domingo, 8 de novembro de 2009

Os murais do formigón


Recuperan un cento de grafitos no "East Side Gallery", o tramo máis longo aínda en pé do Muro de Berlín, destinado aos turistas

GEMMA CASADEVALL/EFE - Galicia-Hoxe, 7-11-09

A East Side Gallery, o tramo máis longo aínda en pé do Muro de Berlín, presentouse onte co seu centenar de grafito recentemente recuperados polos artistas que os estamparon tras a fin da división cidadá e revitalizado como imán para os turistas ansiosos de ver que quedou da Franxa da Morte.

Puntualmente, ante o vixésimo aniversario do 9 de novembro de 1989, regresou sobre os restos de formigón o groso do colectivo de 118 ilustradores e pintores de todo o mundo que en 1990, uns meses despois da caída do Muro, participaron na acción colectiva de plasmar os seus murais desde o lado oriental.

O famoso e apaixonado bico entre Leonidas Breznev e Erich Honecker, pintado polo ruso Dimitri Vrubel, volve lucir sobre os 1,3 quilómetros de tramo do Muro que forma a East Side Gallery e é así mesmo a peza máis fotografada polos seus visitantes.

"Foi emocionante sentirse de novo como vinte anos atrás, recuperando o noso testemuño sobre o que vivimos entón en Berlín", explicou Ignasi Blanch nacido en 1963 e único español entre o centenar de artistas que integraron a experiencia, con Parlo d"amor (Falo de amor).

Mentres Vrubel se inspirou para o seu Bico fraterno nunha fotografía tomada en Berlín en 1979, co saúdo entre os líderes xermano-oriental e soviético no trixésimo aniversario da República Democrática Alemá (RDA), Blanch plasmou unha imaxe máis lírica "do sentimento de amor que entón nos envolveu".

A recuperación dos grafiti, dos que apenas quedaban os trazos tras vinte anos expostos á dura climatoloxía berlinesa, é unha iniciativa privada, coordinada polo artista xermano-iraniano Kani Alavi, que custou uns 2,2 millóns de euros.

Para a reinauguración desta mostra contouse coa presenza do alcalde-gobernador de Berlín, Klaus Wowereit, quen paseou ante os 103 murais mentres novos modelos desfilaban en minisaia e outras vestimentas inspiradas neses grafitos. O tramo do Muro está nunha zona algo inhóspita de Berlín e queda a anos luz do que foi a Franxa da Morte nos seus 28 anos de existencia: 155 quilómetros que enfaixaron o Berlín occidental e a cuxo redor rexía a orde de disparar a matar contra quen tratase de fuxir ó oeste.

Hoxe é un punto de grande afluencia turística, como o Checkpoint Charlie, antigo punto de control fronteirizo entre o sector estadounidense e o oriental, onde así mesmo se atopa agora un Museo do Muro -tamén privado-, o máis visitado de Berlín. Ademais, no interior do museo recréanse algunhas das fugas máis vistosas da RDA.

VIVENCIAS

"Os grafitos da East Side Gallery foron unha mostra meritoria de arte espontánea, co que se ilustrou o sentimento colectivo de liberdade coa desactivación da Franxa da Morte", explicou Michael Hasselhof, crítico de arte. "Non me defino como artista, son un ilustrador", responde Blach. Para o artista,"debería haber un centro onde se trate seriamente o que foi a Franxa da Morte, e tamén o que quedou tras a súa caída".

Ningún comentario:

Publicar un comentario