‘La bambina filosófica’, un éxito en Italia
06.03.2011
Booket acaba de publicar en castelán ‘La bambina filosófica. Anatomía de una
ruina’, un libro de banda deseñada da autoría de Vanna Vinci protagonizado pola
que a propia editorial denomina “a Mafalda do século XXI”, unha nena moi
especial que le a Kant cando ten insomnio ou que mesmo pide un lifting como
agasallo de aniversario
TEXTO:
MANUEL PEREIRA
Neste primeiro libro
protagonizado pola Bambina filosófica asistimos ó orixinal nacemento da nena e ós
seus primeiros anos, nos que van aparecendo os personaxes que a acompañarán nas
súas aventuras cotiás. A súa nai, o gorila de peluxe Lillo, o porquiño Lino ou a
compañeira de clase da nena, Angelicia, vana acompañando ó longo das tiras e
das páxinas completas monotemáticas –desde posibles disfraces para a Bambina
ata tests de personalidade–.
A Lillo atopouno nunha tenda
cando a súa nai lle ofreceu comprarlle unha boneca ou un boneco –como
alternativa á tan popular Barbie– e tan logo como o viu –el soíño nun estante–
decidiu que era o que realmente buscaba, converténdose deste xeito no seu compañeiro
case inseparable, co que fala continuamente e que claro, sempre a escoita sen
poñer mala cara nin contestarlle.
O porquiño Lino chegou á casa da nena enviado pola súa tía
Cicci para converterse en salchichas, pero... resulta que sabe falar, bailar ou
fregar o chan, ten unha tarxeta de visita propia e sobre todo sabe gañar axiña
a confianza da xente, por esa razón acaba por ser un convidado máis na vivenda,
co seu propio espazo –habilitará o rocho– que el decorará escollendo
persoalmente os mobles nunha tenda de Ikea.
A Angelicia coñécea como compañeira de clase, tras pasar
fugazmente por un xardín de infancia onde a súa actitude fronte ós seus compañeiros
foi, podiamos dicir, cando menos incomprendida, e onde non se sentía integrada.
A súa nova amiga é realmente o seu contrapunto: son efectivamente amigas pero ó
tempo as súas personalidades son totalmente diferentes: mentres Angelicia é
unha rapaciña ben guiada e tamén podemos considerala como unha soñadora, a
Bambina é ante todo rebelde e profundamente crítica co contorno no que lle
tocou vivir.
A protagonista principal deste libro fala e compórtase como
unha moza máis que como unha nena no referente a moitas cuestións, interésase
pola filosofía –ata o punto de que le autores coma o prusiano Inmanuel Kant,
cuxos textos mesmo lle serven de remedio contra o insomnio– e está afeita
a pensar sobre algunhas das grandes cuestións da vida, tanto que ás veces ata a
cabeza lle bota fume e ten que refrescala.
Xa dixemos que foi comparada con Mafalda, a nena que
popularizou no mundo o debuxante arxentino Quino, pero tamén con Calvin, o neno
que canda o tigre de peluxe Hobbes converteu noutra estrela da banda deseñada o
debuxante estadounidense Bill Watterson.
Con Mafalda comparte certamente actitudes coma o
incorformismo –algo do que imos atopando mostras en moitas das tiras deste
libro– e co inimitable Calvin algunhas cousas como o feito de ser un pouco
traste e compartir as súas vivencias cunha mascota de peluxe, e tamén, por
suposto, as queixas sobre a súa vida.
Neste primeiro libro algunhas das tiras e dos debuxos a toda
páxina están inspirados directamente por frases pronunciadas por personaxes
populares en distintos ámbitos. Por exemplo, o debuxo dunha das páxinas do
volume está baseado na provocadora declaración da actriz estadounidense Mae
West: “Cando son boa, son moi boa, pero cando son mala, son mellor”.
E velaí outra cita xurdida do xornalista e escritor satírico
austríaco Karl Kraus: “Moitos queren matarme. Moitos queren pasar unha hora
charlando comigo. Dos primeiros protéxeme a lei”.
Acerca da autora de La bambina filosófica. Anatomía de una
ruina, hai que dicir que Vanna Vinci naceu en Cagliari no ano 1964 e que
traballa no mundo dos cómics desde o ano 1990. Iilustrou libros infantís para
editoriais de prestixio como Fabbri e Mondadori e colabora coa páxina cultural
L’Unità. Gañou o premio Yellow Kid como mellor deseñadora no ano 1999 e
actualmente vive e traballa na cidade de Boloña.
Na súa web, en www.vannavinci.it, pode verse unha ampla
mostra dos seus traballos, e en concreto sobre o personaxe que constitúe o eixo
do libro que estamos a falar hai unha web específica, que é
www.labambinafilosofica.it, onde se poden ver algunhas tiras –en italiano– e
mais poderemos atopar debuxos dos personaxes principais da obra e unha pequena
descrición sobre eles e o papel que lles toca xogar dentro das aventuras da
Bambina. En italiano xa se publicaron outros tres libros desta serie que agora
comeza a publicar Booket.
Ningún comentario:
Publicar un comentario