venres, 27 de novembro de 2009

Muller e obreira


Claudia Brenlle é unha cineasta galega nacida no Brasil cunha obra que vai máis alá do etnográfico para reflexionar sobre a feminidade e a clase traballadora. A ela dedícalle hoxe o festival Cineuropa de Santiago a cuarta xornada do seu ciclo ‘Emerxentes’ coa proxección da curta ‘Bata por fóra’ e da mediametraxe ‘O Club dos Sen teito’

Galicia-Hoxe, 27-11-09

As sesións especiais Emerxentes do festival compostelán Cineuropa, organizado pola Concellaría de Cultura, péchanse hoxe cunha xornada -a cuarta do ciclo- dedicada a Claudia Brenlla. A cineasta galega nada no Brasil presentará, a partir das oito na Aula Sociocultural Caixa Galicia, a curta Bata por fóra (Muller por dentro) e a mediametraxe documental O Club dos Sen Teito.

Na presentación da xornada, celebrada onte e á que non puido asistir a directora, o director de Cineuropa, José Luis Losa, lembrou que Bata por fóra... xa se proxectara na edición pasada de Cineuropa, e que demostrou que Claudia Brenlla non só se centra nos temas etnográficos, senón que tamén, naquela curtametraxe, amosa unha reflexión sobre a feminidade e a clase traballadora.

A cinta foi, ademais, galardoada recentemente no I Festival de Cine Feito por Mulleres, o Mufest, que se celebrou en Compostela e no que logrou o segundo premio.

"Este ano, como novidade, a cuarta sesión dedicada aos cineastas emerxentes presenta O Club dos Sen Teito, explicou Losa, "onde amosa o movemento asociativo que se dá en Salvador de Bahía, no Brasil".

A mediametraxe que se presenta esta noite na Aula Sociocultural Caixa Galicia "asimila as directivas do movemento dos sen terra", e desenvólvese no antigo club social Portugués, tomado por este movemento asociativo, "que fixo unha ocupación ordenada, reflectida no filme, mediante un sistema democrático asembleario", avanzou José Luis Losa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario