xoves, 17 de marzo de 2011

Labrega, adúltera e feliz


Bárbara é unha muller casada, namorada do seu home, labrega e adúltera. No se sente culpable, só quere disfrutar do seu corpo e reivindica a súa liberdade ante as faladurías dos veciños nun mundo rural. Así é a protagonista de ‘O dente negro’, a curta que acaba de gañar o premio do xurado e do público no Petit Festival Audiovisual Per la Dona
M. D.
Esta peza audiovisual foi realizada por un equipo galego composto por Sofía e Nicolás Tarela, Paola Beiro ou Daniel Blanco, ós que uniron Victor Santos Mordecán, Anxo Baranga e Rubén Berges.
"Estamos moi contentos. Ademais outro traballo que nos gustaba moito, dos que se presentaron ó certame, era doutro galego...", explicou a directora, Sofía Tarela.
O dente negro aborda o tema do adulterio "tan manido, desde a perspectiva dunha muller. Cando os autores son homes, como en Madame Bovary, a muller é dalgún xeito condenada, castigada por infrinxir as normas. Na nosa curta non hai nada diso, nin culpabilidade. Ela só quere ser feliz, e non lle importa o que pensen os demais", engadiu.
A historia supón tamén unha crítica á obsesión pola beleza física. "O amante está moi preocupado pola musculación. O home dela critica os defectos físicos...", indicou.
Ademais, o marido "vive totalmente despreocupado, non fai nada na casa", mentres ela pasa o día traballando. "É unha muller moi comprometida coa terra, amosa moito amor ó terreo que traballa. Na curta aparece sempre traballando, e xa di ela que as amas de casa ou traballan ou pensan no que teñen que facer", subiñou a directora.
A ela non lle falta nada, pero móvea o desexo de probar cousas diferentes. "Máis que unha crítica ó matrimonio, é unha crítica á xente que cre que ten dereito a xulgar os demais. Pode haber relacións máis abertas, ela quere o seu home pero gústalle deitarse co amante", asegurou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario