domingo, 6 de marzo de 2011

A guerra deixa sen educación 28 millóns de nenos no mundo


02.03.2011 A Unesco advirte de que non se alcanzarán os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio vencellados co ensino para o ano 2015 ·· O 42% dos nenos de primaria non asisten a clase

REDACCIÓN . SANTIAGO .

Os conflitos armados "rouban" a posibilidade de educarse a 28 millóns de nenos en todo o mundo, á vez que os expón a ser vítimas da violencia, agresións sexuais e outros abusos, afirma a Unesco no seu informe global 2011 difundido onte. O traballo, que leva por título "A crise escondida: conflitos armados e educación", advirte de que o mundo non está en camiño de alcanzar en 2015 os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) de Nacións Unidas relacionados coa educación.
Os avances logrados na universalización da educación primaria non evitarán que se incumpran os ODM "por unha boa marxe", particularmente nas rexións azoutadas polos conflitos armados no planeta, segundo o completo estudo da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco).
O traballo apunta que o 42% dos menores en idade de cursar a educación primaria que non asisten a unha escola, uns 28 millóns de nenos, viven en países pobres afectados por conflitos. En xeral, segundo o informe, o número de nenos por escolarizar, que sumaban 67 millóns en 2008, redúcese a un ritmo demasiado lento para alcanzar a educación primaria universal que promoven os Obxectivos do Milenio en todo o mundo.
Na rexión oriental deste país, azoutada por conflitos interminables, calcúlase que o número de violacións é 10 ou 20 veces superior ó de denuncias. "A violencia sexual ten un efecto devastador na educación: reduce o potencial de aprendizaxe da vítima, xera un temor que impide que as menores saian de casa á escola e conduce á deterioración do ambiente familiar necesario para cultivar a educación", explica o traballo presentado por Desmond Tutu.

INVESTIMENTO

Fondos públicos desviados para gasto militar
Por outra banda, denuncia que os conflitos desvían fondos públicos da educación ó gasto militar, como demostra o feito de que 21 países invistan máis en armamento que en educación básica.
Segundo a Unesco, se estes países reducisen nun 10% o seu orzamento militar, outros 9,5 millóns de menores terían acceso á educación.Así mesmo, recorda que co diñeiro que gastan os países ricos en defensa en só seis días se poderían recadar os 16.000 millóns de dólares necesarios para garantir que se alcancen os seis ODM relacionados coa educación en 2015, ós que se comprometeu a comunidade internacional no Cumio do Milenio de 2000.
O documento faise eco das denuncias de que as prioridades estratéxicas dos países doadores conduciron a concentrar a súa atención nuns cantos países, á conta de ignorar a situación no resto de nacións con graves problemas de desenvolvemento. Así, as doazóns á educación primaria en Afganistán quintuplicáronse nos últimos cinco anos, mentres quedaron estancadas en países nos que a situación é igual de deses- perada como Chad ou a República Centroafricana, e declinaron en países como Costa do Marfil. As poboacións desprazadas polos conflitos tamén afrontan graves barreiras para acceder á educación, xa que o índice de escolaridade nos campamentos de refuxiados da ONU no mundo árabe só alcanza o 42%, mentres que no sur e o oeste de Asia non pasan do 39%.
"Neste documento detállase de xeito descarnado a brutalidade da violencia que padecen algunhas das persoas máis vulnerables do mundo, incluídos os escolares", expón a introdución do informe.

NOVOS BRANCOS

Os centros, escenario de batalla en 35 países
A Unesco sinala que as escolas se converteron a miúdo nunha fronte de combate nos 35 países que sufriron un conflito entre 1999 e 2008. As aulas, os alumnos e os profesores son vistos como obxectivos lexítimos por algúns dos combatentes e son branco directo de ataques, como os 613 que sufriron as escolas afgás só en 2009.
No noroeste de Paquistán, os insurxentes perpetraron numerosos ataques contra as institucións que ensinan a nenas, mentres que 220 escolas no norte de Iemen foron destruídas, danadas ou saqueadas durante o conflito entre o Goberno e grupos rebeldes en 2009 e 2010, menciona o documento a modo de exemplo.
Os menores tampouco se libraron do uso da violencia sexual como arma de terror, particularmente nos conflitos máis complicados de África, como o da República Democrática do Congo (RDC), onde un terzo das violacións denunciadas teñen como vítimas a menores de idade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario