martes, 10 de agosto de 2010

Un atlas da xeografía vital de Luís Seoane


Preséntase na Feria do Libro da Coruña o Dicionario Seoane, unha guía para comprender "a cosmovisión" do artista

ALBERTO RAMOS 03/08/2010

Seoane, Luís: “Un artista total, un autor ético e estético. Altruísta e xeneroso con vocación humanista. Un animal gutenberiano”. Esta é a definición que aplica o escritor Xavier Seoane para explicar a figura poliédrica dun dos intelectuais galegos máis influentes do século XX. Conscientes desa relevancia, varios autores levaron a cabo o Dicionario Seoane. “A obra é unha mapa que abrangue todas as facetas de Seoane, unha ferramenta esencial, chea de voces para guiarnos por un universo tan amplo”, explica sobre a publicación Antón Patiño, un dos seus autores. Xunto ao pintor, Ramón Villares, Xosé Luís Axeitos, María Antonia Pérez, Xavier Seoane e Xosé Díaz –quen se encargou do deseño– son os responsables das máis de cen entradas que conforman esta guía en forma de dicionario que ten como obxectivo orientar a todos os lectores polas sendas creativas de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) e que onte foi presentada na Feira do Libro da Coruña.

Arxentina. País no que naceu e no que Luís Seoane viviu o dobre alleamento da diáspora galega: a emigración e o exilio. En Arxentina converteuse nun dos grandes referentes artísticos da súa época e nun facho para a emigración. “Arxentina é un círculo cultural diversísimo e cunha gran riqueza que Seoane soubo captar”, sinala o académico Xosé Luís Axeitos.

Conceptualización. Carencia teórica que afecta a análise histórica da figura de Seoane. “O dicionario, máis que para entender ao artista, servirá para comprender o que foi o seu contexto. Este autor ten unha gran bibliografía que explica a súa obra, pero que non chegou a conceptualizar o seu contexto”, sinala Xosé Luís Axeitos.

Emigración. Palabra evidente que xorde no imaxinario colectivo cando se menciona a Luís Seoane. Falar do artista é falar dun retrato artístico e conceptual da emigración. “A emigración é totalmente decisiva para Seoane, que era –xunto con Castelao– a gran figura da Galicia de fóra, pero tamén da Galicia interior. En pleno exilio converteuse nunha gran testemuña da cosmovisión do país”, sinala o escritor e profesor Xavier Seoane.

Gutenberiano. Adxectivo que define a faceta de editor de Luís Seoane, promotor de numerosos proxectos culturais, artísticos e xornalísticos. “Seoane, ademais de ser enciclopédico, un auténtico home da Ilustración, era un animal gutteberiano que creou varias editoriais ao longo da súa vida”, lembra Xavier Seoane

Isaac Díaz Pardo. Intelectual, pintor e artista que compartiu con Seoane, ademais de amizade, inquedanzas e proxectos que definiron a Galicia cultural na segunda metade do século XX. “Son dúas personalidades fortes e os dous xuntos teñen algo de parella complementaria. Son bos coñecedores das vangardas que compartiron unha fonda relación da amizade que foi o xermolo da árbore empresarial cuxas pólas foron o Museo Maside, Sargadelos e o Castro”, explica o pintor Antón Patiño.

Laboratorio de formas. Iniciativa conxunta levada a cabo por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Este laboratorio derivou noutros grandes proxectos culturais galegos como foron Edicións do Castro ou Sargadelos. “O Laboratorio de Formas é só unha peza na súa traxectoria. Nin foi algo exclusivo na súa carreira nin Luís Seoane é o Laboratorio de Formas. Ao redor deste proxecto existen estes tópicos”, advirte o académico Xosé Luís Axeitos.

Nacionalismo. Pensamento ideolóxico que ten en Luís Seoane un gran referente. “É un dos pais da patria que aínda non ten a forza simbólica de Castelao. O seu papel no futuro do nacionalismo será decisivo”, advirte Xosé Luís Axeitos.

Pasado. Tempo histórico que Seoane convertía nunha constante temática na súa obra pictórica. “Sempre buscou enlazar a modernidade co pasado. Viaxou dende os petroglifos até ao medievo para mesturalos coas vangardas e co progreso”, sentencia Xavier Seoane.

Revistas. Publicacións levadas a cabo na faceta xornalística de Luís Seoane. Cabalgata, Correo literario e Galicia emigrante son algúns exemplos. Non obstante, é un aspecto da súa traxectoria cheo de tópicos. “Habitualmente, cando se fala de Luís Seoane, fálase de que fundou unha serie de revistas. Pero en realidade esas publicacións non eran máis que parte de proxectos editoriais previos. Se falamos de Correo literario falamos da editorial Nova, e se citamos Cabalgata, estamos a citar a Poseidón, unha editorial que non fundou el e que seguramente foi a primeira editorial do mundo centrada na arte”, explica Axeitos.

Progresista. Característica do pensamento de Luís Seoane e unha constante na súa obra intelectual. “Converteu a súa vida nun esforzo pola colectividade. Sempre tivo un carácter progresista que lle chegaba pola súa avidez de coñecemento. Era un home imaxinativo e capaz de unir aspectos moi diversos”, opina Xavier Seoane.

Transversalidade. Calidade que define o labor artístico e cultural levado a cabo polo insigne galeguista nado en Bos Aires. “O seu esforzo veu dado por unha acción colectiva, polo pensamento visual, pola comunicación. Falamos dun gran comunicador que se caracterizou por ese trazo diferenciador que o pensador Roland Barthes chamou transversalidade”, sinala o pintor Antón Patiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario