega de Ciencias Sociais, entre outras. Ten publicados case unha trintena de libros e é o director editorial de tresCtres Editores, 3C3, dende a súa fundación no 2001. No 2002 recibiu a Medalla de Ouro do Concello de Negreira e nel recaeron tamén varios galardóns literarios

1 comentario:

  1. Estimado Eladio, son o pai de duas de tuas alunas que tes a minha foto aí cando era pequeno, así xá te acordas de quen falo.
    Quero pedirche un grande favor, e é que si sabes algo da parroquia de Arcos de Furcos, pois ando tolo a buscar en sitios que non me deixan entrar e gostaríame afundar moito na historia desta parroquia.
    Eu de esto non entendo moito, e se podesemos falar por o email ese mellor.
    O meu correo e avacamarela@hotmail.com en homenaxe as vacas que tanto deron para este país puxenme este correo que pra mím é hermoso.
    Porfa, ponte en contacto se podes, pois xá escribin a moitos e ninguen me fai caso, será por ser uma persona sen estudios.
    Seguimos no correo se podes.
    Saudos, J.A.A.B.

    ResponderEliminar