domingo, 15 de novembro de 2009

O discurso rexionalista


A investigadora Andrea Geniola indaga no xeito no que a ditadura manipulou no seu proveito os recursos etnoculturais e historicistas dos nacionalismos periféricos

M. DOPICo- Galicia-Hoxe, 13-11-09

O franquismo artellou o seu propio discurso "rexional" manipulando os "recursos etnoculturais e historicistas de provincias e rexións" , de xeito que, ao mesmo tempo que negaba a realidade plurinacional do Estado, "a miúdo as glorias locais, os símbolos rexionais, a historia local e incluso as mesmas linguas non castelás poden converterse en verdadeiros depósitos da tradición e a identidade da nación española na súa dimensión local".

Son reflexións que Andrea Geniola, da Universitat Autònoma de Barcelona-CEFID, recolle na comunicación que enviou ao VII Encontro de Investigadores sobre o Franquismo, que se celebra estes días en Compostela. Fernando Molina comentou onte este traballo -que se pode ler en http://investigadoresfranquismo.com-, xunto cos doutros tres investigadores, nunha sesión deste congreso centrada nas identidades e conflitos territoriais.

A construción do discurso rexional franquista desenvolveuse, segundo Geniola, de dúas maneiras. "Por unha banda, o folclore rexional preséntase como unha verdadeira invención do franquismo a través da regulación dun conxunto de festexos e momentos de representación da identidade local. Por outra, faise efectivo o papel da erudición local a través das institucións culturais provinciais xestionadas polas deputacións e polo Patronado Quadrado do CSIC", escribe.

"Desta forma, os mesmos recursos etnoculturais e historicistas que significan a base material dos nacionalismos periféricos son obxecto dunha manipulación en sentido contrario por parte do oficialnacionalismo español. Se os nacionalismos periféricos tenden a universalizar os recursos locais, a oferta rexional franquista fundaméntase na súa exaltación particularista como parte da nación española", engade.

"Sen vontade de adiantar conclusións faltas de estudos máis profundizados, parece que onde foi posible as elites post-franquistas locais faríanse rexionalistas individuando na reivindicación autonomista unha vía útil e efectiva para a súa reciclaxe e incorporación no xogo político democrático", asegura a autora. Nalgúns casos, indica, producíronse "novas identidades rexionais", como en Cantabria e na Rioxa, a través da "produción de nomes, simboloxías e discursos aptos para xustificar, e dalgunha maneira inventar", estas comunidades.

O encontro acolleu tamén onte unha sesión sobre as dinámicas políticas durante o franquismo na que Martí Marín comentou varias comunicacións enviadas ao congreso, entre elas unha de Pau Casanellas, da UAB-CEFID, sobre a represión contra ETA no período 1972-1974.

Casanellas sostén neste traballo que as prácticas cada vez máis desmedidas de represión do réxime franquista contra ETA tiveron un efecto contraproducente que contribuíu ao reforzo da estratexia militar desta organización. O proceso de Burgos favoreceu, segundo o autor, que "o vasquismo en xeral, así como a causa de ETA en particular, foran amplamente coñecidos e apoiados no eido internacional" e a súa deostación pública conseguiu que se "pertrechase dunha lexitimidade que doutro xeito lle sería moito máis difícil adquirir".

A Sección Femenina en Ourense foi o tema estudado por outra das investigadoras, Ana Cebreiro, da Universidade de Vigo, que afondou na importancia que acadou esta organización na socialización da muller segundo un modelo baseado "na submisión ao home, ao fogar e á familia". Na sesión sobre as dinámicas políticas presentouse tamén un traballo de Javier Domínguez, da Universidade de París XIII, sobre os xudeus e masóns na propaganda franquista. A demonización destes dous grupos, diferentes e minoritarios, foi utilizada, segundo o autor, "como un mecanismo para regular as tensións e controlar a disidencia interior de cada facción".

O historiador Santiago Vega, do Foro pola Memoria de Segovia,-na imaxe, á dereita, ao lado de Emilo Grandío e Martí Marín-, presentou onte no Encontro de Investigadores sobre o franquismo unha exposición sobre a represión, que acolle estes días a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Formada por 24 paneis, a mostra reflicte o proceso que se saldou con "145.000 execucións", miles de afectados polas incautacións de bens, encarcerados, internados en campos de concentración... O historiador salientou que a represión se mantivo ata o final da ditadura

SESIÓNS

Novos enfoques no estudo do mundo do traballo

O Encontro de Investigadores sobre o Franquismo acolleu tamén unha sesión sobre o Mundo do Traballo. Daniel Lanero presentou os traballos agrupados pola organización baixo este epígrafe, parte dos cales abren "novos enfoques" nas liñas de investigación, segundo comentou.

Un deles é un artigo no que Antonio Míguez Macho compara as políticas sociais do franquismo coas das ditaduras latinoamericanas dos anos 70. O franquismo "non inventará novas medidas sociais, nin aplicará principios teóricos estritamente orixinais: a retórica do réxime, especialmente na súa fase "azul" terá moitas débedas coos fascismos e réximes de tendencia corporativista do período de entreguerras", escribe o autor. O franquismo si foi orixinal, segundo este investigador, na redución do gasto público que se traduciu nun adelgazamento da faceta social do Estado con respecto á Segunda República. Con políticas económicas que se reforzaron nos 50 e se consolidaron nos 60, apoiadas na "baixa remuneración do factor traballo", que precisaban "dun goberno autoritario" e "dunha fase de exterminio previo que acabara cos "inimigos" do réxime e das súas ideas", como nas dictaduras latinoamericanas dos setenta.

No encontro celebrouse, por outra banda, unha sesión sobre migracións e exilios. Todos os traballos que están a ser comentados neste congreso están dispoñibles en http://investigadoresfranquismo.com/encuentro/comunicaciones-aceptadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario