13.03.2011 Non figuran nos libros de historia e o seu relato está a ser esquecido, deturpado, minguado. Mentres a clase política tenta repartirse o pastel no décimo aniversario da fin do servizo militar obrigatorio, varios insubmisos galegos reflexionan sobre a forza do movemento pacífico que conseguiu derrubar un sistema co respaldo da maioría da sociedade. “A xente nova hoxe en día non se pode imaxinar como nos organizabamos daquela, a nivel estatal, cando moitos iamos chamar a unha cabina, porque nin teléfono tiñamos na casa. Había outro tipo de enerxía, as redes sociais de carne e óso. Faciamos o esforzo de sair, apoquinar para alugar locais. Eu emociónome incluso hoxe lendo os telegramas que recibín na prisión, cousa que non me pasou nunca vendo o facebook”, chancea con saudade o actor César Goldi
TEXTOS: MARGA TOJO FOTOS: SUSANA GLEZ. HANNES STÖHR
"Teño unha anécdota bastante significativa que contarlle –fala o actor César Goldi–. Cando atopei a Piti Sanz e estivemos xuntos nos Magical Brothers o primeiro que me dixo foi: ‘Eh, eu facía pintadas en Lugo de Liberdade Goldi’. E non nos coñeciamos persoalmente. Iso dá unha idea do apoio que sentiamos, que existía, e da dimensión que atinxira o movemento insubmiso en Galiza e en todo o Estado. Eu véxoo como o último gran movemento social da nosa historia, moi ben organizado e que, ademais, foi quen de conseguir un obxectivo".
Goldi –natural de Bóveda, aínda que criado en Barcelona– pasou catorce meses á sombra da antiga Prisión provincial da Coruña. "O meu sempre o lembro como un caso de tres persoas –relata–. Ernesto López, da Coruña, César Aguiño, do Grove e máis eu fomos os primeiros insubmisos encarcerados pola reforma Belloch. Eramos tanto insumisos á mili como á PSS -que quitaba postos de traballo e minguaba a calidade do servizo-. O que fixo o ministro daquela foi igualarnos a todos penalmente. Nos levaban xulgados civís e a todos nos metían a mesma pena de dous anos catro meses e un día. Era máis dura a pena baixo xurisdicción civil, de feito. A condea de insubmisión á mili, rexida pola xurisdicción militar, fora dun ano e sen antecedentes non tiñas que ir á prisión, o único mellor é que o noso foi segundo grao. Esta reforma quixo meternos a todos en vereda".
Antes, na altura de 1984, dentro do goberno socialista o subsecretario de Xustiza Liborio del Hierro foi o primeiro en manifestar o perigo do que podía supor o Movemento de Obxección de Conciencia (MOC) porque tiña trazas de converterse "no primeiro caso de desobediencia civil a gran escala en España". A insubmisión afianzouse daquela como resposta do movemento antimilitarista á promulgación por parte do PSOE da Lei de Obxección de Conciencia (LOC) o día dos Inocentes de 1984. A LOC lexislaba un servizo "social" sustitutivo do militar (PSS) máis longo (18 meses fronte a 12 do ‘mili’) e cun regulamento aínda máis duro que o bélico, creaba un consello (CNOC) que decidía quen era admitido oficialmente como obxector e quen non, negaba a posibilidade de obxectar a metade de mili, e intentaba despolitizar a Obxección de Conciencia (OC) eliminando o seu fundamento antimilitarista.
E é que, sobre todo a principios da década de 1990, o movemento de obxección e insubmisión alcanzou no Estado español unhas dimensións xigantescas en comparación co resto de países europeos. O movemento non deixaba de crecer e a sensibilidade popular, conmovida pola hipocrisía militarista da Guerra do Golfo (1991), íalle dando a razón a un novo movemento social que, ademais de desprestixiar, boicotear e facer practicamente inviábel a PSS, logrou tanta repercusión e apoios, que conseguiu incidir decisivamente no proceso político que puxo fin ao servicio militar obrigatorio hai hoxe dez anos.
Modesto Toribio tamén foi insubmiso. Militante de +Galicia, ocupa hoxe o número catro nas listas do BNG á alcaldía de Santiago, ademais de estar ao cargo da tradicional Armería Toribio da Praza de Galicia compostelá. "Non sei de ningún insubmiso ou obxector que tivera rexeitamento na súa contorna, nin social nin familiar. Creo que a comprensión era grande e que foi medrando cos anos. Claro que te sentías máis arroupado na cidade: en Santiago, na Coruña, en Vigo... Á parte, en concreto Santiago, coa universidade, foi un lugar que albergou unha parte importantísima do movemento. Pero, isto falámolo moitas veces: ninguén en ningún sitio no que estivo foi rexeitado pola sociedade que o rodeaba, entendíase que o servizo militar era unha perda de tempo e que ninguén quería facelo". É o mesmo que di Goldi: "Eu nunca percibín socialmente antipatía. Perplexidade ou curiosidade ás veces, rexeitamento nunca". E engade unha anécdota da prisión: "Lembro que un interno que cando lle contei que eu era obxector á PSS espetoume: Moi ben, así se fai, ou mili ou talego, iso da prestación é unha mariconada". E nese contexto, chancea sempre o actor con que "todo o mundo debería pasar pola cadea nalgún momento da súa vida, porque o que hai alí dentro son persoas, cada unha coa súa historia, da que aprender".
Arredor de 1996, a obxección e a insubmisión convertéranse nun problema de Estado para o ministro de Xustiza do último goberno de Felipe González, e nun requisito de obrigado tratamento para o primeiro mandato de José María Aznar, o cal, co fin de asegurar a súa estabilidade grazas ao apoio de CiU e PNV, viuse forzado a anunciar para 2003 o fin definitivo do servizo militar obrigatorio e a Prestación Social Sustitutoria. Ao respecto, Toribio subliña: "Non foi unha pelea entre políticos, foi desde a rúa, obrigóuselles" "O goberno chégase a atopar cun millón cincocentos mil obxectores de conciencia. Ese é o momento en que deciden eliminar o servizo militar. O movemento de obxección de conciencia foi o que rematou co servizo militar, a tremenda presión social, non foi un logro político. Esta semana saíu a ministra celebrando a supresión do SMO -que realmente está en suspenso, non abolido-, como se fose un logro dos partidos políticos e un éxito democrático do exército. A min condeoume un goberno socialista e quen suprimiu a mili foi un goberno do PP. Parece o mundo ao revés, pero o que aconteceu é que a rúa forzou inexorábelmente a que así fose".
Goldi comparte a opinión: "É moi doado para os políticos dicir que foron eles os que o lograron, pero sen o movemento obxector, teriádelo plantexado? Non sei. A nosa organización, ademais, era moi boa a nivel estatal. En Galiza había moitos colectivos locais que estamos organizados en torno á Asamblea Nacional de Obxección de Conciencia e cada insubmiso encarcelado tiña o seu grupo de apoio".
O primeiro obxector de conciencia político: Pepe Beunza
"Son católico, pero me parece equívoco alegar este motivo cando no meu país os bispos teñen gradacións e honras militares e presiden os desfiles, cando a práctica oficial da misa en cuarteis é vergoñosa (...). Creo mellor expolo por motivos éticos. Son noviolento e considero que a Historia ten suficiente experiencia das consecuencias desastrosas da violencia como para que nos sintamos obrigados a experimentar outras vías de cambio social". As palabras de Pepe Beunza sementaron o desacougo no Consello de Guerra celebrado en Valencia o 23 de abril de 1971. O Tribunal Militar interrumpino á altura do cuarto parágrafo da súa alocución e impediulle continuar. Tratábase do primeiro obxector de conciencia político do Estado español.
Os primeiros desobedientes chamáronse a si mesmos ‘obxectores de conciencia’. Eran os anos transcorridos entre 1971 e 1986, antes da entrada en vigor da Prestación Social Sustitutoria. Ao principio eran mozos provenientes na súa maioría de comunidades cristiás de base, moi influídas pola Teoloxía da Liberación, de cidades como Valencia, Madrid, Bilbao e Barcelona. Pero non explicaban a súa postura en termos relixiosos, presentábanse como "non violentos" e abrazaban toda unha tradición de pacifismo e desobediencia secular. Este foi o caso de Pepe Beunza e doutro feixe de mozos que se negaron a cumprir o servizo militar con argumentos que inquietaron ás autoridades da ditadura e ofuscaron ao seu sector máis conservador. A obxección de conciencia adquiría as súas auténticas coordenadas subversivas, recibía apoio internacional e iniciaba a súa sólida e pacífica andadura. Algo cambiara e os anos demostraron que o faría para sempre.
"Até 1971 a historia da obxección de conciencia ao servizo militar obrigatorio foi a historia das Testemuñas de Jehová que se negaban a facer a mili por imperativo relixioso". Explícao Pedro Oliver Olmo, autor de Los iniciadores del movimiento de objetores de conciencia (1971-1977), unha revisión do movemento incluída no traballo Culturas políticas del nacionalismo español. Del franquismo a la transición (La Catarata, 2009), quen detalla como ese mesmo ano a obxección de conciencia entrou nunhas coordenadas históricas totalmente diferentes e comezou a apelar a uns valores moi distintos e defender uns métodos de acción que certamente soaban subversivos no seo daquela orde autoritaria, onde o exército era un alicerce imprescindíbel. "Desde finais dos anos cincuenta, os militares franquistas e as máis altas institucións do réxime ditatorial, os seus propagandistas e os seus máis egrexios intelectuais e académicos, fóronse afacendo oír falar ‘dos chamados obxectores de conciencia’, un xeito de denominar aos que, en realidade, eran Testemuñas de Jehová. A cuestión non se prestaba a máis distingos. Non alarmaba a ninguén, pero preocupaba a moitos. Evidentemente, aquilo era un problema menor para a ditadura. Sabíase que se un recruta dicía ser Testemuña de Jehová, con total seguridade ía terminar sendo encarcerado, irremediábelmente, porque a súa relixión prohibíalle realizar un servizo armado. Por iso, á altura de 1970, a obxección converteuse nunha realidade asumida polos mandos dos cuarteis franquistas. En cambio, as autoridades políticas (algunhas delas tamén militares) creron que chegara o momento de regular esa situación anómala e embarazosa. Había 35 Testemuñas de Jehová objetores de conciencia en prisións militares e era de temer que a cifra seguise aumentando. Os militares afixéronse falar dos obxetores como se fai cando no trascurso ordenado das cousas sobrevén unha contradición rara e extravagante. Uns alarmábanse, outros moitos despachaban o asunto con desdén, entre burlas e desprezos, e a maioría aludía a eles con certa afectación, para resaltar a súa dimensión problemática. Verdadeiramente a presenza dos obxectores, ou das Testemuñas de Jehová, ademais dunha molestia para a familia militar, convertíase nunha complicación moi peculiar no desenvolvemento das políticas reformistas do tardofranquismo, porque puña de manifesto as insuficiencias, quizais a vacuidade, da Lei de liberdade relixiosa. Esas actitudes explícanse porque desde o principio a obxección de conciencia deuse a coñecer en España como unha forma peculiar de entender a relixiosidade que chocaba frontalmente co nacionalcatolicismo da ditadura".
Tal como relata Pedro Oliver no seu estudo, en novembro de 1976 Justiza y Paz tentaba que o goberno Suárez aceptase regular a obxección de conciencia, pero o contido da resposta foi doutra índole: en decembro dese mesmo ano fixo público un Real Decreto sobre Obxección de Conciencia por motivos relixiosos que pretendía impor un servizo civil de tres anos e, a ollos vista, só parecía querer solucionar a enquistada problemática das Testemuñas de Jehová. Os obxectores de conciencia non violentos e antimilitaristas, e os grupos de desobedientes que tiñan proxectos de servizos civís autoxestionados, organizáronse rapidamente para rexeitar o decreto. O 7 de xaneiro de 1977 celebrouse en Madrid unha asemblea para constituír o Movemento de Obxectores de Conciencia (MOC). Á reunión asistiron 75 persoas. Entre elas había unha vintena de prófugos que pensaban declararse obxectores de forma colectiva para desobedecer e boicotear o Decreto. Durante ese ano desobedeceuse amplamente a iniciativa do goberno, mentres se sucedían as detencións de prófugos e, ao mesmo tempo, organizábanse marchas de solidariedade cos encarcerados, accións non violentas na rúa e autoinculpacións.
