27.03.2011 No ano 2005 a Unesco incluíu na Lista do Patrimonio Mundial as ruínas das fortificacións que por orde dos emperadores de Roma se construíron sobre a fronteira xermánica, monumentos que en tempos foron pouco menos que un ‘muro da vergoña’, pero que hoxe son un fenómeno de reconstrución histórica
XERARDO NEIRA
No seu momento álxido, a comezos do século II da nosa era, tras as conquistas do soberano de orixe hispana Traxano, o Imperio Romano estendíase por tres continentes, Europa, África e Asia, e axiña quedou claro que abranguía máis territorio do que podía gobernar de xeito efectivo, pois, como di o vello refrán, "quen moito abarca, pouco aperta". De feito, foi co sucesor de Traxano, outro hispano, Hadriano, con quen se podería dicir que comeza a longa decadencia do Imperio, xa que foi el quen renunciou definitivamente a máis conquistas, limitándose a consolidar o xa conquistado, e para iso ordenou a construción de novas fortificacións nas fronteiras, coa idea de illar os seus dominios dos bárbaros.
Para moitos historiadores, esa política de Hadriano foi un erro, particularmente por dúas materias pendentes, Caledonia e Hibernia, nomes cos cales coñecían os romanos respectivamente a Escocia e Irlanda: o emperador renunciou a incorporar estas rexións ós seus dominios, nin sequera se molestou en romanizalos, isto é, civilizalos á maneira de Roma, e dese xeito, ó longo dos séculos, as guerras e os saqueos desatados polos guerreiros e os piratas celtas debilitaron o Imperio... Como o fixo tamén a última conquista de Roma, a da Dacia (hoxe Romanía), a gran fazaña coa cal Traxano logrou inscribir o seu nome na historia, pero que, ó cabo, supuxo máis problemas que outra cousa, xa que, de renunciar a ela, os romanos terían en Europa o coñecido como territorio arcifinio, isto é, unha extensión de terreo marcada por límites naturais, como unha cadea de montañas, ou, nese caso, o río Danubio.
De feito, no norte de Europa, si que se escolleu outro río, o Rin, como límite, e a estratexia funcionou aceptablemente ben ata o ano 406, extraordinariamente frío, en que as augas se conxelaron e permitiron o paso da multitude de bárbaros que se apiñaba no lado xermano. Este foi outro dos grandes fracasos da política exterior e de inmigración dos romanos, como o está a ser na moderna Europa, manter ás súas portas masas famentas e desexosas dunha vida mellor, que dificilmente se poden conter. O testemuño daquel erro maiúsculo dos romanos son todos os restos das fortificacións que se estenderon ó longo dos seus limes, as fronteiras, e agora, concretamente, imos falar daqueles que se atopan en Alemaña e están incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.
O Rin constituírase como a fronteira nororiental do Imperio practicamente dende que tivo lugar a conquista da Galia por Xulio César, e os seus sucesores, logo dalgúns encontronazos cos xermanos, optaron por limitarse a fortificar a rexión montañosa entre aquel río e o Danubio. E para iso, nun primeiro momento, Hadriano mandou despexar unha ancha franxa de terreo nos bosques da zona, e construír fortificacións, que nesa época, foron de madeira.
Máis tarde, foron reforzadas, con palisadas, fosos, mesmo muros de pedras, fortíns e grandes castelos. Esta liña no mapa cumpriu co seu papel durante case tres séculos, pero ó cabo, tras a irrupción dos bárbaros no Imperio, resultou inútil e quedou abandonada: foi así que a Historia lle deixou paso á Lenda, e durante moito tempo as vellas fortificacións pasaron a ser o refuxo dos seres que vivían nos mitos dos novos habitantes da contorna. Foi apenas no século XVIII cando xurdiu o desexo de saber máis daquelas ruínas, e o esforzo dos primeiros curiosos resultou na creación, xa no 1892, da Reichs Limeskomision, a Comisión Imperial de Fronteiras, constituída baixo o Segundo Imperio Alemán: como resultado, xa no 1937, baixo o Terceiro Imperio, o Drittes Reich, publicouse o último volume de estudos sobre os limes, que concluíu coa identificación de máis de 90 fortes e 1.000 torres de vixilancia, xunto a numerosos fragmentos lineais de murallas.
A investigación non parou, e hoxe Alemaña estende a protección das súas autoridades de patrimonio sobre 507 quilómetros dos vellos limes da Xermania Superior e Rética, que coñecen case que ó milímetro: así, calculan que o 46% dos restos están localizados en bosques, outro 46% en campos de cultivo, o 8% baixo modernos asentamentos e que a porcentaxe restante quedou destruída nalgún momento da historia, seguramente para reaproveitar os materiais de construción. E das ruínas que quedan, hai que recoñecer que as autoridades xermanas fixeron un grande esforzo en musealizalas, notable porque, ó cabo, seguramente os seus ancestros vían aquel muro como unha ofensa semellante á que foi durante os anos da Guerra Fría o cruel Muro de Berlín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario