venres, 6 de agosto de 2010

Quilombos urbanos


O día a día de 59 familias do Movemento dos Traballadores sen Teito nunha chocalatería abandonada de Salvador de Bahía é o eixe da serie Urban quilombo, que lle valeu ao fotógrafo Sebastián Liste unha bolsa do World Press Photo. Realizadas en branco e negro, estas instantáneas de Liste son o conmovedor retrato dun compromiso

Coa reportaxe fotográfica de denuncia social Urban Quilombo, o alacantino Sebastián Liste, de 25 anos, acaba de gañar a bolsa Ian Parry 2010 (IPS, en inglés) que convoca a prestixiosa institución fotográfica World Press Photo (WPP). Urban Quilombo documenta en doce instantáneas en branco e negro o cotián de 59 familias "sen teito" que viven no interior de Galpão da Araújo Barreto, unha fábrica de chocolate abandonada no centro da cidade de Salvador de Bahía.

Entre as ruínas desa factoría creouse, como di o título do traballo, un "quilombo urbano" ou ocupación que esas 59 familias, impulsadas polo Movemento dos Traballadores Sen Teito (MTST) de Brasil levaron a cabo en 2003. Orixinariamente, os "quilombos" eran asentamentos de escravos fuxitivos de facendas do Brasil rural, pero, nas metrópoles, derivaron en "quilombos urbanos" ou favelas onde malviven persoas que "non teñen voz nin están protexidas pola lei", sinala Sebastian Liste.

Para facer unha fotografía "en contra da que se leva hoxe en día", sen présas e en branco e negro, Liste visitou o "quilombo" bahiano en decembro, xaneiro e maio pasado, mentres cursaba o posgrao en fotoperiodismo da Universidade Autónoma de Barcelona.

Coa IPS 2010, Liste obtivo 3.000 libras esterlinas (3.612 euros), que vai investir en "Urban Quilombo", e a exposición deste traballo seu na galería Getty Images do 16 ó 21 de agosto, informou a Efe o establecemento londiniense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario