martes, 22 de marzo de 2011

O soldo baixa á metade cando quen o cobra é un estranxeiro


"Non estamos ante unha migración temporal, senón en presenza de persoas que teñen vocación de formar parte desta sociedade", di UXT
O salario medio dos traballadores estranxeiros residentes en España é de 10.526 euros anuais fronte ós 20.069 euros que cobran os espa- ñois de media, segundo un informe de UXT sobre a situación da poboación traballadora estranxeira en España. O estudo, dado a coñecer con motivo da celebración mañá do Día internacional para a eliminación da discriminación racial, conclúe que a crise económica afectou a todos os cidadáns españois, pero a perda de afiliación á Seguridade Social é maior entre os estranxeiros. Segundo os datos de UXT, os homes estranxeiros cobran unha media de 11.330 euros ó ano, mentres que os españois gañan 22.747 euros.
No caso das mulleres, o salario medio anual das estranxeiras sitúase en 9.193 euros anuais, en tanto que as españolas cobran 16.778, segundo os datos do sindicato.
Entre os estranxeiros non comunitarios, máis do 60% son residentes de longa duración, polo que UXT considera que "non estamos ante unha migración temporal, senón en presenza de persoas que teñen vocación de permanecer en España e que forman parte desta sociedade". O sindicato defende que a poboación española de nacionalidade estranxeira teña os mesmos dereitos e obrigacións, e, neste sentido, critica os que queren facer electoralismo coa inmigración e o chamado contrato de integración. Así, confía en que o anteproxecto de Lei de igualdade de trato e non discriminación "reconduza as prácticas discriminatorias e, nalgúns casos racistas, estendidas na sociedade".
Concéntranse en construción hostalería e agricultura
Os traballadores estranxeiros concéntranse principalmente nas actividades da construción, hostalería, agricultura e servizo doméstico. O sindicato asegura que non houbo tensións laborais ó non haber "competición intensa" polos mesmos postos de traballo que os españois.
O informe destaca que a capacidade de aforro dos inmigrantes en España foi moi limitada durante o período de bonanza económica, debido ás débedas contraídas pola viaxe e ó envío de remesas ós seus países de orixe, entre outras causas. A temporalidade nos contratos dos estranxeiros, segundo UXT, limitou o acceso destes ás indemnizacións por despedimento e ás prestacións por desemprego. Así mesmo, UXT considera que resulta máis factible a mobilidade dos traballadores estranxeiros dentro de España a que emigren a outros países ou que volvan ós seus lugares de orixe.
O sindicato augura que a chegada de inmigrantes se manterá aínda que as políticas de inmigración se fagan máis restritivas.
Pola súa parte, e con motivo do día contra a discriminación racial, a asociación SOS Racismo alertou onte sobre o recorte de dereitos en todos os ámbitos sociais, políticos e lexislativos e das "moi graves consecuencias" que pode levar. Afirmouno a través dun manifesto que leron unha das asociadas e un inmigrante angoleño nunha concentración que tivo lugar na Praza Maior de Madrid, onte, domingo.
A asociación resaltou no manifesto que nun contexto de crise económica como o actual, a "utilización interesada da mensaxe do medo e da inseguridade está facendo que a cidadanía sexa cada vez máis pasiva" ante o que considera un recorte sen precedentes dos dereitos sociais e as liberdades.
"Impide o progreso", avisa Zerolo
O secretario de Movementos Sociais e Relacións coa ONG, Pedro Zerolo, sinalou que "a discriminación racial é unha negación dos dereitos humanos" que "impide o progreso social e económico do país", polo que lle pide á sociedade que se comprometa" coa súa erradicación. Así, a través dun manifesto, asegurou que o PSOE seguirá traballando "para que ningunha persoa sexa discriminada". No texto afirma que "o racismo debe desaparecer de calquera sociedade e a cidadanía debe rexeitar os discursos racistas que só buscan rédito electoral á conta de inocular o medo".
Redadas e centros de internamento
SOS Racismo fixo referencia aos once Centros de Internamento de Estranxeiros, nos que, segundo recolle o manifesto, se reteñen persoas que non cometeron ningún delito, privadas dos seus dereitos fundamentais, "só por careceren dun permiso de residencia".
Tamén SOS Racismo denunciou os "controis de identidade selectivos", que ó seu xuízo realizan as forzas de seguridade, e que están baseados en "criterios étnicos": "as tristemente celebres redadas". "Nas estacións do Metro, de proximidade e agora ata nos centros de Cáritas, nas rúas e prazas, a Policía identifica a persoas que non cometeron ningún delito pero, polos seus aspectos, cor ou indumentaria, son sospeitosos de ser estranxeiros sen papeis", subliñou un voceiro da asociación, que presentará mañá un manifesto no que instará aos partidos políticos, de cara ás eleccións municipais e autonómicas do 22 de maio, para non sumarse aos discursos xenófobos e racistas porque son moi perigosos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario