Os visitantes poderán acceder ao pazo este mes e realizar un percorrido de hora e media cun “control de seguridade”
DANIEL PRIETO 11/03/2011
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte tras o Consello da Xunta que o pazo de Meirás, que debía ser aberto ao público en decembro de 2008, cando foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC), se poderá visitar “nas vindeiras semanas”. O recinto, situado no municipio coruñés de Sada, foi entregado ao ditador en 1938 mediante expropiacións forzosas a veciños e concellos da zona, camufladas baixo a fórmula da “ofrenda-doazón”. A Consellería de Cultura emitiu un comunicado no que precisou que o pazo, antiga residencia da escritora Emilia Pardo Bazán, abrirá ao público durante catro días ao mes “antes de que remate marzo”.
O anuncio chega tres anos despois de que o anterior Goberno galego, formado por PSdeG e BNG, impulsase a declaración de BIC a instancias do Bloque de Sada. A Xunta do PP indicou que os representantes de Carmen Franco, a propietaria do inmoble, asinaron un convenio coa Consellería de Cultura e Turismo para acordar as condicións das visitas públicas gratuítas, que consistirán nun itinerario guiado de hora e media. No percorrido, que non incluirá algunhas estancias privadas, establecerase un “control de seguridade” e ofreceranse charlas en galego ou castelán.
Núñez Feijóo, asegurou que a propietaria “trasladou as inquietudes en materia de seguridade”, que “corresponde á Administración”, mentres que “do resto non hai ningún pagamento”. Ademais, explicou que as visitas deben efectuarse “de forma ordenada e pacífica”.
Con anterioridade, o máximo mandatario galego opúxose a que Meirás fora aberto ao público. En setembro de 2008, cando estaba na oposición, rexeitou unha iniciativa que o BNG presentou no Congreso para a recuperación do pazo para usos públicos. E antes, en setembro de 2007, Feijóo defendeu os intereses de Carmen Franco no Parlamento galego ao asegurar que a fortaleza non alcanzaba a categoría histórica suficiente como para ser declarado BIC. “Non é pazo senón torre”, asegurou daquela o popular, que nesa ocasión tamén considerou que non pagaba a pena preservar Meirás. “Se se queren recuperar patrimonios, que se recuperen os que corresponden a Galicia”, chegou a dicir o actual presidente.
A conselleira de Cultura nese momento, Ánxela Bugallo, comunicoulle ao daquela presidente do PP galego que “debería saber que se fora torre xa sería BIC” e ironizou con contratar a Feijóo “como técnico de Patrimonio”. Desde a declaración de Meirás como BIC, Carmen Franco presentou sucesivos recursos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que fallaron na súa contra e a favor da apertura ao público do inmoble, construído no século XIX sobre unha antiga edificación. A filla do ditador incluso acudiu ao Tribunal Supremo, que aínda non se pronunciou ao respecto.
A finais do ano pasado, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, amosou a súa intención de “esgotar a vía do diálogo” coa propietaria do pazo para abrilo. Entón, o BNG acusou á Xunta de “conivencia” cos Franco por non facer efectiva a apertura, en consonancia cos autos do TSXG que avalaban a súa apertura inmediata pola “prevalencia do interese público sobre o privado”. “Ía sendo hora, porque é deber da Xunta e leva tres anos de atraso”, sinalou Abel López Soto, o alcalde de Sada, do BNG.
Outros BIC
Por outra banda, o Consello da Xunta declarou onte BIC os castros de Borneiro, en Cabana de Bergantiños (A Coruña) e Salceda, en Cualedro (Ourense). Ademais, Roberto Varela sinalou que expediente para que o castro de Baroña goce desa protección será incoado “no primeiro cuadrimestre deste ano”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario