Cincuenta cidades participan nunha xornada de protesta para esixiren unha nova constitución, máis xustiza social e menos corrupción ·· Súmase ás protestas a USFP, un dos partidos da coalición de goberno
Poster de Lenin |
Novos documentos coñecidos nas últimas datas parecen contradicir o que a Historia oficial mantivo durante un século: que os servizos secretos británicos non tiveron nada que ver no intento de asasinato de Lenin en 1918.
Os documentos foron difundidos agora pola canle pública británica BBC e arroxan nova luz sobre o que durante décadas se coñeceu como "a conspiración Lockhart", que foi obxecto de numerosas teorías, estudos, libros e ata películas de cine. Os feitos remóntanse a principios de 1918, nos momentos finais da I Guerra Mundial, cando o novo Goberno bolxevique ruso negociaba un acordo de paz con Alemaña para conseguir que os seus soldados volvesen a casa, un acordo que preocupaba en Londres. O Goberno británico temía que unha inminente retirada das tropas rusas permitise a Alemaña, que aínda estaba loitando en dúas frontes, reforzar os seus defensas na fronte occidental.Para evitalo, e para conseguir que Rusia volvese ao lado dos aliados, os británicos enviaron a Moscova a Robert Bruce Lockhart, un diplomático escocés de 30 anos coñecido pola súa afección ó bo viño, ás mulleres e ós deportes, que se converteu a partir dese momento no representante da coroa na capital rusa. Londres non se deu por vencido, e de acordo coas novas evidencias coñecidas agora, decidiu que a alternativa era derrocar o Goberno bolxevique e substituílo por outro que estivese disposto a volver declarar a guerra a Alemaña. Neste sentido, os documentos demostran que en xuño Lockhart pediu diñeiro a Londres para poder financiar as actividades de varias organizacións antisoviéticas, e que o Foreign Office recomendou ao Departamento do Tesouro que aprobase esa partida.
De feito, a finais de maio os británicos decidiron enviar unha pequena forza militar a Arjánguelsk, no norte de Rusia, baixo o pretexto de previr que toneladas de equipamento militar británico, facilitado ós rusos, caese en mans alemás. Non chegou a prosperar, pero o auténtico obxectivo era que unha forza de 5.000 soldados británicos unísese ós 20.000 militares letóns que compuñan a garda do Kremlin, que Londres consideraba que podería rebelarse en contra dos bolxeviques. Foi o 30 de agosto de 1918 cando unha muller, a militante social-revolucionaria Fani Yefímovna Kaplán disparou contra Vladímir Ilich Uliánov Lenin, o fundador do Estado soviético, que resultou ferido de gravidade con dous impactos de bala, pero sobreviviu. A Cheká (antecesora do KGB) detivo horas despois a Lockhart, que foi interrogado no Kremlin e que, segundo os documentos da policía secreta soviética, confesou que formaba parte dunha conspiración para asasinar a Lenin e derrocar os bolxeviques. Pero a principios de outubro de 1918, Lockhart foi posto en liberdade. Nas súas Memorias dun Axente Británico escritas na década de 1930, Lockhart asegurou que non tivo nada que ver no intento de asasinato do líder soviético, pero nunha carta desvelada agora pola BBC o seu fillo dixo que o seu pai non contou toda a verdade. O profesor que atopou esta carta en arquivos estadounidenses, Robert Service, cre que o único xeito de aclarar definitivamente este episodio histórico é ter pleno acceso ós arquivos, pero máis de 90 anos despois Londres aínda o considera "secreto de Estado".
Ningún comentario:
Publicar un comentario