martes, 17 de novembro de 2009

Novembro en Palestina


A semana pasada coincidiu con varios aniversarios -21 anos da independencia, por exemplo- que fan deste, un mes especial para o pobo palestino.

Moncho Iglesias Míguez - Vieiros 16/11/2009

Novembro é un mes para a nostalxia, que rememora pasadas vitorias non repetibles: o derrubamento do muro de Berlín (9 de novembro de 1989) obriga a pensar no desexo da destrución dos novos parapetos erixidos en diferentes partes do mundo; o aniversario do pasamento de Arafat (11 de novembro de 2004) invita a reflexionar sobre quen é o culpable desa morte e doutras anteriores e posteriores; a declaración de independencia de Palestina (15 de novembro de 1988) proclama un desexo non cumprido que aínda se ve como soño ou pesadelo; a decisión de pospoñer definitivamente as eleccións palestinas prolonga o ideal de votar libremente, aínda que sexa sen liberdade.

Hai vinte anos, en Europa, parecía abrirse un espazo para o entendemento grazas á caída do muro de separación entre as dúas Alemañas. A emoción daquel momento esvaeceuse pronto e con ela a idea de non erguer máis murallas entre as xentes. O pobo palestino, separado por fronteiras de formigón dificilmente destruíbles, continúa a ver na caída do muro un irmandamento de propósitos. Por iso, o agasallo para conmemorar o aniversario da caída do muro divisorio berlinés celebrouse, en Palestina, facendo o propio: derrubando parte do muro. O evento non deixou de ser máis que unha anécdota para reflectir unha realidade illada que non ten visos de caer.

Hai vinte e dous anos, o 15 de novembro de 1988, o Consello Nacional Palestino proclamaba a independencia do estado palestino, en Alxeria, albiscando, deste xeito, a posibilidade de acadar a paz. Daquela, Iasser Arafat, que en 1974 se presentará na ONU cunha póla de oliveira e unha arma, era a icona do movemento de liberación do seu pobo e un dos obxectivos a eliminar por parte israelí. Arafat representaba a unidade dunha xente espallada polo mundo, cunha necesidade común: conseguir a cidadanía dentro das súas propias cidades. Os berros de independencia só foron aplaudidos, sen festexos, como hoxe en día. As rúas palestinas baléiranse esta xornada, en sinal de festexo e dó polo conseguido e polo aínda por acadar.

Ese símbolo de liberación, Arafat, sempre vestido con terra de palestina, non logrou vencer e conseguir a unidade da súa nación e dos seus. Cinco anos despois da súa morte, os seus logros seguen a convocar masas e ideas, así como eloxios dun pasado mellor, no que os líderes das diferentes frontes permanecían xuntas por un motivo común. Unha vez máis, a actualidade é outra: as disputas internas son cada vez maiores e o consenso outra utopía máis a engadir a ese gran soño que é a construción dun estado nacional palestino, de noraboa, por estar hoxe de cumpreanos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario