Unha inusual sentenza xudicial ditamina que os Hamdala deben ceder dous cuartos e un dos patios da vivenda a uns cidadáns israelís contra os que levan preiteando os últimos once anos
ANA CÁRDENAS/EFE
Colonos xudeus sacan as pertenzas dos palestinos aos que lle ocuparon a casa |
A familia palestina Hamdala terá que compartir a súa casa en Xerusalén Leste con colonos xudeus que reclaman a propiedade do inmoble, tras unha inusual decisión xudicial que os condena a vivir xuntos. Os Hamdala viviron os últimos 59 anos nun destartalado edificio do barrio palestino de Nivel el Amud, no territorio ocupado de Xerusalén Leste, no que deica pouco terán como veciños os seus peores inimigos.
Durante os últimos once anos a familia destinou boa parte dos seus precarios ingresos a unha esgotadora batalla xudicial contra o millonario xudeu estadounidense Irving Moskowitz, coñecido por financiar os grupos da dereita relixiosa xudía dedicados a colonizar o territorio palestino.
A semana pasada un administrador xudicial ordenoulle á familia evacuar dous cuartos do edificio, nos que viven Ahmad e Amani co seu fillo dun ano, Yazan, e concedeulles ós colonos o dereito a instalarse alí e a usar un dos patios, no que colgan a randeeira do pequeno e dous paxaros en gaiolas.
"Os soldados ameazáronos, en calquera momento poden chegar e botarnos", relata Amani. A nova parella sacou xa os mobles e case todas as propiedades da vivenda, tal como lle ordenaron as forzas de seguridade israelís, que entrarán na súa propiedade un destes días escoltando os colonos. "Non sabemos que facer, fóronnos quitando a terra aos poucos e agora vanse meter na nosa casa", dille a Efe, angustiada, Fátima Hamdala, que engade levándose as mans á fronte que "os xudeus teñen todo o poder, que podemos facer nós?". "Non temos outra casa, non temos diñeiro, estamos aquí desde 1952. Somos xente pobre, non temos a onde ir. Eu crecín aquí, xoguei neste xardín cos meus pais e agora quérennos botar a todos. A onde imos ir?", pregúntase, e conta que nos últimos días non fixo máis que "chorar e rezar na mesquita da El Aksa para que non nos boten do noso fogar".
Ahmad apenas gaña ao redor de 600 euros ó mes nun pequeno supermercado preto dunha estación de autobuses palestina, polo que non se pode expor buscar outra vivenda. Segundo narra Fátima, o xardín que rodea a casa na que se criou era antes moito máis grande, pero os colonos lograron que os tribunais lles dean dereitos sobre a propiedade.
Agora, no que ata hai dez anos foi o oliveiral familiar, levántase o asentamento xudeu de Maale Zeitim, con apartamentos para un centenar de israelís e lindeiro co xardín dos Hamdala. "Todo isto era un campo de oliveiras que nos pertencía, e eles collérono e construíron ese edificio para que viñesen vivir alí xudeus", di Fátima, sinalando o enorme edificio coroado con bandeiras brancas e azuis de Israel.
"Agora queren coller a nosa casa para seguir construíndo", afirma Fátima, que asegura que a súa desgraza ten a súa orixe na falta de documentos oficiais, posto que "todos os papeis e escrituras se queimaron na guerra de 1967 (dos Seis Días)".
A familia describe que a convivencia cos colonos no solar adxacente é "moi difícil". "Os nenos colonos xogan no patio e ameázannos e insulta sempre que nos ven", explica Fátima, que engade que "agora vai ser horrible. Imos ter o xardín cheo de soldados armados".
Con todo, asegura con firmeza que non se van deixar amedrentar e loitarán ata o final por conservar o seu fogar: "A única solución é quedarnos aquí. Esta é a miña terra, é a terra do meu pai e son as casas dos nosos pais, non me podo ir de aquí", di Fátima.
O avogado da familia, o israelí Shlomo Leker, explica que "non hai dúbida legal de que os Hamdala son os propietarios da casa", aínda que recoñece que os tribunais estableceron que "a terra sobre a que está levantada é legalmente propiedade de Moskowitz, o patrón dos colonos". Con todo, considera que "o que debe rexer é a decisión xudicial de 2005 que establece que a familia Hamdala pode vivir na súa casa por tempo ilimitado".
Na opinión do letrado, a nova decisión da administración xudicial "deixa claro cal é a resposta dos tribunais cando un dos nomes é Moskowitz e o outro Hamdala"..
Ningún comentario:
Publicar un comentario