xoves, 26 de novembro de 2009

Na escola da vida: a lección das mulleres d'As Encrobas


Música tinguida de recordos esta semana pola parte de Cerdeda, nunha xornada organizada polo Sindicato Labrego Galego.

Vieiros - 26/11/2009

Fermosa xuntanza este mércores no local social de Pontoxo, en Cerceda, onde o Sindicato Labrego Galego aproveitou a convocatoria deste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para organizar unha xornada especial.
A V Festa das Mulleres na comarca ordense, centrouse así desta volta na lembranza do papel que as mulleres tiveron na loita d'As Encrobas, hai máis de trinta anos. Houbo momentos para a lembranza, protagonizados por veteranas do movemento veciñal que estiveron en primeira liña naquel tempo, e tamén momentos musicais emotivos coa interpretación da "Cantiga das Encrobas", a peza con letra do poeta chairego Manuel María e popularizada musicalmente por Fuxan os Ventos.
Nun cartaz, algunhas das persoas asistentes deixaron a súa pequena homenaxe:
"Na escola da vida hai leccións fundamentais, como a das mulleres das Encrobas. Grazas de corazón polo voso exemplo de dignidade"
"As mulleres das Encrobas, exemplo de loita, fortaleza e alegría"

Ningún comentario:

Publicar un comentario