mércores, 23 de marzo de 2011

Coartar a autonomía


Un documental analiza a represión que o franquismo impuxo ás mulleres, recluíndoas nas súas casas para afastalas do ámbito do público
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
A legalidade, a ideoloxía, a moral, serviron para institucionalizar, durante o franquismo, a represión das mulleres, co obxectivo de afastalas do ámbito do público e recluílas na casa, impedíndolles ter unha vida autónoma. Esta é unha das conclusións que deita o documental Digna Rabia, un traballo dos profesores Ángel Rodríguez Gallardo e María Victoria Martins, en colaboración coa Asociación da Memoria Histórica do 36 de Ponteareas, presentado onte na Universidade de Vigo.
"Levabamos tempo investigando o tema da represión das mulleres. E quixemos saltar ó formato audiovisual. Pensamos que a memoria histórica está moi masculinizada, e ademais queriamos abordar todo o periodo da ditadura, e non só os anos da guerra civil", explicou Rodríguez Gallardo.
Labregas, mariscadoras, republicanas represaliadas, amas de casa, extraperlistas, historiadoras... toman a palabra neste filme. Unhas anónimas, outras máis coñecidas, como a escritora María Xosé Queizán, a sindicalista Lidia Senra, a ex conselleira Manuela López Besteiro, a activista feminista Nanina Santos ou unha das persoas que máis loitaron por regularizar os dereitos das mariscadoras, Pencha Santasmarinas.
"Quixemos facer algo aberto, con mulleres de toda Galicia e de distintas ideoloxías: nacionalistas, socialistas, outras máis achegadas ó PP... A idea é formular unha reflexión tamén sobre a actualidade", indicou Gallardo. "A sociedade foi asimilando a doutrina imposta pola ditadura, de xeito que na Transición se esqueceu a muller, e as mulleres máis concienciadas atopáronse con que nas organizacións de esquerdas seguía instalado o sistema patriarcal, e por iso crearon as súas propias organizacións, soas", matizou María Victoria Martins.
"A mentalidade quedou moi arraigada, e por iso na actualidade pervive" o machismo e a desigualdade, reflexionou. Na primeira parte, o documental repasa a situación desde o golpe de Estado do 36, e como se foi implantando a ideoloxía patriarcal. Na segunda lémbrase a loita pola supervivencia das mulleres: o mundo laboral... "Nos anos 40 ou 50 saíron adiante como puideron. Falamos da economía mergullada, das fábricas que despedían as mulleres cando casaban, do contrabando, do marisqueo, do agro e da situación das mulleres que, coma hoxe, non son propietarias", comentou Martins.
O documental analiza despois a organización das mulleres para defender os seus dereitos xa na última etapa do franquismo. "A muller tíñalle que pedir permiso ó marido para todo. A ideoloxía transmitíaa a Sección Femenina, o servizo social obrigatorio. Cando as mulleres comezaron a organizarse, dicían cousas que estaba moi mal visto dicir. Tiveron que ter unha forza enorme, primeiro de lograr a autoestima necesaria para poder enfrontarse á tradición, a como foran sempre as cousas", salientou.
Digna Rabia utiliza imaxes inéditas do NO-D0 e algunhas outras do CGAI, entre outras procedencias. Apóiase nunha ampla documentación: filmoteca, arquivos de concellos, arquivos privados...
DOCUMENTACIÓN
"Tivemos problemas para acceder ós arquivos. Non che deixan"
"Tivemos problemas para acceder ós arquivos. Por exemplo, os dos cárceres. Dinche que non pasou tempo suficiente. Outro problema é que están os documentos deteriorados, sen catalogar... é o que che din nos fondos de empresas", sinalou María Victoria. As tesmemuñas son directas e indirectas. "Falamos, por exemplo, cunha muller que estivo no cárcere coa súa nai cando tiña só once anos. Ela mesma tivo que recoller o corpo do pai cando o mataron. Falamos tamén de María Gómez, a única alcaldesa galega no 36. As mulleres eran represaliadas polo compromiso dos seus familiares ou polo delas mesmas. Eran detidas e encarceradas en Galicia, e despois enviadas a prisións como a de Saturrarán, no País Vasco", sinalou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario