Nai da Praza de Maio, loitou incansabelmente durante máis de trinta anos pola memoria do seu fillo desaparecido e contra a impunidade dos seus asasinos.
- Artigo de Manuel Martínez Barreiro: Zamba para Nisa
Redacción - 10:00 29/11/2009
Carácter indómito, serenidade ou valentía son algúns dos cualificativos que neste día se repiten por todo o mundo para recordar a Dionisia -Nisa- López Amado. Cúmprese un ano do falecemento en Bos Aires da integrante galega das Nais da Praza de Maio, coñecida como Galega da Zona Norte, unha muller que se distinguiu pola súa enerxía, entusiasmo e coraxe na denuncia da impunidade dos asasinatos cometidos pola ditadura militar.
Nisa procuraba saber dende 1976 o destino do seu fillo Antonio, secuestrado e desaparecido polas forzas militares arxentinas xunto coa súa muller, Stella Maris, cando non sumaban máis de 24 anos. Dende entón, a galega, que chegara de Cedeira co fillo acabado de nacer (en 1952) iniciou a súa incansábel busca nas comisarías, no Campo de Maio... sen atopar rastro algún. Foi daquela cando se implicou de cheo na incesante loita das Nais da Praza de Maio.
"Convertinme nunha das primeiras Nais", dixo nunha visita a Vigo, "co meu pano branco e a miña dor ás costas". Até a súa morte foi titular da Comisión de Familiares de Desaparecidos e presidiu, de xeito honorario, a Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza da Zona Norte de Bos Aires. De herdanza deixou un exemplo de dignidade: "non quero vinganza, só preciso xustiza", dicía orgullosa de non igualarse aos seus inimigos. Como no seu día dixo o xornalista Vicente Romero, "foise, mais sen derrota, porque a súa voz, a súa forza e a súa perseveranza contribuíron primeiro á derrota da ditadura e, despois a acabar coa impunidade dos xenocidas uniformados".
Ningún comentario:
Publicar un comentario