martes, 10 de agosto de 2010

O máis novo dos "artistiños"


Morre o pintor Xosé Luís de Dios, un dos renovadores da plástica galega de posguerra que xurdiron no laboratorio ourensán do Volter

MARÉ . SANTIAGO

Xosé Luís de Dios, un dos pintores vinculados ao lendario grupo do Volter, faleceu onte en Tui tras máis de cincuenta anos de entrega á pintura e a unha idea da creación como compromiso entre a vida e as ideas. Aínda que vivía entre Madrid e Tui, a vila na que a súa muller fora docente, o espazo xeográfico que marcou a De Dios foi Ourense, a cidade na que naceu no 1943. De feito, el víase sempre como o rapaz "que atravesaba a Praza Maior e vía cousas fantásticas, que percibía o cheiro a sancristía e oía as campás da Catedral, xogando a ser de Ourense".

Hai dous anos, en Ourense e en Vigo púidose ver a súa última retrospectiva, un conxunto de cadros, cadernos e debuxos que evocaban a súa traxectoria. "Cincuenta anos non son nada", dicía daquela o creador, que se propuña "limpar as adegas e reconsiderar o mundo poético que tanto me conmove e a música calada das cousas que xa ninguén oe, quen escoita agora os paxaros? Persistirei no sorriso inútil que non cotiza na realidade, e a partir de aí, pintarei..., ou non, quen sabe".

Foi a finais da década dos anos cincuenta cando Xosé Luís de Dios se xunta con Acisclo Manzano e Xaime Quessada en Ourense arredor da figura de Vicente Risco. Con el manteñen os faladoiros nun local da cidade, o Bar Tucho, que ao autor de O porco de pé lle lembraba o Cabaret Voltaire de Zúric. Nese lévedo, xorde un dos grupos que renovaría a plástica galega da posguerra, ao que posteriormente se lles unirían Xavier Pousa ou Buciños. Tanto o bar como o grupo de novos artistas -aos que Risco alcumou fraternalmente os artistiños- pasarían a ser coñecidos a primeiros dos anos sesenta como o grupo do Volter.

De Dios -que traballara na publicidade- sobresaía no grupo polo dominio do debuxo e da cor. Estas características van marcar a súa obra ao longo dunha traxectoria que se centrou en Madrid, onde tiña o seu estudo. O informalismo como concepto e o existencialismo como pulo xerarán un singular estilo, aínda que a el non lle preocupaba seguir un determinado estilo senón solucionar os problemas que lle ían xurdindo en cada lenzo: "a etiqueta do estilo", dicía, "xa lla porán desde fóra".

Durante toda a súa vida, estivo ligado aos movementos antifranquistas, e mantivo amizade con creadores como Celso Emílio Ferreiro ou o cineasta Carlos Velo. Este compromiso político tamén se deixa sentir na súa obra electrizante. Só se arrepentía de cousas que fixera, porque "o que non fixen por covardía ou polo que fóra, non existe" e que os seus cadros sempre o insultaban, "pero sempre se mantén un diálogo aberto, espontáneo, que a min me axuda a recoñecelos".

Onte, no tanatorio de Guimarei, onde se instalou a súa capela ardente e onde hoxe será incinerado, familiares e amigos como Xosé Manuel Beiras, Xosé María Álvarez Cáccamo, Tomás Camacho, Chonchiña Comesaña, Manuel Martínez, Enrique Maté ou Marga Romero dábanlle a última despedida. Con el desaparece o home que, en palabras de Manuel Rivas, soubo plasmar "a intuición máis tráxica da metamorfose da natureza, engulida pola sociedade do risco".

Ningún comentario:

Publicar un comentario