Efe- La Voz de Galicia- 22-11-09
Un informe do Goberno británico sobre as leccións aprendidas tras a guerra de Iraq revela erros «atroces» na preparación da invasión para derrocar a Sadam Husein no 2003 e xestionar a posterior ocupación.
O documento, difundido hoxe por The Sunday Telegraph, dáse a coñecer dous días antes do inicio da investigación pública sobre a participación do Reino Unido na guerra, que contou co apoio do entón primeiro ministro británico, Tony Blair.
Segundo este xornal, o informe contén entrevistas con altos mandos do Exército, que explican que as tropas británicas foron expostas a «riscos significativos» por mor dunha operación «precipitada», que «careceu de coherencia e recursos».
Trátase de centos de páxinas con datos clasificados como «secretos», nos que os responsables da invasión sobre o terreo expresan a súa frustración e enfado co Goberno.
Esta preparación precipitada foi consecuencia de que Blair quixo manter nun pequeno círculo os seus plans para apoiar a Estados Unidos na invasión de Iraq, que, segundo estes documentos, comezaron en febreiro do 2002, trece meses antes do inicio do a operación militar, e que tiñan como obxectivo principal derrocar a Sadam Husein.
Durante todo o 2002, Blair reiterou publicamente que o obxectivo do Reino Unido era «desarmar a Iraq, non cambiar o seu réxime» e que non había preparativos en marcha para invadir o país mentres continuasen os esforzos diplomáticos para que o deposto réxime de Bagdad renunciase ao seu inexistente arsenal de destrución masiva.
Cítase ao xeneral Graeme Lamb, responsable das forzas especiais durante o conflito, que di textualmente: «eu había estado preparando a guerra desde principios do 2002».
Os documentos revelan que a invasión contou cuns recursos case ridículos, ata o punto de que algunhas unidades entraron en combate con cinco balas para cada un dos seus soldados.
Tamén se pon de relevo que moitos militares tiveron que ser desprazados ata a zona de combate en avións de aerolíneas comerciais, levando como equipaxe de man o seu armamento, que nalgúns casos foi ata confiscado nos aeroportos.
O sistema de radio durante o combate deixaba de funcionar cada día ao mediodía a causa da calor e a cadea de subministracións mostrou erros tan ridículos como o de facer chegar ata o deserto «un colector cheo de esquís», segundo un dos militares.
O Foreign Office non creou un departamento para xestionar a posguerra ata tres semanas antes do inicio da contenda, que elaborou plans que «non contiñan detalles sobre que facer unha vez que Bagdad caese», o que causou numerosos problemas.
Os xefes militares cualificaron de «atroz» e «horrorosa» a falta de apoio do Goberno á reconstrución, o que, en palabras duns dos comandantes, fixo que se perdese unha oportunidade de ouro» para gañarse o apoio da poboación iraquí.
Tamén denuncia a case absoluta ausencia de plans para salvagardar a seguridade dos civís iraquís e para cumprir as obrigacións de guerra da Convención de Xenebra.
A análise do combate conclúe que foi «un éxito militar significativo», pero admite que foi contra «un exército de terceira» e que careceu da preparación necesaria para facer fronte aos problemas dos cruciais primeiros 100 días da ocupación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario