Antón Pazos sinala a relevancia que o discurso do "martirio" dos católicos adquiriu para a definición das posturas das Igrexas europeas sobre a guerra civil
M. DOPICO . Galicia-Hoxe, 15-11-09
"Un dos motivos máis importantes da guerra civil foi o relixioso. O levantamento comezou sendo militar, e acabou sendo definido como cruzada para defender o "catolicismo" fronte ao "comunismo". Esta formulación espallouse por todo o mundo, e en cada país producíronse, nas Igrexas, tomas de postura a favor ou en contra. O discurso da Igrexa mártir tivo moita forza. Unha carta enviada aos bispos de todo o mundo no ano 37 recibiu mostras de solidariedade de moitos países. Foi un fenómeno especial: a presencia da Igrexa católica española no mundo nese momento. Máis adiante, foi só unha Igrexa máis".
Antón Pazos, coordinador do coloquio sobre as relixións e a guerra civil española en Europa, que se clausurou onte en Santiago de Compostela, condensou con palabras coma estas a cerna do tema que expertos de toda Europa trataron no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
"Hai que matizar moito para entender o que pasou. En cada país, as Igrexas reaccionan segundo os estereotipos sobre España e a Guerra Civil. E as ideoloxías pesan moito. En Inglaterra, os católicos están cos nacionais e os protestantes, en gran medida, coa República, pero a cabeza máis visible dos que están coa República foi unha aristócrata católica. Os irlandeses envían axuda humanitaria. A Igrexa portuguesa tivo unha actitude discreta: en Portugal tamén había unha ditadura...", comentou Pazos.
Tamén houbo disidencia, fronte ao posicionamento de cada Igrexa. "O francés Georges Bernanos escribiu un libro no que denunciou a represión en Mallorca, e acusou a Igrexa católica de colaborar coa represión. Estamos analizando documentación: o arquivo do que era na guerra civil primado de España, o cardeal Gomá; os arquivos do Vaticano do período de Pío XI... Hai moitas posturas ideolóxicas. Por exemplo, nos documentos hai diferentes visións sobre os nenos vascos que foron enviados a outros países, segundo os republicanos para protexelos das bombas, e segundo os nacionais para que os republicanos puidesen facer propaganda en favor da súa causa na prensa", dixo.
Houbo voces que se ergueron contra a complicidade da Igrexa na represión e a súa lexitimación do golpe. "Houbo moitos curas que se opuxeron á represión. Moitos cregos nacionalistas vascos foron fusilados ou encarcerados polos nacionais... Non eran disidentes no sentido relixioso, pero si no político. E houbo moitos sacerdotes cataláns en contra dos nacionais", lembrou.
A propaganda foi determinante. "Dicíase que os curas eran todos aliados dos fascismos, que se gardaban armas nas Igrexas... e así xustificouse a queima de Igrexas. Isto foi moi marcante para a opinión pública, como os masacres de relixiosos e relixiosas...", afirmou.
A Igrexa católica foi evolucionando, igual que o rexime franquista, de xeito que non é a mesma a dos 40 que a dos 60 ou 70. "É certo, non é o mesmo Gomá que Tarancón. Pero iso non afectou tanto ás relacións coas igrexas de Europa, no sentido de que a igrexa española deixou de ser tan determinante como o fora na época da guerra".
AS CANLES
Publicacións de ordes relixiosas e xornais católicos
"Non funcionou tanto a máquina propagandística nova que se creou, como a estrutura que xa había: as publicacións de ordes relixiosas, como os xesuítas, os periódicos católicos...", dixo.
"Sobre os xudeus, o que se adoita crer é que foron pro-republicanos, pero a cousa é máis complexa. Había moitos nas Brigadas Internacionais, pero o discurso da conspiración xudeu-masónica foi posterior. A xerarquía católica rexeitou o racismo. Hai que ter en conta que houbo diferenzas entre Igrexa e Falanxe pola cuestión alemá, polos nazis", sinalou. Polo xeral, engadiu, as igrexas protestantes puxéronse menos ao lado dos sublevados contra o goberno democrático da República que as católicas.
Todos estes debates estiveron máis presentes no seo da propia Igrexa, -asegurou Pazos, nos anos 70. Aínda que o desexable, desde o seu punto de vista, é que a discusión queda cada vez máis no ámbito académico. O estudo das relixións e a guerra civil é un enfoque da historia contemporánea que está a desenvolverse ao abeiro da consulta de fontes como os arquivos do Vaticano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario