mércores, 4 de agosto de 2010

"Pilláronnos como a ratas"


Xan Leira denuncia no documental "Crónicas da Galiza Mártir" a "metodoloxía represiva de terrorismo de Estado e xenocidio" que utilizou o franquismo

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

"Señor Fernandez Del Riego?" "". "Sabe usted que está vivindo co permiso do enterrador?". Esta conversa que lembra Francisco Fernández del Riego, ou estoutra reflexión de Isaac Díaz Pardo: "Aquí nos pillaron como a ratas. Verdaderamente nos pillaron como a ratas. Porque si non tiñamos nada, non había nada", son dous dos anacos do relato único a 65 voces que constrúe Crónicas da Galiza Mártir, o novo documental de Xan Leira, para denunciar "a metodoloxía represiva do terrorismo de Estado e xenocidio implantada en Galicia, dende o propio alzamento fascista de 1936", pola ditadura franquista.

O director e produtor sitúase, así, na liña defendida por historiadores como Antonio Míguez Macho, -que avoga por aplicar o concepto "xenocidio" ao caso galego- , ou Emilio Grandío, Dionisio Pereira e, en xeral, os investigadores da represión que traballan no proxecto Nomes e Voces, -que levan contabilizadas perto de 12.000 vítimas de asasinatos e procesamentos entre o 36 e o 39, dato que bota por terra o imaxinario da "Galicia leal" inventado pola ditadura-.

Como estes historiadores, Leira salienta que en Galicia non houbo case guerra, senón só represión. Pero o alicerce principal do seu documental non é o ensaio histórico, senón as testemuñas de 65 represaliados ou familiares de vítimas do franquismo, -que escolmou do seu arquivo de cen entrevistas, realizadas nun período de dez anos-, e a súa propia experiencia vital. "Son neto de represaliado. Miña nai viviu ese ambiente de medo, destrución e pobreza. E eu coñezo ben, polo meu traballo en Dereitos Humanos en Arxentina, como foi a metodoloxía represiva", salientou.

O termo xenocidio -sinala, aínda que non hai acordo entre os expertos sobre o axeitado da súa aplicación ó caso franquista-, adoita utilizarse para as ditaduras latinoamericanas pero, o "sistema represivo destinado a silenciar a toda a sociedade" é, ao seu ver, o mesmo, e atopa a súa raigame na "destrución masiva do nazismo".

Un método que repite "o exército francés en Alxeria e Indochina, os americanos en Vietnam... A desaparición de persoas causa un enorme desconcerto. Son exércitos e oligarquías que impoñen os seus designios pola forza, que ensaian nas colonias e despois fan o mesmo no seu territorio para eliminar toda resistencia. Actúan como forzas de ocupación, que ademais cernan os elementos culturais e identitarios. A violencia afecta ó conxunto da sociedade e rompe a estrutura comunitaria ó obrigar a unha parte da sociedade a delatar a outra", explicou.

A CERNA

O ambiente de terror e silencio

En 77 minutos, as 65 persoas entrevistadas falan das súas "vivencias íntimas", achegando testemuños dunha "dimensión humana e política estarrecedora". Durante a película as testemuñas non son identificadas -só ó final- polo que as súas palabras forman un relato único que, apoiado na música como fío condutor, reflicte o clima de terror e silencio da época.

Ningún comentario:

Publicar un comentario