Ao ditador non lle tremeu a man á hora de asinar cinco sentenzas de morte en setembro de 1975
Xornal.com 20/11/2009
A compuxida faciana de Arias Navarro anunciando a morte do Caudillo; os rueiros dalgunhas cidades e uns poucos monumentos é todo o que fica na memoria colectiva do ditador Francisco Franco, falecido hai hoxe 34 anos. O sátrapa expirou aquel 20 de novembro de 1975 despois dunha doenza que o estivera a encurralar durante varios meses. A enfermidade, porén, non lle impediu ao xeneral que se rebelou en 1936 contra a República asinar cinco condenas de morte contra tres membros da FRAP e dous de ETA apenas dous meses antes do seu pasamento.
Máis de tres décadas despois da morte de Franco, cando o país xa case o soterrou na memoria, unha parte dos cidadáns enfróntase ao reto de desenterrar a aqueles que o ditador condenou ao esquecemento. As cifras baralladas por diversos historiadores sitúan nunhas 143.000 as persoas asasinadas durante a guerra civil e a posguerra. Unha parte delas, aínda fica soterrada en gabias espalladas por todo o país.
MOCIÓN DO PNV
En 2005, o Congreso aprobou a Lei da Memoria Histórica para reparar moralmente ás vítimas do Caudillo. Nas véspera do 20-N, o PNV instou aos partidos que votaron o texto legal hai catro anos a que obriguen ao Goberno a manterse firme diante duns compromisos que, segundo os nacionalistas, foron “traizoados”. O partido vasco procuraba onte un acordo co PSOE no que solicitaban a retirada das subvencións a aquelas entidades, públicas ou privadas que manteñan símbolos franquistas; e outro pacto parlamentario para que se indemnizase a familiares de presos de ETA que foron asasinados entre o 1 de xaneiro de 1968 e o 6 de outubro de 1977, o día no que entrou en vigor a Lei de Amnistía. O PNV quere dar asemade o prazo máximo dun ano para que o mapa de fosas comúns estea rematado e o Goberno cree un regulamento para a especial preservación destas áreas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario