xoves, 17 de marzo de 2011

Pius Alibek e as súas memorias do Iraq que foi


13.03.2011 Naceu en Ankawa, no norte de Iraq, no ano 1955 e no seo dunha minoría cristiá que mantén como lingua materna o arameo. Pius Alibek publica en Ediciones Destino ‘Raíces nómadas’, un libro –case memorias– que amosa como era Iraq antes da serie de guerras que comezaron hai tres décadas coa que tivo con Irán, e como evolucionou desde aquela.
TEXTO: MANUEL PEREIRA FOTOS: ALI ABBAS
O autor, licenciado en Filoloxía Inglesa en Bagdad, chegou a Barcelona en 1981 para ampliar os seus estudos no eido da lingüística histórica comparada, e debido á prolongación da guerra entre Iraq e Irán optou por quedar a vivir na cidade e incorporouse ó departamento de linguas semíticas da Universidade de Barcelona. No 2010 publicou en catalán co título de Arrels nòmades este seu primeiro libro literario que agora quita en castelán Destino.
Nel rescata os recordos da súa infancia e da súa mocidade ó tempo que nos dá a coñecer como era a vida na súa terra natal no norte de Iraq ou nas cidades de Basora e Bagdad que foron despois outros dos seus destinos vitais.
A través do seu texto imos coñecendo a súa evolución persoal, mais tamén a da sociedade iraquí na segunda metade do século XX: a convivencia de persoas de diferentes culturas e relixións, con diferentes linguas e tradicións, os contrastes entre as zonas rurais e urbanas e o xeito de comportarse de familias e persoas.
A vida nas primeiras escolas, a fascinación infantil polos primeiros modelos de televisor ou os recordos das visitas a contornas naturais que hoxe xa desapareceron como as marismas de Al-Ahuar no sur no país ocupan boa parte das páxinas dos primeiros capítulos.
Conforme vai medrando, o mozo Alibek –que comezou a estudar no seminario xesuíta de Bagdade– vainos achegando noticias das liortas políticas de principios dos anos sesenta tras o golpe militar dos baasistas. Unha época na que levaron ó cárcere ao seu irmán Anis e a seu tío Petrus así como a un gran número de veciños de Ankawa.
Coñeceremos tamén os enormes cambios que supuxo para a cidade de Basora a nacionalización do petróleo en Iraq, o que fixo que a cidade se enchera de oficinas de empresas multinacionais para infraestruturas e complexos industriais e petroquímicos, e no que Anis fixo unha pequena fortuna traballando para clientes estranxeiros.
Mentres, Pius acabou sendo expulsado do seminario xesuíta, dous meses antes de que o goberno baasista creado despois do segundo golpe de estado nacionalizase todos os centros de ensino privados, expulsando ademais do país estes relixiosos. Non tardou moito en ingresar nun seminario da Igrexa caldea, máis modesto, e nárranos tamén as aventuras que viviu nel, mentres con cada anécdota imos aprendendo cousas sobre costumes en distintas partes de Iraq e como era a vida a finais dos sesenta e principios dos setenta, con conflitos bélicos coma a Guerra dos Sete Días, o que inevitablemente levaba a desconfiar dos estranxeiros que visitaban Iraq mesmo que fose por turismo. Nesta época seu tío Habib foi detido pola Intelixencia iraquí, sentenciado a morte e executado no 1974, o que deixaba marcada a toda a súa familia, máis ou menos directa, impedíndolle acceder a bolsas de estudo ou conseguir bos traballos en institucións oficiais.
Tras abandonar o seminario, comezou a época universitaria, iniciando os estudos de Filoloxía Inglesa en Bagdad, un novo cambio con novas amizades e por fin amores, mais tamén un intenso interese pola política máis propio da idade e do contexto universitario e a incorporación ó mundo laboral para complementar as axudas para os estudos. É neses anos cando entra en contacto con estudantes españois e onde oe falar por primeira vez de Barcelona, que ó cabo será un dos seus novos destinos no periplo vital. A seguinte etapa foi o servizo militar, coas dificultades propias dos novatos nos primeiros meses e incrementadas polo feito de ter que cumprilo nun lugar próximo ó deserto durante máis dun ano, o que facía aínda máis difícil adaptarse. Finalmente, logo de dous anos de mili, Pius foi licenciado do exército a penas un mes antes de que comezase a guerra entre Iraq e Irán en setembro do 1980.
Unhas semanas despois, fixo firme a súa decisión de marchar de Iraq coa idea de comezar o seu doutoramento na universidade británica de Oxford, pero naquel momento a embaixada británica negoulle o visado. Con todo, a través de persoas coñecidas puido conseguir un visado para estudos da embaixada española, o que o obrigou a viaxar por terra a Ammán e despois desde alí coller un avión con destino a Madrid. Finalmente, no 1981 chegou a Barcelona, onde acabou establecéndose malia a súa idea primeira de formarse e retornar ó país de orixe. Na capital catalá foi parte activa das mobilizacións contra a invasión de Iraq no 2003.

Ningún comentario:

Publicar un comentario