mércores, 23 de marzo de 2011

Vinte e cinco anos da revolta das conciencias de Érguete


Carmen Avendaño e Manuel Rivas repasan a historia dun movemento social que empezou hai un cuarto de século, como o das nais da praza de Maio na Arxentina, cun pequeno xesto
MARCOS SUEIRO 20/03/2011 - 20:00 h.
Cúmprense vinte e cinco anos de Érguete. O imperativo tomou a forma dun berro para mobilizar as conciencias e espertar unha sociedade adormecida que parecía non querer ver o que estaba a suceder cun gran número de mozos e mozas enganchados á heroína. A situación de permisividade na que vivían os narcos, os causantes, e o desastre emocional e social no que estaban sumidas as vítimas e as súas familias foi o detonante para que unha maquinaria de resistencia, loita e denuncia se puxese en marcha.
Carmen Avendaño liderou e lidera na actualidade esta organización que naceu coa vocación de soporte e coa finalidade de denunciar o que estaba a suceder para logo conseguir a axuda e a implicación necesarias. Define Avendaño o transcorrer destes anos, e o propio xurdimento do fenómeno Érguete, como “unha rebelión da sociedade que mantén as conciencias abertas ante unha auténtica lacra social”. A propia Carmen, xunto con outras mulleres e nais, e profesionais do centro Cedro, foi a pioneira e a fundadora dunha asociación que hoxe ten corpo e vigor e segue a loitar contra a droga “porque isto non ten fin”.
Este carácter revulsivo e mobilizador tamén é reivindicado polo xornalista e escritor Manuel Rivas, que compara os vinte e cinco anos de Érguete, “salvando as distancias”, co que ocorreu na Arxentina coas nais e as avoas da praza de Maio: “Todo comezou con dez ou doce para acabar movendo a toda a sociedade”. O escritor que traballou daquela como xornalista na investigación do fenómeno observa dende a distancia que dá o paso do tempo que “a irrupción de Érguete supuxo un xiro copernicano que lle plantou cara ao que ameazaba con converterse nun poder oculto”. Rivas abunda na súa explicación para asegurar que “este movemento social veu a demostrar que a sociedade estaba viva porque unha sociedade está viva cando é capaz de xerar antídotos de autodefensa”.
Nesta misma liña, Avendaño apoia o razoamento e sostén que “non había outra solución que a unión”, para logo confesar que de non producirse esta rebelión “non saberíamos o que tería pasado”. “Todo estaba ben visto socialmente, facíanse constantes exhibicións de poder e os poderes públicos non interviñan mentres que aos mozos e as mozas enfermos lles chamaban ionquis dun xeito despectivo e ninguén os miraba á cara”, aclara. De aí o berro unánime que resoou nas vilas e cidades e a posterior visibilización da repugnancia que producía “o deixar facer, o deixar pasar”. Este alarido constante e sostido no tempo levaba asociado, segundo Carmen Avendaño, varias intencións concretadas en forma de pregunta. Por qué está a ocorrer isto? Saben vostedes os medios cos que contamos? Tamén había esixencias: mellora no trato policial, dereito á presunción de inocencia, trato digno aos enfermos e as súas familias e por suposto un castigo para os culpables.
Nesa loita había que dar cos autores ou coautores do crime no sentido máis amplo dos tres suxeitos que poden ter responsabilidade criminal: autores, cómplices e encubridores. Manuel Rivas recorda como chegou a falar con narcos fóra de Galicia: “Eu cheguei a entrevistar a unhas persoas fuxidas a Portugal, sufrín as súas ameazas, pero lembro como negaban case todos a súa responsabilidade e a súa vinculación coa droga. Había de todo, dende unha persoa que era mestre a un piloto de planeadora, tamén algún empresario”. Non obstante, para Rivas “o importante ou o máis grave foron as complicidades que podía haber e refírome ao ámbito político, xudicial que deberían preocuparse para impedir isto”. “Houbo, pode ser, tipos metidos no asunto con aspiracións políticas, houbo tamén xente que deixaba facer e outros que se xogaron o posto e xamais o aceptaron e sobre todo hai moitas cousas que non coñecemos como o que ten que ver co financiamento das campañas electorais”, aclara.
No outro lado, na beirarrúa de en fronte estaban os enganchados que consumían “porque o produto estaba á volta da esquina ou porque lles pagaban en especie”, como di Carmen Avendaño. A nai e tamén vítima reivindícaos e recoñécelles un mérito: “A mocidade dos anos 80-85 foron ratas de laboratorio e todos aprendemos deles”.
E con estes vimbios comezou o seu labor. Non perdendo a perspectiva e ocupando as rúas e petando nas portas dos despachos. Non se trataba tanto de visibilizar o problema, “porque todos sabíamos o que era”, argumenta Avendaño, senón de encetar un melón que ninguén se atrevía a abrir. Conta a fundadora de Érguete que “as familias se avergonzaban de ter un membro drogadicto na casa, escondíano como se fose unha deshonra ou un descrédito e iso tiña que cambiar”. Érguete propiciou o contacto, a relación, e nas reunións “falaban unhas coas outras, compartían a súa experiencia e tamén a súa dor, e así parece que os males son menos males porque un necesita compartir”.
As follas dos distintos xornais do país son testemuñas de como o movemento adquiriu unha forza imparable que contaba cada vez con máis adhesións, e estas manifestacións de solidariedade e compromiso transformáronse nunha acción social que se proxectaba na denuncia, na presenza nos xuízos contra os narcotraficantes, nas manifestacións nas portas das súas grandes casas e tamén na axuda ás familias e os enfermos. Érguete e os seus traballadores comezaron a actuar nas prisións, nas propias unidades familiares e proporcionar talleres para superar as adiccións e soportar de mellor xeito as adversidades.
Aínda que hoxe en día está o problema localizado segue a ver idas e voltas de como chegou todo tan lonxe. Quizais cómpre, como Carmen Avendaño, entoar o mea culpa –“Fallamos todos e todas”– para determinar as responsabilidades individuais e colectivas, pero hai quen tamén procura unha explicación histórica. Manuel Rivas fai a súa propia reflexión: “Poderíamos facer unha historia do noso país facendo relato do seu lado oculto porque existe unha identidade delictiva que nos permite contar a súa historia”. Porén o escritor entende que non se pode establecer unha comparativa do contrabando de subsistencia que “en Galicia houbo con intensidade” co fenómeno do narcotráfico. “O mar, o noso litoral, a xeografía política son circunstancias que historicamente posibilitaron que houbese contrabando e fosemos refuxio de piratas e corsarios”, di Rivas para matizar que “trocar café por tabaco ou zapatos por bacallau non é pecado“. Non obstante, o fenómeno é substancialmente diferente coa chamada internacionalización que comeza con wolframio durante a II Guerra Mundial: “O réxime franquista vendíallelo aos nazis e os aliados mercábano para tiralo e había xente que se enriquecía”.
O seguinte paso xa sería o mundo do narcotráfico que Rivas define claramente como “uns delincuentes que tratan de subtraer á fiscalidade pública as súas ganancias á marxe de que xeran un problema grave e serio de saúde”. Estes tres estadios tamén son recoñecidos pola fundadora de Érguete, Carmen Avendaño, quen entende que o contrabando e as formas de burlar a legalidade son unha sucesión ininterrompida de feitos que ao final fixeron moito dano no corpo social e ségueno a facer.
A presenza da droga na sociedade é constante, de aí que trala loita comezada nos anos 80 a Asociación Érguete continúe traballando e a súa iniciadora confese: “Hoxe síntome ben e outras veces non tan ben, porque me gustaría que a situación estivese máis controlada, aínda que hai máis recursos para controlar unha situación parecida”. Porén, o consumo de substancias como a cocaína e outro tipo de estupefacientes significa, para Carmen Avendaño, que a situación está lonxe de ser a óptima e cómpre mellorar a información para evitar que a mocidade volva sucumbir ante propostas ruinosas. Tamén para Manuel Rivas hoxe podemos falar dunha situación máis contida, “porque houbo ese vento que moveu as conciencias en Galicia e inmunizounos contra a indiferenza”.
Sexa cal sexa a situación actual os membros e os socios de Érguete continúan a traballar como cando comezaron hai 25 anos. Na actualidade son corenta traballadores e traballadoras ás que se dedican a recuperar os que están enganchados e dende 1999 teñen un novo instrumento que se encarga da súa inserción sociolaboral, a Fundación Érguete. O seu ámbito de aplicación é a nivel galego pero tamén se realizan intervencións a nivel estatal e internacional. Neste momento están insertos nun período de revisión dos obxectivos, xa que a pesar de conseguir superar obstáculos importantes, quedan outros como a consolidación de novos proxectos, a investigación das consecuencias sociais de novas substancias, a busca da sensibilización familiar e social na prevención e inserción.
Coa Fundación complétase o piar da inserción. Seguindo o labor iniciado hai 25 anos propoñen novos programas como a asistencia a persoas en situación de emerxencia social, a formación prelaboral e ocupacional, a orientación e asesoramento laboral e profesional, a consolidación dun espazo gratuíto de acceso ás novas tecnoloxías, a presenza nos centros penitenciarios galegos, os programas dirixidos a persoas privadas de liberdade ou en 3º grao e liberdade provisional ou accións dirixidas a persoas emigrantes, retornadas e inmigrantes.
Todos estes anos de loita recoñecida e pública fan da Asociación Érguete un referente. Boa mostra diso é o documental realizado en 2005 titulado Nin tolas, nin terroristas ou a película Heroína dirixida por Gerardo Herrero e baseada na vida de Carmen Avendaño e das nais da asociación Érguete, ou as numerosas homenaxes recibidas por parte da sociedade, como dos poderes públicos que logo se concretaron en convenios de colaboración e axuda.
Esta permanente alerta é ben recibida por Manuel Rivas, admirador confeso da loita das nais organizadas contra a droga. O escritor refírese a Érguete “como a conciencia que está esperta, que non se pode anestesiar porque non sabemos o que pode pasar. Nun contexto de crise pode darse doutro xeito ou mesmo poden rexurdir bandas mafiosas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario