martes, 15 de marzo de 2011

O gusto polo Kitsch

"A Pantera rosa", a icónica escultura de porcelana do artista Jeff Koons, sairá á venda o 10 de maio por 20 millóns de dólares
EFE . NOVA YORK
A Pantera Rosa, a icónica escultura de porcelana do artista estadou- nidense Jeff Koons sairá á venda o próximo 10 de maio en Nova York a partir de 20 millóns de dólares, informou onte a casa de poxas Sotheby"s. Esa escultura de pop art, realizada en 1988 e que mostra o personaxe de animación que se fixo famoso en 1963 coa película A Pantera Rosa de Blake Edwards abrazado a unha moza loura semies- pida, forma parte dunha venda de arte contemporánea que a casa británica realizará ese mesmo día en Nova York.
"É un dos traballos máis importantes de Jeff Koons que se puxeron nunca en venda", indicou a firma mediante un comunicado, que sinalou que esa escultura de vivas cores do estadounidense é "un dos logros máis importante da súa carreira". A obra forma parte dunha serie chamada Banality que inclúe outras esculturas como a chamada Michael Jackson e Bubbles, Bear and Policemen (O oso e o policía) e Ushering, estas dúas últimas pertencentes á colección do museo de Versalles (Francia).
A Pantera Rosa de Koons (1955) forma tamén parte dunha edición na que as outras pezas son propiedade dos museos de Arte Moderna de Nova York (MoMA) e de Arte Contemporánea de Chicago, así como dun coleccionista estadounidense. "Xunto a Balloon Dog and Bunny, esta é unha das obras mestras do século XX e unha peza icónica da obra de Jeff Koons", indicou o responsable de Arte Contemporánea de Sotheby"s, Tobias Meyer.
Segundo o especialista, a obra combina canons históricos e o reflexo dunha época da recente arte contemporánea, e nela converxen "as características do artista, materia e artificio, erotismo e inxenuidade, así como cultura popular e elitismo". Subliñou que esta escultura "é o modelo de expresión dun dos artistas máis innovadores e influentes do noso tempo". O personaxe de animación da "pantera rosa" foi creado polo ilustrador estadounidense Hawley Pratt (1911-1999) e fíxose famoso tras a película homónima que en 1963 protagonizou o actor Peter Sellers encarnando o inspector Clouseau, ademais de por unha serie propia de televisión. A casa de poxas Christie"s recadou onte 10,2 millóns de dólares na primeira poxa de arte contemporánea que organiza na nova temporada de poxas en Nova York, e na que a peza máis cara foi L"Erratique, do pintor francés Jean Dubuffet, que se vendeu por 698.500 dólares.
Dubuffet (1901-1985) pintou L"Erratique (1961) cando se trasladou a París en 1961 tras pasar uns anos vivindo no campo.
"L"ERRATIQUE"
L"Erratique é un cadro "inspirado pola cor, vigor e frenesí creativo da capital francesa", explicaron os responsables de Christie"s nun comunicado.
Este traballo, vendido por máis do dobre do seu prezo estimado máis baixo, que estaba en 300.000 dólares, mostra unhas texturas rugosas que lle outorgan "un certo carácter orgánico, coma se a pintura tivese vida propia", engadiron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario