domingo, 13 de marzo de 2011

Queremos tanto a Chichi


Xesús Campos debuxou o seu humor irreverente en papeis e publicacións de toda caste - Articulista e militante ilustre do PCG, morreu hai agora 20 anos
DANIEL SALGADO 11/03/2011
Comunista e irreverente, pop e comprometido, xeneroso e sen ataduras, de creatividade desbordada e agudeza implacábel, politicamente disciplinado e vitalmente ácrata, Castelao e Robert Crumb. A memoria sobre Xesús Chichi Campos, humorista gráfico e columnista iconoclasta, rostro ilustre do Partido Comunista de Galicia durante os anos da Transición, só reviste mencións á súa amabilidade, o agarimo de amigos, colegas de lapis e compañeiros militantes, a admiración de quen lía as súas viñetas na prensa. "Era dunha xenerosidade atroz, daba todo o que tiña e non lle importaba gañar cartos", lembra o deseñador gráfico Xosé Díaz. Chichi Campos nacera en 1952, fillo de militar, en Canarias, e morreu en Santiago, onde estabelecera a súa base, hai exactamente dúas décadas.
"Cando o coñecín, axiña vin un rapaz intelixentísimo, dunha rapidez extraordinaria", continúa Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo que contactou con Chichi aos 17 anos, "aos cinco minutos de estar nun lugar xa sabía de que ía todo e facía caricaturas". Era o Campos que tocaba Pete Seeger e Bob Dylan na guitarra e sabía inglés antes ca ninguén. Ao pouco, canda Rosendo Díaz, Luís Caparrós e o propio Xosé, organizaron o Grupo do Castro de Cómic. A prehistoria da banda deseñada galega titulouse A cova das choias, tivo forma de revista e xurdiu desa conxunción entre rapaces que abeberaban do underground americano e conectaban co galeguismo republicano a través desa peculiar Factory de Luís Seoane e Díaz Pardo en Sada.
"El tiña un campo cultural, que hoxe desapareceu, o do PCG, e moveuse nel", analiza o escritor Suso de Toro, quen soubo de Chichi Campos nos oitenta e con el proxectou unha revista non nata, O Correo do Sar. "Puxo en contacto esa memoria republicana dos comunistas co galeguismo cultural da órbita de Isaac", engade De Toro, "pero el era do seu tempo, era pop, moderno". O debuxante, a quen Xosé Díaz define como o humorista gráfico máis importante de Galicia despois da guerra, non foi unicamente outro afiliado comunista nunha época en que había máis afiliados comunistas dos que hoxe. Campos a piques estivo de saír escollido concelleiro en Santiago -presentouse de número 2- e antes, en 1977, encargárase de constituír as Xuventudes Comunistas de Galicia.
Naqueles anos aguzaba o enxeño nas páxinas d'A Voz do Pobo, periódico do seu partido, Mundo Obreiro, ídem do PCE, ou na prensa comercial. "El botaba todo o día debuxando, agasallaba aos amigos con centos de debuxos, con cadernos enteiros", fai memoria Díaz, e ri: "Pero era perigoso cun lapis". A natureza indomábel e rebordada de Chichi Campos é coñecemento popular na cidade onde residiu. O mesmo que ese antiatoritarismo anarquista que, para Suso de Toro, o facía diferente doutras xentes comprometidas: "Ese liberalismo, esa alegría, esa deportividade, era un estilo moi propio do PC, era distinto da seriedade doutras organizacións".
A Isaac Díaz Pardo, quen o empregou á fronte da galería Sargadelos da capital, alcumábao Díaz Parvo en contos e viñetas. Recórdao Gonzalo Vilas, outro practicante do humor gráfico que partillou páxinas con Campos en Can sen dono, publicación do xénero, ou n'A Nosa Terra. "Trateino nas xuntanzas de humoristas [organizadas pola Sociedade Deportiva do Condado] e levaba a voz cantante", expón, "era compulsivo debuxando, cun punto showman". Panos de mesa, pratos, papeis ciscados, as marxes dos xornais, ficaban como testemuño impreso da arte de Chichi.
Aquel trazo descoidado, apurado -"moi persoal e agudo, pasados os anos aínda lle dou máis valor", sinala Vilas- foi unha das marcas da casa. Robert Crumb e Gilbert Shelton -o creador dos célebres Freak Brothers- véñenlle á cabeza a Xosé Díaz cando fai memoria dos anos de fascinación polos tebeos. E Pepe Carreiro, un dos máis lúcidos debuxantes políticos da actualidade, sinala o trazo de Luís Seoane ao fondo de Chichi Campos. "O seu debuxo ten moito valor e eu véxolle certo parecido con Seoane", explícase, "a quen, por certo, tratou moito no Castro". Carreiro impulsou nos primeiros oitenta Can sen dono e garda a imaxe de Campos "improvisando os seus artigos e os debuxos nunha mesa da redacción".
Porque Chichi Campos, ese peculiar enlace entre o antifranquismo consecuente e organizado e a Galicia da denominada movida, tamén exerceu a sátira xornalística. Estampas do mundo elegante recolle en libro as súas colaboracións n'A Nosa Terra, que para Gonzalo Vilas son "lidos anos despois, boísimos", e descobren en palabras a acedísima ollada do debuxante sobre o país e as súas xentes. "El nutríase sobre todo do cotián, do que acontecía en Santiago", debulla Carreiro, "traballaba coa orella pegada á rúa, sen solemnidade nin transcendencia". A modernidade impostada, a aparición das drogas, a universidade na etapa democrática -e os penenes, profesores non numerarios-, políticos de todo signo, artistas da aparencia e artistas da verdade, intelectuais non submisos, toda a fauna case urbana da Compostela que se abría á autonomía pasaba polo lapis de Chichi Campos. E dalgún xeito rematou por engolilo. "Houbo un duro tránsito entre a ditadura e a democracia", considera Suso de Toro, "e manifestouse a fraxilidade das persoas que viñamos dun mundo con regras moi claras. Vivimos unha mocidade adiada e a el pillouno o mundo da droga".

Ningún comentario:

Publicar un comentario