Memoria histórica da insubmisión, a materia pendente
"Os insubmisos non teñen memoria histórica. Quizá sexa esta unha das causas do seu éxito, o non saber que teñen unha historia e recrearse despreocupados nas contradicións dun presente infinito". Escríbeo con complicidade incisiva ao suposto joie de vivre da obxección que nos ocupa Xabier Agirre Aranburu no libro En legítima desobediencia: Tres décadas de objeción, insubmisión y antimilitarismo, editado polo Movimiento de Objeción de Conciencia y Traficantes de Sueños no 2002. Constitúe este un dos poucos textos que aborda un dos movementos máis fecundos da historia do noso Estado. "Trátase –di– dunha experiencia modesta que, como a verdade, sería unha das primeiras vítimas da guerra, e permaneceu durante décadas sepultada entre a Historia dos vencedores, a nostalxia épica dos vencidos e a ignorancia dos seus herdeiros afastados". Fala, pois, dos insubmisos do 36, que empezaran a edificarse no final da II República e que caeran, despois como un castelo de naipes. Pero idéntica deriva se lle pode aplicar ao movemento insubmiso da última do franquismo final até o fin da mili, atrapado no risco do esquecemento.
A Goldi dálle "coraxe" que un movemento que foi tan grande e espertou tanta simpatía, "un movemento antimilitarista único a nivel mundial, non cruento, non partidista, que obtivo resultados, non figure nos libros de historia, non se preocupe ninguén por ensinalo para que se aprenda del. Incluso me plantexei coa miña moza organizar unha exposición e unha reunión e facer un recordatorio, porque hai moi pouco material. Plantexeime moitas veces por que os movementos eran máis potentes antes que non había facebook, nin internet, nin sms. A xente nova hoxe en día non se pode imaxinar como nos organizabamos daquela, a nivel estatal, cando moitos tiñamos até que ir chamar a unha cabina, porque nin teléfono tiñamos na casa. Había como outro tipo de enerxía, as redes sociais de carne e óso. Faciamos o esforzo de sair, apoquinar para alugar locais. Eu emociónome incluso hoxe en día vendo os telegramas que recibín, cousa que non me pasou nunca vendo o facebook".
En canto a Toribio, asegura sentirse tratado "como el abuelo cebolleta". "A maioría dos mozos non saben o que foi o servizo militar nin coñecen o movemento insubmiso e desa historia hai moito que aprender".
Moitos máis insubmisos dos apresados
"O de entrar ou non entrar en prisión era unha auténtica lotería e eu fun dos privilexiados que se librou –conta o político compostelán–. En Galiza, a primeira persoa que entra en prisión, César do Grove, faino antes de ser xulgado. Ten que pasar dúas semanas na Prisión de Pontevedra, pero despois do xuizo nunca regresa á cadea. Un ano antes ca el estivera Budiño preso en Madrid polos militares, tamén polo mesmo proceso. Eu son dos primeiros xuízos e tanto a min como a Andrés ou coma a Kiko non nos meten en prisión. Xúlgannos, condénanos, pero automáticamente alguén leva unha petición formal de indulto. No meu caso e no de Kiko foi a propia xuiza, no de Andrés foi o fiscal. Pero cando ven que iso non para o movemento, que segue a medrar, deciden aumentar a presión. Por exemplo, a Goldi mándano cerca de oito meses e tanto Elías como Ramiro chegan a estar un ano na prisión de Madrid".
A petición de indulto era, efectivamente unha práctica común. Pero as leis seguían estancas e no ano 1996 Pepe Beuza lembra durante unha charla en Valencia con motivo do XXV aniversario do seu primeiro consello de guerra: "Eu vin aquí para recordar que hai aínda trescentos insubmisos presos nos cárceres de España, o cal teríanos que encher de vergoña a un país que se chama democrático. É unha loita que está gañada a nivel popular. A maioría dos mozos están en contra do servizo militar. É unha loita que está gañada a nivel xurídico, xa sabedes que houbo moitos xuíces que absolveron aos insubmisos. Cando lles condenan pídenlles indultos, pero falta que o Goberno dea unha resposta adecuada a un problema que cre que coa represión e o cárcere vai deter, co cal estao complicando moito máis".
A estratexia de insubmisión nos cuarteis
Daquela o MOC plantexou a insubmisión nos cuarteis. Basicamente, consistía en incorporarse a filas cando así se lle requiría ao mozo para, unha vez adquirida a condición de militar, abandonalas e asumir as consecuencias legais: penas privativas de liberdade, determinadas por tribunais militares en consellos de guerra.
Foi o caso de Elías Rozas e Ramiro Paz. Elías e Ramiro. Pioneiros do movemento insubmisión nos cuarteis. Que fixeron correr ríos de tinta en spray polas paredes galegas -de Compostela, en cuxa universidade estudaban, e en Arousa, a súa terra natal-. A orixe desta estratexia residía na aparición dun novo Código Penal que recoñecía a regulación legal da insubmisión tratando de ocultar a represión á insubmisión á mili, que tan hábilmente fora dirixida na súa contra polo movemento antimilitarista. Por outra banda, a irrupción do proxecto de profesionalización do Exército baixo o epígrafe de ‘humanitario’ trasladaba á sociedade a idea de que "o problema dos insubmisos" estaba en vías de solución.
Elías Rozas é hoxe empresario en Ourense. Vén de levar o fillo a clase. En Santiago estudaba filoloxía alemana cando se incorporou ao servizo militar xunto a Ramiro Paz. Os mozos desertaron. Era o ano 1996. Despois estiveron varias semanas en paradoiro descoñecido. "A súa primeira aparición pública foi o 25 de xaneiro de 1997, nunha manifestación pacifista celebrada en Santiago. A pesar de que anunciaran a súa presenza, ninguén acudiu a detelos. Nin os detiveron, nin puideron entregarse eles o 30 de xaneiro, como foi a súa intención. Aquel día, no Goberno Militar de Pontevedra non constaba ningunha orde de busca e captura. Si foron arrestados, con todo, a principios do mes de febreiro na Coruña", puntualiza o xornalista Antonio Garrido.
A prisión preventiva sufrírona en Alcalá de Henares e o xuízo quedou fixado para o 16 de maio. A condena: dous anos e catro meses para Elías e dous anos e seis meses para Ramiro a cumprir na mesma prisión. Na cadea militar chegaron a ser agredidos por un grupo de inclinación neonazi en connivencia cos militares e cos celadores. Fóra, o apoio era extraordinario. "Non houbo un só día da nosa estanza alí que non recibísemos visitas –conta Elías–. Tiñamos moitísimas cartas, de xente de Galiza, de xente de Madrid, de todas partes... A cousa tiña tal magnitude que estabamos matriculados na Uned e moitas veces non nos quedaba tempo para centrarnos niso. Había unha capacidade de movilización inmensa e pensemos que xa era a época en que o movento iniciaba o seu proceso de decaemento".
A historia lémbranos o que a cidadanía pode lograr
O plan de axuste do Goberno español está cifrado en 15.000 millóns de euros como obxectivo de aforro, pero resulta que o gasto militar do Estado español é de máis de 18.000 millóns de euros anuais. E somos os sextos exportadores de armas do planeta. "Aos países que hoxe están en guerra vendémoslle nós a munición", di Elías. "Por iso considero que o movemento de insubmisión, malia estar subscrito a un momento moi concreto e á existencia do servicio militar, ten un debate de fondo de absoluta vixencia. A non violencia, o pacifismo activo, a fin do desvaldimento militar... é unha medida para decidir a onde van os escasos recursos do Estado que temos. Ademais, o movemento sentou bases de como determinado tipo de prácticas políticas cidadás poden condicionar e cambiar as cousas. Hoxe podemos aprender diso que organizándonos a cidadanía ten poder para facer algo contra unha situación onde os bancos fan e desfan á bontade, onde os mercados controlan cada vez maís a política. O movemento de obxección de conciencia demostrouno".
Un galego no incio do Movemento de Obxección
"O 15 de outubro de 1975, Manuel Escariz Magariños ingresa en filas para facer o servicio militar. É un galego profundamente arraigado á súa terra, aos seus costumes e á súa lingua, que naceu en 1950 nunha aldea de Pontevedra. Antes de ir á mili, exponse o problema da Obxección de Conciencia lendo a noticia e as formulacións de Pepe Beunza, pero pensa que Pepe é o único, cre estar só e, ao ser chamado, decide ir. En xaneiro é trasladado a Madrid. Con motivo do xuízo de Jesús Viñas, un dos objetores que comezara o SC en Can Serra, fanse folgas de fame en distintos puntos do país. Unha delas realízase en Madrid, na parroquia de San Federico. Escariz coñece a noticia pola prensa e, aproveitando un permiso de saída, acode alí.
Para Manolo aquilo supón un impacto moi forte. Descobre que non é un bicho raro. Atopa a outras persoas que pensan como el que aínda que non son demasiadas, están moi unidas (a pesar de vivir a centenares de quilómetros unas doutras) e teñen as ideas moi claras e reflexionan e debaten con algúns materiais de estudo sorprendentes, que nunca vira ata entón e cos que con todo séntese moi identificado. Aquel encontro faille sentirse seguro de si mesmo, forte interiormente e acompañado. E tras pensalo, aínda consciente do rexeitamento que obterá de moita xente, decide que non está disposto a facer nin un só día máis de mili, aínda que xa só lle faltaban catro meses.
O 23 de xullo de 1976, expón a súa obxección dentro do cuartel nunha carta que escribe ao seu Capitán Xeral. Inmediatamente foi encarcerado. (...)
O 23 de decembro de 1976, o consello de ministros do goberno Suárez aproba un decreto sobre OC1. Dito decreto trataba de regular a obxección por motivos relixiosos, que viñera sendo a maioritaria desde 1958 en que se declara como tal unha Testemuña de Jehová. O 6 de xaneiro de 1977 publícase o decreto no BOE, e o 7 de xaneiro un tal Ángel Lías, militante bilbaíno de Eusko Sozialistak, pide que lle sexa aplicado o decreto. Pero os días 8 e 9 reúnense en Madrid unha 75 persoas procedentes de Bilbao, San Sebastián, Can Serra (L’Hospitalet), Málaga, Vic, Tarragona, Valladolid, Vitoria, Alacante, Córdoba, Valencia, Alcoi, Oviedo, Zaragoza, Palma de Mallorca e Madrid (entre eles vinte e tres objetores en situación de prófugos), e rexéitano publicamente elaborando un manifesto constituíndo un autodenominado Movemento de Objetores de Conciencia, e preparando unha acción que se realiza o 11 de xaneiro na praza de España en Madrid.
Nunca até entón as cousas ocorreran tan rápido en OC. E con todo, o Goberno debeu de pensar tempo despois que aquilo só fora o principio. O certo é que polo menos foi o principio do MOC, e que era un principio que non xurdía da nada".
(Extraído de Un poco de historia: el origen del movimiento de objeción de conciencia, de Ramón Carratalá)
"As mulleres non quixemos ser só o lugar de descanso do guerreiro/insubmiso"
Mar Rodríguez, Asemblea Antimilitarista : "Á parte dos encarcerados, moitas persoas participaron nos grupos de apoio os insumisos, entre eles o de pais e nais. Case todas esas persoas fomos mulleres, pero non eramos só as noivas e nais, que tamén; non queriamos ser o lugar de descanso do guerreiro/insumiso, senón que era a nosa opción política. Non sen dificultades fomos superando os roles de xénero, tan marcados ao principio : eles ao cárcere, nós a visitalos. Fomos moi activas e tamén formamos espazos propios, só de mulleres, nos que debater achega do obxectivo final : un mundo sen exércitos nin guerras".
"É posíbel que a guerra como estratexia sexa a continuación da política. Pero non hai que esquecer que a ‘política’ foi concibida como a continuación, se non exacta e directamente da guerra, polo menos do modelo militar como medio fundamental para previr a alteración civil. A política, como técnica da paz e da orde internos, tratou de utilizar o dispositivo do exército perfecto, da masa disciplinada, da tropa dócil e útil, do rexemento no campo e nos campos, na manobra e no exercicio".
Michel Foucault
‘Vixiar e Castigar’ 1975
Ningún comentario:
Publicar un comentario