Era a nota discordante co recato imperante
EFE
O movemento islamita palestino Hamas prohibiulles onte ás tendas de roupa e lencería feminina que mostren pezas interiores ou pixamas nos seus escaparates.
Tamén prohibiu ter probadores e cámaras de seguridade nas tendas de roupa de muller e usar cristais tintados nos escaparates, informou a axencia de noticias palestina Maan. A Policía de Hamas comunicoulles onte as novas restricións ós establecementos, na súa maioría rexentados por homes.
O voceiro policial, Ayman Al Batniyi, sinalou que estas normas "protexerán a moral e permitirán que a xente se senta cómoda cando camiña pola rúa".
Ata agora nas tendas de Gaza (do mesmo xeito que no resto de cidades palestinas) podíanse adquirir pezas íntimas femininas como tangas ou braguiñas e suxeitadores con transparencias, encaixes e vivas cores.
A lencería era unha nota discordante co recato reinante nas rúas da franxa, onde a práctica totalidade das mulleres visten pezas que tapan por completo os brazos e as pernas, cóbrense a cabeza e, algunhas, parte do rostro. A semana pasada o goberno islamita prohibiu tamén que as mulleres fumen pipas de auga (narguile) nos cafés da franxa, práctica moi habitual na rexión.Tamén se prohibiu recentemente ás mulleres montar en motocicleta ou participar en festas e vodas logo da medianoite. Hamas controla a franxa de Gaza desde que hai tres anos expulsou pola forza as forzas leais ó presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario