Apoian a política antinuclear de Barack
EFE- Galicia-Hoxe. 14-11-09
Sete anciáns sobreviventes das bombas atómicas de Hiroshima e Nagasaki pedíronlle onte en Toquio a Obama a abolición das armas nucleares "para previr que unha traxedia así volva repetirse". Os hibakusha, como se coñece ós sobreviventes do ataque nuclear de EEUU ao final da II Guerra Mundial, concentráronse nas inmediacións da Embaixada estadounidense en Toquio. Tras leren varios testemuños a través dun altofalante, un grupo de sobreviventes entregoulle a un funcionario do recinto diplomático varias cartas destinadas a Obama.
"Dentro de vinte anos non quedará ninguén que lamentablemente padeza os horrores do ataque nuclear para transmitirlle a historia á seguinte xeración", indicou unha das hibakusha de Hiroshima, Kazumi Tsuchida, de 68 anos, na súa mensaxe ó presidente. As vítimas do bombardeo de agosto de 1945 expresaron o seu "total apoio" á política de Obama a favor dun mundo sen armamento atómico. Tadao Wakasugi, de 78 anos e vítima da bomba de Nagasaki lembrou que Obama dixo que o lanzamento da bomba foi lamentable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario