Hai 14 anos 185 países comprometéronse a reducir ao 50% o número de famentos, como moi tarde, no 2015 // O resultado? Ese ano había 845 millóns e hoxe xa superan os 1.020
MARGA TOJO . SANTIAGO
A Declaración de Roma de 1996 –o maior acordo da historia para loitar contra a fame, asinado por 185 países–, consideraba "intolerábel" que máis de 800 millóns de persoas no mundo "non dispuxesen de alimentos suficientes para satisfacer as súas necesidades nutricionais básicas e desenvolver correctamente as súas funcións vitais" e comprometíase a reducila á metade, como prazo máximo, no 2015. Cinco mil días despois ou, o que é o mesmo, catorce anos, os 845 millóns superaron por primeira vez a barreira dos mil millóns, á que sumaron outros vinte.
Mañá unha ‘pratada’ simbólica de repudia
Para sensibilizar a poboación e logar que o altofalante mediático se deixe sentir na escena política, as ONG adscritas á campaña Dereito á alimentación. URXENTE – Axuda en Acción, Cáritas Española, Enxeñería Sen Fronteiras e Prosalus– convocan os cidadáns a golpear pratos mañá diante do Museo Reina Sofía de Madrid, cando se alcanzan eses 5.000 días de "incumprimento" do Plan de Acción con sete grandes compromisos desglosados en 27 obxectivos, asinados pola abrumadora cantidade de estados.
O obxectivo, tal como o describe José María Medina, presidente da ONG Prosalus e coordinador da campara é "recordar esta violación masiva dos dereitos humanos, posto que a alimentación adecuada está recoñecida como un dereito na Declaración Universal de Dereitos Humanos e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais. Para o activista, "os países ricos téñenlle medo á gripe A, á sida, á malaria ou á tuberculose, pero non á fame, porque non é contaxiosa".
O 17 de novembro de 1996, o derradeiro día do cumio asinouse o seguinte documento: "Nós, Xefes de Estado e de Goberno prometemos consagrar a nosa vontade política a conseguir a seguridade alimentaria para todos e a realizar un esforzo constante para erradicar a fame de todos os países". Tomouse como referencia os últimos datos da FAO, que correspondían a 1990-92 e que daban unha cifra de 845 millóns de seres humanos subnutridos e asinouse o acordo. Este proxecto, reforzado no ano 2000 coa meta segunda dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) será de imposíbel cumprimento no prazo establecido, segundo os últimos informes da propia FAO. A finais de 2006, o Comité de Seguridade Alimentaria Mundial, órgano da FAO encargado do seguimento dos compromisos, realizou un exame do grao de cumprimento a metade de período. As conclusións foron que o avance obtido nos 10 primeiros anos no conxunto dos países en desenvolvemento fora practicamente nulo. Nos anos posteriores as cousas foron a peor.
Que fallou? Segundo o informe das ONG implicadas na campaña, principalmente tres aspectos: "Poderiamos pór sobre a mesa mil datos e argumentos; poderiamos falar de secas, de inundacións, de guerras, de biocombustibles, de comercio internacional, de pautas de consumo, de especulación financeira, de falta de investimento na agricultura, de insuficiente axuda desenvolvemento, de dumping, de industrialización da agricultura e doutras mil causas. Pero hai tres cuestións absolutamente relevantes: o modelo agrícola, a falta de gobernanza e a violación de dereitos humanos".
Nos últimos 30 anos desenvolveuse un modelo agrícola intensivo, competitivo, orientado ao mercado, que deixou á marxe ao pequeno campesiñado, á agricultura familiar. Mentres que nos 60 e 70, a través do acompañamento do campesiñado con programas de extensión agrícola, producíronse melloras na redución da fame no mundo, a partir dos 80, coa aplicación dos programas de axuste estrutural promovidos polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, desapareceu este tipo de traballo de apoio ao pequeno agricultor. Os ministerios dos países en desenvolvemento perderon peso, perderon orzamento, perderon persoal e perderon contacto directo coas comunidades campesiñas. O 75 % das persoas que pasan fame no mundo é poboación rural que depende da produción agropecuaria. Segundo as ONG implicadas: "Se o que queremos é ser eficaces na erradicación da fame no mundo, non serve calquera incremento da dispoñibilidade de comida nin serve calquera modelo de agricultura, porque o principal problema non é a produción –sendo importante– senón a distribución e o acceso. Se se quere loitar contra a fame a receita máis adecuada é primar a agricultura familiar que pon en primeiro plano a alimentación das familias campesiñas. A loita contra a fame require dar prioridade á atención a pequenos agricultores, pescadores artesanais, mulleres e outros grupos vulnerábeis, e o seu acceso aos recursos necesarios para producir de forma sostible os alimentos para ter unha nutrición adecuada".
TEÑEN SENTIDO?
Cumios, gran custo económico e moral
Grandes cumes, grandes compromisos e ninguén salvagarda o seu cumprimento. As reunións de alto nivel teñen un enorme custo: o investimento económico e o gran custo moral para milleiros que ven persoas perseverar o incumprimento das promesas, a pesar das grandes declaracións.
Tampouco a celebración destes grandes foros garante o avance efectivo nos compromisos. Carecen de poder vinculante, non hai ningunha instancia multilateral que faga seguimento do cumprimento das partes implicadas e non hai consecuencias en caso de incumprimento. “Fronte á realidades e fenómenos globais tan graves como a fame non existe unha gobernanza global, non hai adecuadas regulacións globais –explica a campaña Dereito á alimentación URXENTE–. Por iso, quizais o efecto máis interesante que a crise alimentaria poida ter sexa o empuxar cara a unha reforma da gobernanza mundial da seguridade alimentaria. Moi probabelmente, do éxito ou fracaso deste proceso de reforma dependa o futuro éxito ou fracaso da loita contra a fame. O Comité de Seguridade Alimentaria Mundial debe ser unha pedra clave desa reforma”.
Cada unha deses mil millóns de persoas que viven baixo a escravitude da fame é un caso de violación de dereitos humanos. A alimentación adecuada está recoñecida como dereito humano na Declaración Universal de Dereitos Humanos e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.
Peticións ao goberno español
Desde a Campaña Dereito á Alimentación. URXENTE solicítase:
· Que España asuma un papel de liderado, no seo da FAO para retomar o compromiso internacional.
· Que apoie a reforma do Comité de Seguridade Alimentaria Mundial para promover unha nova gobernanza máis efectiva.
· Que promova unha postura firme e comprometida da UE no Cume de Nacións Unidas para o seguimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que se celebrará en setembro.
Datos prácticos para reflexionar
· O mundo podería producir nos próximos anos alimentos suficientes para case o dobre da poboación mundial actual.
· En 2008 o prezo dos alimentos incrementouse en moitos lugares do mundo até un 40%. Os prezos de exportación do millo duplicáronse, o trigo aumentou un 40% e os do arroz triplicáronse. A FAO calcula que o gasto mundial en produtos alimentarios importados en 2007 aumentou aproximadamente un 29% en relación co dato histórico do ano anterior.
· A Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) destinada á agricultura descendeu nas últimas tres décadas, o que contribuíu a desincentivar o investimento público dos países en desenvolvemento neste sector. A AOD á agricultura descendeu do 18% en 1978 ao 3% en 2007.
· Nos últimos 30 anos, os 49 países máis empobrecidos do mundo pasaron de ser exportadores a importadores netos de alimentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario