mércores, 2 de marzo de 2011

Ampla fenda salarial


As galegas gañan 4.700 euros menos ao ano que os homes  Para gañaren igual, terían que rematar o ano o 22 de febreiro, é dicir, traballar 53 días máis
REDACCIÓN. AXENCIAS
As galegas gañan “un 23,1 por cento menos” que os homes, o que en termos absolutos e anualmente supón “4.700 euros menos”. Así o denunciou onte UXT con motivo do Día Internacional pola Igualdade Salarial, que se celebra hoxe, e que constitúe unha xornada “simbólica”, indicou o sindicato, xa que, para unha muller, o ano non acaba o 31 de decembro “en termos salariais” senón que “para cobrar o mesmo que un home” durante 365 días ten que traballar, precisamente, “ata o 22 de febreiro”, é dicir, 53 días máis.
Segundo este sindicato, a fenda salarial prodúcese “en todas as autonomías” e a ganancia media anual das mulleres está “entre un 20 e un 30 por cento” por baixo da masculina. As maiores diverxencias, segundo o sindicato, danse en Asturias e Madrid, mentres que as menores se rexistran en Canarias e Baleares. 
Segundo os datos estatísticos correspondentes ao 2009, recollidos por UXT, o 33,5 por cento das mulleres perciben ingresos salariais “menores ou iguais” que o salario mínimo interprofesional, mentres que esta porcentaxe no caso dos homes “cae ata o 21,2 por cento”.

Entre os factores que desencadean esta situación, UXT apunta a que as mulleres ocupan postos de “menor valor engadido”. Tamén se detecta un maior peso de contratación “precaria” e a tempo “parcial. Ademais, subliña que aínda existen “discriminacións salariais” en traballos “similares” ós dos homes. 
No entanto, no eido español, as cifras son similares, tal e como constatou onte a sección estatal do sindicato, quen cifrou nun 20% a diferencia entre salarios –o soldo das mulleres españolas equivale a un 78,1% do que perciben os homes–. Concretamente, as mulleres con contratos temporais obteñen unha ganancia media do 88,3% do salario con respecto ós homes, mentres que esta media é do 76% para as que teñen contrato indefinido.
Segundo o informe do sindicato, realizado a partir dos últimos datos dispoñibles da Enquisa Anual de Estrutura Salarial do Instituto Nacional de Estatística (INE), de 2008, a xornada laboral inflúe notablemente nas diferenzas de retribución, como demostra que máis do 80 por cento das mulleres españolas desenvolven a súa actividade cunha xornada a tempo parcial.
A media en Europa non supera o quince por cento
Estas cifras sitúan a España entre os países que presentan unha maior fenda salarial entre homes e mulleres na UE, onde as traballadoras cobran de media un 15% menos que os homes. Con todo, a situación en España mellorou desde 2006, cando esta diferenza salarial superaba o 25%, destacou o sindicato. 
Por sectores, é o da educación o que menos diverxencias presenta, cun cociente de salario muller/home do 95,8, en contraposición ás actividades inmobiliarias e de alugueiro e os servizos empresariais, onde esta proporción foi do 67,7%. 
Doutra banda, o informe destaca que, aínda que cada vez é maior o número de mulleres que traballan, só un 45% delas contan cunha pensión de xubilación, fronte ó 80% dos homes. Pola contra, un 43% perciben pensións de viuvez, mentres que só un 1,5% son beneficiarios destas prestacións. 
Ademais, en relación coa contía das pensións, as mulleres percibiron en outubro de 2010, unha media de 599,79 euros, case un 40 por cento inferior ós 977,44 que cobran os homes como promedio. 
UXT considera necesario para corrixir a desigualdade abordala desde o ámbito laboral, político e económico. Concretamente, propón unha modificación do Estatuto dos Traballadores para, entre outras cousas, lograr máis información sobre as retribucións a través de procesos informáticos e de consulta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario