mércores, 11 de novembro de 2009

As memorias do Africano


Santiago Posteguillo conclúe a súa triloxía sobre Escipión, traizoado pola ambición dos seus inimigos políticos, "algo que non evolucionou na natureza humana en 2.200 anos"

V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Ante os índices cada día máis baixos de lectura, resulta curioso comprobar que existen libros que conseguen vender até 60.0000 exemplares. É o caso o filólogo e lingüista Santiago Posteguillo, autor dunha das sagas de novela histórica máis exitosas, dedicadas á vida e milagres do xeneral romano Escipión o Africano, que pasou á historia por ser un gran conquistador ao servizo do imperio. Onte presentou en Compostela o libro que pecha a triloxía, La traición de Roma (Ediciones B), un voluminoso tomo de máis de 800 páxinas que xa acariña o éxito de vendas das dúas entregas anteriores, Las legiones malditas e Africanus.

Esta última novela da saga dedicada a Escipión está elaborada a partir de textos de Polibio, xa que as memorias do xeneral romano perdéronse, non?

Si, de Polibio, de Tito Livio, doutros historiadores clásicos. A lástima é que se perderan as súas memorias. Despois de seis anos investigando sobre o personaxe parecíame que podía sentirme coa capacidade de intentar recrear non unhas memorias enteiras senón pequenas pinceladas que salpicaran o relato da parte final da súa vida. Creo que iso permite darlle unidade a esta obra.

Nun fragmento do libro, Escipión sentiuse o home máis poderoso, pero tamén o máis traizoado.

Roma, no seu proceso de ascenso e control de todo o mundo, engulía os seus heroes. Nesta novela, hai un home que está no cénit do seu poder, Escipión, pero é acosado polos seus inimigos políticos, especialmente, por Catón que consideraba que a excesiva popularidade de Escipión podía conducir a Roma a unha tiranía. O seu obxectivo é acabar con esta posibilidade. O tratamento que Roma, en mans de Catón, fai do maior xeneral que tivera até esta época, Escipión paréceme unha auténtica traizón. É unha novela sobre a ambición polo poder. Amosa como se recorre a calquera argucia política para conseguilo.

O cal non variou demasiado...

Non, o que demostra este libro é que a natureza humana non evolucionou nalgúns aspectos en 2.200 anos.

Describe a discusión política do Senado onde todo vale: a demagoxia, a manipulación, pero, á vez, tiñan unha oratoria excelente.

Eu coido que os políticos da antiga Roma eran tremendamente feroces e brutais nos seus enfrontamentos políticos pero hai que recoñecer que falaban moi ben. Iso procurei ilustralo nos debates do Senado e cando entramos no xuízo de Catón contra Escipión, que reconstrúo case hora a hora.

Que este libro sexa tan voluminoso débese, en parte, a que describe con minuciosidade detalles como as batallas.

Si, a extensión vén tamén pola épica. É unha novela coral con 70 personaxes e varias historias que se van entrecruzando. Iso dilata o relato pero, á vez, faino máis atractivo. Esa extensión que podería botar para atrás o lector, se só le cinco páxinas, fai non o poida deixar.

Iso explica o éxito das súas dúas novelas previas, que chegaron aos 60.000 exemplares vendidos. En certa maneira, nos últimos anos estase a producir un grande éxito da novela histórica.

Si, a verdade é que é sorprendente que a recomenden en medios internacionais ou que crítica e público vaian da man. Iso agradézollelo aos lectores en internet que dende 2006 foron empuxando os meus libros.

Existía en verdade certa relación de simpatía entre Escipión e Aníbal, dous inimigos declarados?

Eu creo que Escipión e Aníbal chegaron a trazar unha relación de mutuo respecto dentro de ser opoñentes, xa non inimigos pois os inimigos internos foron os que acabaron con eles. Tiñan vidas paralelas.

NOS COMBATES

"Os romanos sempre resistían"

Tamén reconstrúe a vida en Roma como as execucións ou as loitas de gladiadores. Foi nese momento no que naceu a cultura do espectáculo?

Si, de feito, nestas novelas estou descubríndolle ao lector unha Roma que non coñece. Eu describo unha Roma que emerxe, na que os sumidoiros están a ceo aberto e os senadores din que habería que pechalos, e comezan as primeiras loitas de gladiadores.

Hai unha parte na novela na que os romanos aparecen como un pobo estraño.

Si, iso póñoo na mente de Aníbal no sentido de que non deixa de admirarse de que os romanos teñen unha gran capacidade de resistencia. En situacións de inferioridade, os romanos non aceptaban negociar senón que seguían no combate.

Como está sendo a súa experiencia de escritor?

Ao principio non me afectaba en gran medida porque escribía dende os vinte anos. Pero cando sae "Las legiones malditas", houbo un impacto importante entre os lectores. Agora, con esta terceira novela, teño que aprender a encaixar este novo aspecto dunha certa popularidade como escritor coa miña vida cotiá. O que non levo ben é que teño menos tempo para escribir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario