domingo, 13 de marzo de 2011

O franquismo na provincia de Pontevedra


O investigador Gonzalo Amoedo analiza os golpistas do 36 e os seus cómplices nun libro que inclúe unha lista de máis de seis mil falanxistas
MARÉ
"Na provincia de Pontevedra, o empresariado e os membros das familias das vella política borbónica, emparentados dende tempos inmemoriais mediante políticas de matrimonio con criterios de empresa e con pólas na carreira militar e na Igrexa, foron extremadamente crueis, e mentres as novas xeracións das familias adiñeiradas pelexaban na retagarda ou na fronte de guerra (os menos), os seus pais facían doazón de inmensas cantidades de diñeiro, víveres ou indumentaria ao exército sublevado, que logo, andado o tempo, se cobraron. Algúns poderían dicir que se trataba de pragmatismo empresarial". Esta é unha das reflexións que o investigador Gonzalo Amoedo deita no seu libro A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra, que acaba de editar Xerais na colección Crónica. A obra, que afonda en arquivos inclúe un anexo documental no que figura unha lista de máis de seis mil nomes de falanxistas, con nomes e apelidos.
"Non se trata dunha listaxe da ignonimia, por moito que poida pensar máis dun, pois no medio de nomes que están claramante asociados á infamia, o lector descubrirá un ronsel inmenso doutros nomes que o levarán a pensar que nin todo era branco nin todo era negro", aclara o propio autor.
O ensaio salienta que a Falanxe era no 1936 un partido "totalmente distinto" ao que creara José Primo de Rivera, ademais de servir só como "un instrumento que se afastou cara a un lado cando xa non foi necesario". En canto á represión, subliña que "as sacas, claudias, raposas, carreiras de coellos ou paseos eran realizados por grupos paramilitares nos que se mesturaban señoritos monárquicos como Víctor Lis Quibén, resentidos como Ramón Núñez (fillo do industrial Estanislao Núñez Barrios, morto durante o transcurso das barricadas de Lavadores), e individuos de mala catadura, nagúns casos próximos ao lumpen, que se apuntaban xunto a antigos militantes de esquerdas ou nacionalistas, que vían a súa oportunidade nde sobrevivir e pasar páxina sobre o seu pasado exercendo de matóns sen piedade".
O libro mantén durante as súas máis de 350 páxinas este ton crítico e claro, o mesmo co que conclúe que "diversas familias da aristocracia oligárquica e as xerarquías producidas durante o franquismo seguirían a manter diversos membros nas altas instancias da sociedade actual, incluídos os estratos políticos". Deste xeito, "o capitalismo familiar pontevedrés, que xirou arredor das familias non galegas en orixe (Bárcena, Massó, Curbera, Sanjurjo, Portanet, Oya, Puig Gaite, Munáiz, Mon), vinculadas algunhas ao mundo da pesca e todo o que este creou ao seu redor, acada límites asombrosos. Esas mesmas familias serán as que financien a Falanxe e cooperen ao éxito do golpe de Estado, sendo o seus fillos os militantes máis comprometidos nos primeiros momentos", asegura.No limiar do libro, o tamén historiador Dionisio Pereira reivindica a derogación da Lei de Aministía do 77, a anulación das sentenzas xudiciais franquistas ou a creación dunha Comisión de Verdade para investigar as violacións dos dereitos humanos derivadas do golpe do 36.

Ningún comentario:

Publicar un comentario